//
arquivo

Archive for

A campaña virtual das municipais


Nestas eleccións municipais internet está tendo, como cabía agardar, máis protagonismo que nunca.

Quizais quen leve a dianteira neste sentido sexa o BNG, que desde hai moito conta con espazo web e perfil de Facebook, e que hai unhas semanas introducia por primeira vez o lanzamento periódico duns vídeos na súa conta de youtube para presentar o equipo que acompaña a Víctor Caamaño, e para achegar algunhas das propostas dos nacionalistas (até o de agora a peonalización de Fefiñáns e un urbanismo planificado).

Pero nesta batalla electoral máis virtual ninguén quere quedarse atrás; tamén o PSOE abriu un perfil en Facebook e mesmo veñen de abrir unha páxina cun novo deseño onde publican as súas notas e as súas propostas (a primeira, crear un Conservatorio de música profesional).

E o máis sorprendente, o PP, que sempre fuxira do campo virtual (onde, hai que dicilo, predominamos as correntes de opinión máis á esquerda) xa creou tanto un perfil en Facebook como unha páxina web. E iso non é todo, hoxe mesmo sumouse á iniciativa do Bloque e publicou un vídeo onde se ensalza a figura de Luis Aragunde por medio de declaracións dalgúns traballadores e empresarios da vila.

Resides de xeito temporal fóra de España? Solicita xa o teu voto!


O Goberno Central aprobou onte a convocatoria de eleccións municipais, que se celebrarán o 22 de Maio.

Ademais da modalidade clásica do voto por correo (que require facelo desde territorio español) desta volta por primeira vez nunhas eleccións locais poderán votar aquelas persoas que residan de xeito temporal no estranxeiro (por exemplo os estudantes de intercambio Erasmus ou calquera que se atope fóra de xeito non permanente).

Que pasos debes realizar e de que prazos dispós se queres votar?
O proceso é moi semellante ao do voto por correo tradicional:

1. Até o 23 de Abril (recoméndase acudir canto antes). O interesad@ deberá pasar persoalmente pola Oficina Consular ou Embaixada do país onde estea residindo temporalmente. Alí deberá solicitar a súa alta como non residente no Rexistro de Matrícula Consular mediante a entrega deste documento. Acto seguido poderá solicitar o voto entregando este documento cumplimentado e asinado, para ambos trámites haberá que amosar o Documento de Identidade ou Pasaporte.

2. Recibirás no domicilio que indicaches na solicitude a documentación electoral que precisarás para exercer o teu dereito, como sobres e papeletas.

3. Deberás remitir o voto non máis tarde do 18 de Maio por correo certificado e no sobre constará a data por medio dun mataselos da empresa de correos do Estado no que se resida. Teoricamente o proceso é gratuito, polo que se devolverían os custos do envío ao elector.

Cambados(tk) estivo e está en contacto con algúns cambadeses que residen temporalmente no exterior. Calquera novidade, problema, comentario que xurda da súa experiencia na tramitación do voto terá cabida nesta web nos vindeiros días. O que se recomenda é acudir canto antes ao consulado ou embaixada pertinente para evitar problemas. Se coñeces a alguén que resida temporalmente fóra de España e cres que isto pode ser de axuda, non o dubides e espalla esta publicación.

As instrucións de como votar por correo desde España (o voto por correo tradicional) publicaranse tamén aquí proximamente.

Catro inauguracións nos últimos catro días


Comentábase aquí mesmo que a reformada Lei Electoral non permite xa actos de inauguración (ou visita a obras) desde a convocatoria dos comicios (que foi hoxe) até a celebración dos mesmos.

En Cambados , o Partido Popular retrasou os actos até o último momento legal para inundar as páxinas dos xornais comarcais (que seguen aos conservadores de xeito incondicional) con inauguracións que desde xa non poderán realizar legalmente.

Desde o venres até onte luns realizáronse catro actos deste tipo. O primeiro día tivo lugar a xa comentada inauguración do Salón de Peña (aínda que paradoxicamente levaba meses xa en uso), e aínda que o financiamento foi maioritariamente do goberno central o Concello ocupouse de que fora a Xunta a protagonista do acto; e tamén unha conserveira no Polígono da Grenla que recibiu cartos da Consellaría do Mar e da de Industria. Ambos conselleiros estiveron presentes, como tamén o estiveron na de Peña.

