//
estás a ler...
Cambados

O que non nos explican do "superávit"


O alcalde anunciou hoxe que no pleno da noite presentarán o resultado de contas de 2010, no que hai un superávit de 200.000 euros. Cantidade, para o alcalde, “relevante” e que segundo el se debe á contención do gasto e ao aumento de subvencións.

A falta de coñecer os datos concretos (non sei se se presentarán hoxe ou non, xa que por exemplo a aprobación dos orzamentos para 2011 se fará despois do 22M) hai un par de cuestións importantes que engadir, que non nos contou o alcalde Luis Aragunde. Preguntas que podemos facernos para avaliar de paso a xestión económica do Concello de Cambados agora que remata a lexislatura:

-Son relevantes os 200.000 euros? Os orzamentos totais de 2010 prevían unha cantidade de 8.9 millóns de euros. Polo tanto o superávit é do 2.3%. Non é moito, pero de todas formas a primeira vista todo o mundo pode coincidir en que ter superávit é positivo.

-E que porcentaxe foi executada? Unha causa moi probable  é a de non ter executado o presuposto, é dicir, en non ter aplicado os recursos naquelo para o que se preveron. Segundo Aragunde si está executado ao 100%, pero hai malos precedentes neste sentido. Un claro exemplo deste tipo de actuacións é a da Xunta de Núñez Feijoó, que en 2009 deixou arredor dun 15% dos cartos orzamentados sen executar (aínda que mantivo que si estaban executados). Nalgúns departamentos o dato era sangrante, caso da Consellaría do Mar con máis da metade de gasto non executado. Esta práctica (ou máis ben non-práctica) é perxudicial posto que se deixan de aplicar servizos ou obras.

-Superávit nas contas anuais non é igual a contas saneadas. E non o é porque tan só se refire a que, de ser certo (insisto, hai que coñecer os datos), os orzamentos terían sido executados e sobrarían 200.000 euros. Pero isto non inclúe, nin moitísimo menos, a situación financeira total do Concello que (como case todos) se atopa nun estado de endebedamento. E non só no que se refire a créditos con entidades financeiras, nos orzamentos de 2009 recoñecíanse débedas con proveedores (con empresas seguramente na maioría da zona) por valor de 2.700.000€ desde o ano 2003.
Se o queremos comparar co “superávit” destas contas que nos trae Aragunde, suporía un 30% do orzamento de 2010 fronte ao 2.3% do “superávit. Sen contar os créditos das entidades, insisto.

-Outra clave: subida de impostos. Nos orzamentos de 2010 o PSOE denunciaba unha subida da contribución urbana (IBI), da rodaxe (IVTM) e das actividades económicas (IAE). Ademais, en Cambados(tk) facíamonos eco en 2009 dunha incoherencia do PP de Cambados: nun mesmo pleno subiron as taxas sobre lixo a todos os contribuíntes aínda que o IPC baixara, reducindo á vez as que pagan negocios pechados (dá unha nova boa para tapar unha mala, aínda que a mala afecte a todos os cidadáns…) e nese mesmo pleno presentaban unha moción para criticar a suba de impostos do Goberno Central.

-E a máis importante de todas: falta información. Falta información pública e transparente. É difícil falar da situación económica porque é imposible acceder a ela a través do Concello. Por iso considero moi importante a proposta que fixo hai ben pouco Víctor Caamaño de que a páxina web do Concello recolla, ademais doutras cousas, calquera información relativa aos gastos e ingresos do Concello. Porque tod@s somos parte del e temos dereito a coñecela, sexa boa ou sexa mala.

E o pouco que sabemos agora, desde logo que non é para botar foguetes.

Cres que é necesario un cambio de rumbo no Concello? Únete ao cambio.

Advertisements

Conversa

Os comentarios están pechados.

Nas redes sociais

Abril 2011
L M M X V S D
« Mar   Mai »
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: