O Colectivo Ecoloxista do Salnés publicou recentemente un documento que redactaron para achegarlle aos partidos políticos as súas propostas relativas á conservación do patrimonio natural e mellora da calidade de vida. O documento de 16 páxinas contén un apartado de propostas xerais, para todos os Concello, entre as que se atopan unha grande variedade de medidas (urbanísticas, de uso de enerxía, de augas, de residuos, etc).
Ademais, os ecoloxistas redactaron unha serie de propostas específicas para cada un dos concellos da comarca. No caso de Cambados fan fincapé na redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que coidan debe estabelecer unha cota máxima de solo urbanizable e protexer o complexo intermareal Umia-O Grove. Ademais suxiren redimensionar a depuradora de Tragove, mellorar a desembocadura do río Umia, eliminar o proxecto das comportas do Saco ou incluso a peonalización total da Praza de Fefiñáns e accesos.
Uns consellos bastante lóxicos e razonábeis que agora haberá que agardar para ver cales dos tres partidos se comprometen a cumprir. Hai un co que poden comezar durante a campaña, xa que o CES lémbralles a todos: “De cara a campaña electoral solicitamos moderación no uso do papel”.
Documento