O domingo foi o turno da ponte de Barrantes, a un acto onde estiveron a alcaldesa de Ribadumia, o de Cambados e o presidente da Deputación. O luns Aragunde volveu a desprazarse xunto coa conselleira do Mar para inaugurar unha planta de conxelados no Polígono. Tamén participaron Aragunde e Louzán na “supervisión” das obras da Pousada de Ribadumia.

Louzán: vinte inauguracións nunha fin de semana

A incógnita é: serán capaces os alcaldes e o presidente da Deputación de non realizar este tipo de actos até o 23 de Maio? Poderán resistirse? Despois deste repaso, está claro que é a campaña electoral que saben e que queren facer, cos catro actos en catro días de Cambados ou cos vinte que realizou Louzán nunha fin de semana.

O BNG propón un urbanismo racional baseado nun Plan Xeral de Ordenación a través dun novo vídeo


O Bloque Nacionalista Galego de Cambados vén de publicar un novo vídeo na súa canle de Youtube. Desta volta os nacionalistas presentan as liñas mestras do que ten que ser o urbanismo a partires do 22 de Maio. Fronte ao modelo de especulación e de improvisación que permitiu no goberno o Partido Popular, Víctor Caamaño propón humanizar as rúas do casco histórico, promovendo os usos peonís e limitando a velocidade dos vehículos no núcleo urbano.

Ao comezo do vídeo os candidatos Ernesto Falcón e Xaquín Charlín (Chon) contrapoñen o modelo do BNG co destes anos, exemplificado na falla de aparcamento, na obsesión por unha praia ou na especulación cos terreos da Mercede. O urbanismo, di Víctor Caamaño ao final do vídeo, ten que estar planificado e para iso o BNG propón un Plan Xeral de Ordenación Municipal para que Cambados teña futuro urbanisticamente.

Mariano Rajoy fotografiouse en 2009 no barco d'Os Caneos con motivo da campaña das europeas


Na campaña das eleccións europeas de 2009, o líder do Partido Popular, Mariano Rajoy, estivo en Cambados e aproveitou para posar para os xornais nun barco (que sempre queda ben). O diario Público e Xornal de Galicia recollen hoxe a nova de que aquel barco, o Moropa, é propiedade do patriarca d’Os Caneos, un clan ligado ao narcotráfico cun longo historial nesta actividade delictiva. Rajoy atopábase aquí para falar de temas pesqueiros e os seus anfitrións tiveron o “descoido” de permitir que rematara por sacarse unha foto nesta embarcación.

Na comitiva estaban o ex alcalde e actual delegado da Xunta, Cores Tourís, e o alcalde e candidato do PP á alcaldía, Luís Aragunde, quen ademais foi quen lle presentou a Mariano Rajoy o patrón do Moropa. Tamén estaba alí o eurodeputado Millán Mon, cuxo irmán foi subdelegado do goberno e segundo o Xornal “máximo responsábel da polícía nos oito anos de goberno Aznar”.

Na gala do Diario de Arousa


O xornal comarcal Diario de Arousa cumpre este ano a súa primeira década de vida. Cambados(tk) recibiu o convite do diario para asistir á gala na que tamén entregaban os premios Arousáns do ano.

O acto foi bastante longo, comezou pasadas as oito e rematou tres horas máis tarde. Persoalmente, e supoño que tod@s @s presentes coincidirán, sobraba a primeira hora, dedicada basicamente a gabar ás autoridades políticas e a escoitar os seus discursos (eu penso que con un tivera chegado e máis tendo en conta que dado o lugar e a situación todos eran practicamente iguais).

Pero o resto do acto estivo moi ben, cun Carlos Blanco breve pero moi simpático, como de costume. Especialmente nas súas saídas espontáneas; ao comezo deixou claro que “é o momento perfecto para que os políticos abandonen a sala”, e atribuiu algunhas ausencias políticas (Feijoó e Louzán, por exemplo) ás inauguracións de última hora. Tamén estivo moi acertado ao lembrarlle ao representante do copresidente de Novacaixagalicia, que excusou a ausencia do seu xefe ao acto, que o nome da Ría e do Diario é AroUsa, con U, e que “non fai falla que veñan a cambialo”, sentenciou entre aplausos. Seguino Pablo Méndez e a súa mestura de música en directo, sons, luces e danza, e Budiño e a súa banda puxeron o broche final á noite de celebración en Vilagarcía.

