Satisfacción desde as filas do BNG polo fallo da XEZ sobre o reparto de propaganda por parte da Deputación en Cambados en período electoral (algo prohibido pola lexislación actual). A Xunta Electoral de Zona declarou, entre outras cousas que este reparto de folletos “constituye una actividad realizada durante el periodo electoral de las prohibidas“. E polo tanto ordeou a súa retirada inmediata.
Pero o dano xa está feito, a propaganda foi xa seguramente repartida na súa totalidade. O Partido Popular amosa unha vez máis o seu desprezo pola lexislación electoral e polas reglas democráticas de xogo.
Pola súa banda, o responsábel do BNG do Salnés, Xoán Allegue, manifestou que ” O BNG seguirá realizando unha campaña seria e limpa de explicación aos veciños da comarca e de Cambados en particular da súas propostas electorais, unhas propostas que fan fincapé na necesidade de que desde os concellos se cree emprego e se garantan servizos sociais”.
O representante do BNG do Salnés, Xoán Allegue, presentou unha denuncia na Xunta Electoral de Zona (XEZ) de Cambados para informar do reparto de folletos por parte da Deputación. Estes folletos que repartiu pola vila, titúlanse “A Deputación en Cambados” e recollen un conxunto de “logros” do goberno no noso Concello basicamente a través de imaxes.
A reformara Lei Electoral, que non permite agora as inauguracións e visitas a obras, tampouco permite que unha administración financie propaganda de carácter político. É máis, nunha instrución emitida pola Xunta Electoral Central o 24 de Marzo para aclarar o alcance destas prohibicións, dise textualmente que se prohibe “el envío de cartas o mensajes a los interesados o la inserción de anuncios en espacios o lugares públicos o en medios de comunicación deberá limitarse estrictamente a proporcionar información de interés general sobre la conclusión de una obra pública, la puesta en marcha o el funcionamiento de un servicio público, sin que pueda contener connotaciones electoralistas ni alusiones a las realizaciones o los logros obtenidos por los poderes públicos afectados.”
E é obvio que o folleto distribuido pola Deputación non cumpre estes requisitos. O BNG insta a XEZ a que cesen as actividades presuntamente irregulares da Deputación sen prezuízo de sancións no caso de que estas sexa reiteradas.
Está claro que o Partido Popular non tardou moito en tentar regatear a legalidade electoral e realizar unha campaña para o seu partido pagada por todos os contribuintes. É de esperar que a Xunta Electoral se pronuncie contundentemente.
O alcalde anunciou hoxe que no pleno da noite presentarán o resultado de contas de 2010, no que hai un superávit de 200.000 euros. Cantidade, para o alcalde, “relevante” e que segundo el se debe á contención do gasto e ao aumento de subvencións.
A falta de coñecer os datos concretos (non sei se se presentarán hoxe ou non, xa que por exemplo a aprobación dos orzamentos para 2011 se fará despois do 22M) hai un par de cuestións importantes que engadir, que non nos contou o alcalde Luis Aragunde. Preguntas que podemos facernos para avaliar de paso a xestión económica do Concello de Cambados agora que remata a lexislatura:
-Son relevantes os 200.000 euros? Os orzamentos totais de 2010 prevían unha cantidade de 8.9 millóns de euros. Polo tanto o superávit é do 2.3%. Non é moito, pero de todas formas a primeira vista todo o mundo pode coincidir en que ter superávit é positivo.
-E que porcentaxe foi executada? Unha causa moi probable é a de non ter executado o presuposto, é dicir, en non ter aplicado os recursos naquelo para o que se preveron. Segundo Aragunde si está executado ao 100%, pero hai malos precedentes neste sentido. Un claro exemplo deste tipo de actuacións é a da Xunta de Núñez Feijoó, que en 2009 deixou arredor dun 15% dos cartos orzamentados sen executar (aínda que mantivo que si estaban executados). Nalgúns departamentos o dato era sangrante, caso da Consellaría do Mar con máis da metade de gasto non executado. Esta práctica (ou máis ben non-práctica) é perxudicial posto que se deixan de aplicar servizos ou obras.
