O Concello de Cambados inaugurará mañá o Salón de Congresos da fábrica de Peña. Farao tres días antes do límite que teñen os gobernos para inaugurar obras antes das eleccións do 22 de Maio.
Esta é unha nova norma recollida na reformada Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG, nas siglas en castelán), que no seu artigo 50 di textualmente que se prohibirá calquera acto “organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos” “desde a convocatoria das eleccións e até a celebración das mesmas”. Inclúese por suposto calquera “acto de inauguración de obras ou servizos públicos ou proxectos destes”. E será o próximo luns 28 cando se convoquen as elección municipais do 22 de Maio.
Resulta curioso especialmente este caso, posto que o Salón de Peña xa se empregou para diferentes actividades desde hai meses, mesmo no entroido tiveron lugar varias celebracións nestas instalacións. Haberá que ver agora se a nova norma se cumple ou se as diferentes administracións locais (non só Cambados) buscan calquera truco legal para disfrazar estes actos aos que estamos moi acostumados nas campañas electorais.
Como nota positiva sinalar que foron convidadas as ex traballadoras da factoría que aloxa o novo Salón. O acto comezará á unha e media do mediodía.
A imaxe é dun concerto do entroido no Salón de Peña e foi tomada do Faro de Vigo