No transcurso dela recoñeceuse o labor de persoas e asociacións como “Arousáns do ano”, de Cambados recibiu o premio de mans do alcalde Aragunde a Protectora de Animais na categoría de acción social. Entre os premiados o máis aplaudido o taekwondista de Ribeira, Álex Álvarez, que por riba dos seus múltiplos premios no deporte destaca a súa vitoria nun campionato absoluto a pesar da súa discapacidade do 77%.

Parabéns ao Diario de Arousa, do cal por certo  sempre se extraen moitas novas e imaxes para CTK desde hai seis anos. E grazas polo convite.

A Naiciña iluminarase de azul polo autismo


Vía Facebook, no taboleiro de Cambados(tk), informan de que na noite do día 1 ao 2 de Abril terá lugar a iluminación da escultura A Naiciña da Praza Asorey en cor azul pola concienciación do autismo. Esta acción vén dunha campaña a nivel internacional (Light it up blue. Shine a Light on Autism), que en EEUU xa conta co apoio de máis de trinta mil persoas para a súa realización.

Lembrar que o día 2 de Abril se celebra o día do autismo, a asociación Por Dereito é un referente na comarca en temas de concienciación e integración e é a promotora desta e doutras actividades nas que o noso Concello tamén colabora.

En marcha co BNG para coñecer Vilariño


O Bloque realiza outra das saídas enmarcadas no programa En marcha co BNG. Despois de Oubiña, Castrelo e Corbillón, chega o turno agora de Vilariño.

Vilariño ten 2.300 habitantes e máis de seis quilómetros cadrados. O domingo, na ruta organizada polo BNG, os participantes camiñarán uns seis quilómetros desde  o campo de fútbol até a Igrexa, pasando polos puntos máis importantes no referido á paisaxe, á cultura e á historia do lugar. Como en ocasións anteriores, serán veciños da parroquia quen exerzan de guías.

Esta actividade está aberta a todo aquel que desexe participar, só hai que presentarse en Burgáns ás 10.30 horas do domingo.

Podes consultar o intinerario premendo aquí.

Relacionadas

En marcha co BNG por Corbillón – Novembro de 2010

Éxito da marcha do BNG por Castrelo – Outubro de 2010

O BNG organiza rutas para (re)descubrir Cambados – Xuño de 2010

O Concello retrasou a inauguración de Peña até a última fin de semana legal para facelo


O Concello de Cambados inaugurará mañá o Salón de Congresos da fábrica de Peña. Farao tres días antes do límite que teñen os gobernos para inaugurar obras antes das eleccións do 22 de Maio.

Esta é unha nova norma recollida na reformada Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG, nas siglas en castelán), que no seu artigo 50 di textualmente que se prohibirá calquera acto  “organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos” “desde a convocatoria das eleccións e até a celebración das mesmas”. Inclúese por suposto calquera “acto de inauguración de obras ou servizos públicos ou proxectos destes”.  E será o próximo luns 28 cando se convoquen as elección municipais do 22 de Maio.

Resulta curioso especialmente este caso, posto que o Salón de Peña xa se empregou para diferentes actividades desde hai meses, mesmo no entroido tiveron lugar varias celebracións nestas instalacións. Haberá que ver agora se a nova norma se cumple ou se as diferentes administracións locais (non só Cambados) buscan calquera truco legal para disfrazar estes actos aos que estamos moi acostumados nas campañas electorais.

Como nota positiva sinalar que foron convidadas as ex traballadoras da factoría que aloxa o novo Salón. O acto comezará á unha e media do mediodía.

A imaxe é dun concerto do entroido no Salón de Peña e foi tomada do Faro de Vigo

Vídeo promocional de Cambados en Youtube


De casualidade atopamos este vídeo na plataforma de Youtube. Parece que é oficial do Concello de Cambados, xa que usan o escudo e o distintivo oficial, pero a conta é dunha empresa de deseño (Dreams Fractory) e só se indica como descrición do mesmo “Vídeo de promoción turística de Cambados”. Polo tanto, haberá que agardar a confirmar este extremo. De momento, pódese ver aquí mesmo o spot:

Nas redes sociais

Marzo 2011
L M M X V S D
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.