-Superávit nas contas anuais non é igual a contas saneadas. E non o é porque tan só se refire a que, de ser certo (insisto, hai que coñecer os datos), os orzamentos terían sido executados e sobrarían 200.000 euros. Pero isto non inclúe, nin moitísimo menos, a situación financeira total do Concello que (como case todos) se atopa nun estado de endebedamento. E non só no que se refire a créditos con entidades financeiras, nos orzamentos de 2009 recoñecíanse débedas con proveedores (con empresas seguramente na maioría da zona) por valor de 2.700.000€ desde o ano 2003.
Se o queremos comparar co “superávit” destas contas que nos trae Aragunde, suporía un 30% do orzamento de 2010 fronte ao 2.3% do “superávit. Sen contar os créditos das entidades, insisto.
-Outra clave: subida de impostos. Nos orzamentos de 2010 o PSOE denunciaba unha subida da contribución urbana (IBI), da rodaxe (IVTM) e das actividades económicas (IAE). Ademais, en Cambados(tk) facíamonos eco en 2009 dunha incoherencia do PP de Cambados: nun mesmo pleno subiron as taxas sobre lixo a todos os contribuíntes aínda que o IPC baixara, reducindo á vez as que pagan negocios pechados (dá unha nova boa para tapar unha mala, aínda que a mala afecte a todos os cidadáns…) e nese mesmo pleno presentaban unha moción para criticar a suba de impostos do Goberno Central.
-E a máis importante de todas: falta información. Falta información pública e transparente. É difícil falar da situación económica porque é imposible acceder a ela a través do Concello. Por iso considero moi importante a proposta que fixo hai ben pouco Víctor Caamaño de que a páxina web do Concello recolla, ademais doutras cousas, calquera información relativa aos gastos e ingresos do Concello. Porque tod@s somos parte del e temos dereito a coñecela, sexa boa ou sexa mala.
E o pouco que sabemos agora, desde logo que non é para botar foguetes.
Cres que é necesario un cambio de rumbo no Concello? Únete ao cambio.
O vindeiro martes 3 de Maio inaugurarase a exposición-homenaxe dos centros de ensino de Cambados ao escultor Francisco Asorey. Será ás oito da tarde no instituto que leva o seu nome.
Onte a mediodía o candidato do BNG presentou ás portas do Concello as súas propostas en relación coa contratación de persoal para o próximo goberno de Cambados.
Fronte ao actual sistema promovido polo PP no que “prima o amiguismo e a afinidade política” o BNG quere unha contratación limpa “en igualdade de condicións” e “seleccionar ao persoal en función da súas cualificacións profesionais, non da súa ideoloxía política”.
Canto á selección do persoal temporal Víctor Caamaño anunciou que o programa electoral do Bloque prevé a creación dunhas listas públicas (que se poderán consultar na web oficial do Concello) nas que se incluirán os demandantes de emprego, a súa puntuación e cualificación, e de maneira que cando haxa unha vacante chamarase á persoa que ocupe o primeiro posto.
Ademais, os procesos de selección estarán supervisados non só polo alcalde, non só polos concelleiros do Bloque, senón por unha comisión na que estarán os grupos da oposición e os sindicatos con representación no Concello.
Ao igual que acontecera na anterior campaña electoral, serán dúas as ocasión nas que os candidatos á alcaldía de Cambados debatan entre si. Unha será no clásico debate organizado por Tele Salnés (agora autodenominado CanalRíasBaixas) e outra no Auditorio da Xuventude nun encontro promovido por pola Federación de Empresarios da Comarca de Arousa (FECA) e centrado na temática económico-social tan de moda nestes tempos de crise.
Así pois, veremos o encontro entre Luis Aragunde (PP), Domingo Tabuyo (PSOE) e Víctor Caamaño (BNG) nos seguintes formatos:
DEBATE EN DIRECTO
Luns 2 de Maio
Auditorio da Xuventude
20.00 horas
DEBATE TELEVISADO
Mércores 4 de Maio
Canal Rías Baixas – Tele Salnés
Tentarase ofrecelo online o día
seguinte en Cambados(tk)
E en Cambados(tk) entrevista aos candidatos e enquisa
E nesta mesma web poderás ler a entrevista a tres bandas que realizamos aos candidatos dos tres partidos. Serán dez cuestións, algunhas xenéricas e algunhas máis xerais, sobre o Cambados que cada unha das forzas planea para os vindeiros catro anos. As preguntas xa están nos buzóns dos alcaldábeis e poderás ler as súas respostas aquí en plena campaña electoral.
