Nestas eleccións municipais internet está tendo, como cabía agardar, máis protagonismo que nunca.
Quizais quen leve a dianteira neste sentido sexa o BNG, que desde hai moito conta con espazo web e perfil de Facebook, e que hai unhas semanas introducia por primeira vez o lanzamento periódico duns vídeos na súa conta de youtube para presentar o equipo que acompaña a Víctor Caamaño, e para achegar algunhas das propostas dos nacionalistas (até o de agora a peonalización de Fefiñáns e un urbanismo planificado).
Pero nesta batalla electoral máis virtual ninguén quere quedarse atrás; tamén o PSOE abriu un perfil en Facebook e mesmo veñen de abrir unha páxina cun novo deseño onde publican as súas notas e as súas propostas (a primeira, crear un Conservatorio de música profesional).
E o máis sorprendente, o PP, que sempre fuxira do campo virtual (onde, hai que dicilo, predominamos as correntes de opinión máis á esquerda) xa creou tanto un perfil en Facebook como unha páxina web. E iso non é todo, hoxe mesmo sumouse á iniciativa do Bloque e publicou un vídeo onde se ensalza a figura de Luis Aragunde por medio de declaracións dalgúns traballadores e empresarios da vila.