Analizáronse dúas pezas de propaganda electoral do Partido Popular, unha do ano 2003 (programa) e outra de 2007. Nos programas e nas campañas do PP sempre hai unha ou dúas “obras faraónicas” proxectadas, grandes infraestruturas que nunca chegan a cumprir (nalgún caso como o dos portos deportivos, por fortuna, tamén hai que dicir).
Programa 2003
Obra estrela: Proxecto Porto Deportivo. Na última páxina do seu programa, sen ningún tipo de explicación, aparece unha foto de satélite do porto de Tragove ao cal se lle engadiu unha nova parte de espigón (de dimensións considerábeis) e unha gran praia artificial resgardada, mirando a Cambados. Podes premer na fotografía para ampliar.
Outras promesas esquecidas: Unha moi gorda, a da Sede para o Consello Regulador do Viño Albariño, que se supoñía que estaría no Pazo de Torrado e finalmente o PP levou para Pontevedra. Dúas relacionadas: “Solo para vivendas sociais” e “Máis vivendas sociais”, algo que non só non se levou adiante senón que o goberno local rexeitou un plan do bipartito para facer vivenda pública na zona da Grenla.
Unha tamén recurrente: “Aparcamentos soterrados en A Merced, A Xuventude e na Avda. de Galicia (fronte á Sociedade Cultural)”.
Obras estrela: O PP, na última páxina do boletín que repartiron no propio mes das eleccións, prometía unha “Área Lúdico-Comercial con zonas verdes e peonís” que incluiría segundo eles “600 plazas de aparcamientos [sic] soterrados e de superficie nas inmediacións da Praza de Abastos” e un “porto deportivo en Sto. Tomé”. Podes ampliar a imaxe premendo nela.
Outra das obras estrela foi o centro de día que os conservadores prometeron construir no antigo matadoiro. A día de hoxe a Xunta non ten consignada unha partida para este fin a pesar de que na Festa do Albariño alcalde e conselleira prometeron outra vez construilo.
A falta do programa completo do PP de 2007 deixamos para outro artigo a análise pormenorizada das propostas incumpridas destes catro anos. Se ti tes o programa podes poñerte en contacto con Cambados(tk) no email cambadostk@gmail.com para facilitárnolo.
Rematar esta publicación cunha frase que José Manuel Cores Tourís escribía na carta electoral aos veciños hai catro anos: “Síntome satisfeito de poder asegurar que, a diferencia doutros, o Partido Popular sempre cumpre cos seus compromisos”.
Conversa
Trackbacks/Pingbacks
Pingback: CTKast – Episodio Un: Aqui non hai praia | Cambados(tk) - 20/05/2016