Por outra banda, realizarase unha enquisa aos lectores de CTK para pulsar a súa opinión sobre algúns temas da campaña, de xeito semellante á enquisa preelectoral que se lanzou no mes de Nadal do pasado ano. A enquisa pedirá unha valoración sobre as candidaturas, sobre as propostas que se lanzaran até o momento, sobre os candidatos, e sobre a posibilidade dun cambio o día 22. Haberá tamén espazo para que cadaquén deixe a súa opinión por escrito sobre o tema que lle interese.
Como xa se indicou hai un par de semanas neste mesmo espazo, todas aquelas persoas que non saiban se van poder estar o domingo 22 de Maio en Cambados para votar, poden execer o seu dereito por correo. O proceso é totalmente gratuíto e está explicado no vídeo de arriba. Se prefires ler as instrucións de como votar, preme aquí.
Lembra que ao solicitar o voto por correo, renuncias a exercelo en urna e non poderás facelo se te achegas ao teu colexio electoral o 22 de Maio aínda que finalmente non empregaras o voto por correo. Se o pides, só poderás votar por correo.
Hai rebumbio estes días en internet pola acción da Plataforma Veciñal “Non ao campo de golf na Siradella”, que como o seu nome ben indica, amósase totalmente contrario á instalación na península meca dunha infraestrutura destas características.
Desde o seu grupo de Facebook déixano ben claro: O Grove “non ten superficies verdes dabondo como para facer un campo de golf sen que se produza un grave impacto natural” e coa intervención que se pretende levar a cabo “o monte quedaría reducido á nada… isto coa súa correspondente grave deforestación, contaminación do solo por uso de pesticidas, un abuso de consumo do suministro de auga…”.
Para iso están a recoller, ademais da Plataforma, a Asociación Cultural Figheira do Meco e o Colectivo Ecoloxista do Salnés.
Estes días estamos a ler moitas e interesantes propostas que lanzan os partidos de cara ás vindeiras eleccións de Maio. Excepto por parte do Partido Popular, xa que o seu candidato, Luis Aragunde, aínda non desvelou grandes novidades (salvo os clásicos de cada elección: praia e aparcadoiro soterrado).
BNG: Proposta integral para mellorar o deporte
Víctor Caamaño, nunha reunión cos clubes deportivos, adiantou que o goberno do BNG creará unha Fundación dos deportes para que todos os temas relevantes para este sector se traten dun xeito participativo. Ademais, canto a intervencións concretas, Caamaño anunciou a creación dunha cafetaría, unha aula taller e unha ludoteca sobre os vestiarios do Pombal. Tamén sinalou que se poñerá énfase na mellora do transporte para tod@s @s nen@s que teñen que desprazarse desde lonxe para practicar deporte e realizar melloras nos pavillóns do IES Cabanillas e do Asorey. Estas medidas están en relación co anuncio da semana pasada de crear un pavillón en Magariños ao carón dun comedor escolar. Máis detalles en victorcaamanho.info
PSOE: Espazo Xove na Xuventude e intervención na Pastora
A agrupación socialista de Cambados planea adicar o Auditorio da Xuventude aos xóvenes de Cambados. Respectando o uso do Auditorio queren dar cabida a locais de ensaio para grupos musicais, ou salas para calquera tipo de actividade do interese dos mozos. Pretenden crear a figura dun Coordinador de actividades xuvenís, así como un punto permanente de información para eles.
E onte presentaron tamén o seu plan para instalar un auditorio ao aire libre na Pastora, xunto cun aparcamento, un parque biosaudábel, un circuito de senda natural e un espazo con árbores pintadas por artistas da zona. Máis info. no blog do PSOE de Cambados.