É un feito que non ten demasiada solución, deberá vir de dentro da prensa cando decidan ser realmente independentes e escapar das garras non xa políticas, senón económicas e laborais que o Partido Popular texeu durante vinte anos en Cambados e no Salnés.
O desta fin de semana é unha mostra clarísima do que sucede ca prensa: o venres e o sábado o Diario de Arousa ocupa unha grande porción das páxinas cos actos de presentación de Aragunde, o sábado é La Voz de Arousa quen fai o propio e onte e hoxe é o Faro de Vigo quen lle dá cancha ao partido de goberno. Non sei se se poñen dacordo pero parece que o fan de xeito escalonado para prolongar a presenza de Aragunde nos medios…
Por certo, que hoxe este xornal lle publica a Aragunde unha entrevista que non ten desperdicio: entre outras cousas o candidato do PP afirma que o seu partido vai peonalizar Fefiñáns “nuns seis ou sete anos” (habería que recordalle que as lexislaturas duran catro) porque hai que facelo en “épocas de bonanza” (quizais é que nos últimos vinta anos non as houbo).
Ademais Aragunde volveu a prometer unha praia para Cambados, basicamente desde a Calzada até Tragove, e fíxoo en resposta a unha pregunta do xornalista que dicía asi: “El mayor problema de Cambados es la falta de playas”, unha pregunta que denota unha sutil falta de coñecemento dos problemas reais do noso Concello. Porque desde logo a falta de praia non creo que nin que acade a categoría de “problema” cando temos tantas, naturais e boas, nun radio tan pequeno.
Respecto á candidatura do PP, Aragunde afirma que será continuísta pero que “tenemos un as en la manga”. Haberá que agardar para coñecer ese as.