O pasado día 10 de Febreiro a Xunta de Galicia publicaba no DOG o decreto 20/2011 no cal se aproba definitivamente o Plan de Ordenación do Litoral (POL). Xa hai un ano comezaramos en CTK unha serie de artigos onde tratamos de explicar que era o POL e cales eran os precedentes na lexislación, como afectaba o POL provisional ao desenvolvemento urbanístico de Cambados e por último cales fora as posturas dos grupos políticos arredor deste importante asunto.
Lembremos que no caso de Cambados o POL ten especial relevancia posto que, ao non contar cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -e dos motivos de por que non o temos habería moito que falar- o futuro goberno de Cambados que saia das urnas en Maio verase obrigado a cumprir escrupulosamente o que no POL se diga á hora de redactar o PXOM. Polo tanto o que se di no POL é de obrigado cumprimento por ser unha norma de arácter superior e ditará o futuro urbanístico de Cambados.
Erros que continúan no POL definitivo
Tralo período de alegacións hai que salientar que, por desgraza, os maiores erros que se comentaban en Cambados(tk) hai un ano seguen a estar vixentes.
A zona do Campo Verde (e unha zona bastante grande en superficie, por certo) segue a estar considerada como Zona de mellora ambiental e paisaxística, na que en principio non se permite construir. O mesmo o ocorre con terreos na zona da Pastora-Os Olmos, que seguen a ter esta calificación nos mapas do POL definitivo. Son terreos que para nada condicionan a protección do litoral nin teñen características naturais que requiran esa definición, e que deberían ser zonas de crecemento urbanístico para o noso Concello.
A única mellora neste sentido radica na zona da variante do Salnés lindando coa Avenida de Vilariño (a estrada que pasa por detrás do instituto Cabanillas) que deixou de ser, do POL provisional ao definitivo, zona de mellora ambiental. [podes ver no mapa as zonas que se mencionan rodeadas por un círculo laranxa, preme na imaxe para ampliar]
As posicións dos partidos en Cambados
O alcalde, Luís Aragunde, dixo que non era certo que non se poida construir nas zonas mencionadas, e alegou que o artigo 63 do decreto do POL permite facelo. Pasando por alto que o artigo ao que se refire é en realidade o 64 (un lapsus teno calquera), é certo que si di que se permitirían excepcións, pero como di a palabra, son excepcionais e os futuros responsábeis do Concello atoparán un problema á hora de ordear eses terreos cando o único que tería que ter feito Aragunde era alegar ante a Xunta e que eses terreos foran considerados o que deberían ser: urbanizábeis.
Respecto á oposición, xa gabara no artigo de 2010 a política do Bloque porque era a única formación que estaba a referirse aos planos oficiais da Xunta e non a invencións (como Aragunde) ou simplemente a cuestións de menor importancia como a toponimia (PSOE). A actividade do grupo de Tabuyo hai que dicir que mellorou (…tamén é doado mellorar a nada) e ultimamente referíronse por fin a terreos concretos. O BNG e Caamaño seguiron co mesmo discurso, que é basicamente o que se ten explicado neste artigo, porque é o que responde á realidade dos documentos oficiais e que todo o mundo pode comprobar accedendo á web oficial do POL.
Como conclusións destacaría que:
-O POL mantén na versión definitiva erros que dificuldarán o desenvolvemento urbanístico de Cambados en zonas lóxicas, como Campo Verde, Pastora-Olmos, etc.
-Os erros poderían terse evitado se o Concello exercera o papel que lle corresponde e llos comunicara á Xunta de Galicia por medio de alegacións e outras accións. E tamén se o Concello tivera redactado xa o PXOM, que por certo o PP prometeu aprobar nesta lexislatura que remata.
-A oposición, especialmente o Bloque, está a exercer o papel que lle correspondería aos de Aragunde: velar polos intereses de Cambados.
*Documentos
Ademais de poder acceder a eles (non sen algo de complicación) desde a web oficial, deixamos aquí os do noso Concello:
-Plano de Cambados. Inclúe Corbillón e Vilariño
*Os artigos de 2010
Febreiro de 2010 (Sobre o POL provisional)
Plan do Litoral I: Unha lectural xeral