//
arquivo

Archive for

O BNG leva ao Concello o tema do Xantar dos Maiores


O voceiro do Bloque, Víctor Caamaño, rexistrou unha pregunta para o Concello de Cambados acerca do Xantar no que participaron 700 xubilados e xubiladas.

Caamaño faise eco das información da prensa (que dicían que tal evento estaba sufragado pola Deputación e o Concello) e quere que fontes municipais corroboren ou desmintan tales informacións.

Pagou o Concello de Cambados, en parte ou na súa totalidade dito Xantar? En caso afirmativo, que cantidade destinou o Concello a sufragar o custo deste xantar? Son as dúas cuestións que, polo momento, lle agardan a Luis Aragunde.

Iso si, no caso do Xantar do Albariño, o alcalde negouse a dar os nomes dos convidados e as razóns polas que se lle convidan, un asunto que chegou xa ao Valedor do Pobo, quen tramitou a denuncia do BNG. A ver se el é capaz de que o Concello sexa algo máis transparente.

Volve a SalnesParty a Cambados


Na súa cuarta edición, segunda no Salón de Congresos Peña, a lanparty organizada por mozos de Cambados volve a ter lugar no noso Concello.

Desta volta será durante os días 24, 25 e 26 de Xuño e os prezos seguen a ser os do ano pasado: 10€ entrada sen comida e 30€ se queres ter o xantar incluído.

Hai 75 prazas e para inscribirte só tes que acceder á web da SalnesParty e cubrir o sinxelo formulario de rexistro, elixindo a modalidade que prefires de entrada.  Unha vez feito isto, recibirás un correo electrónico coas instrucións para facer efectivo o pago.

A party está organizada pola Asociación de Internautas de Cambados (AINCA), o ano pasado respostaron amablemente ás cuestións de CTK nunha interesante entrevista que podes volver a ler premendo aquí. Parabéns un ano máis a AINCA pola organización deste evento!

Democracia Real Cambados reúnese cada venres en asemblea e quere sumar apoios


O movemento nacido baixo o nome xenérico de 15M está a coller forza tamén no noso Concello. Ás acampadas iniciais uniúselle a protesta da pasada fin de semana de denunciar o gasto do Concello en eventos como o Xantar dos Maiores.

Agora, cun recén inaugurado blog onde se irán colgando os acordos tomados nas asembleas, e un grupo en Facebook para comunicarse e coordinarse, a idea parece ser manter semanalmente as asembleas e que cada vez máis xente se vexa atraída a este movemento.

Desde Democracia Real animan a todo o mundo a encontrarse os venres ás 20.00 horas na Praza do Concello para debatir, chegar  a acordos e coordinar futuras accións. Todas as persoas interesadas poden achegarse a estes encontros abertos a toda a cidadanía.

Os "indignados" en Cambados protestan polo Xantar dos Maiores


Varios membros do movemento “Democracia Real Xa” de Cambados, aproveitaron a celebración do Xantar dos Maiores para asistir coas súas pancartas. Este acto, organízao e finánciao o Concello de Cambados e a Deputación (custa 25.000 euros), e a el acoden centos de maiores a unha comida na que tanto o alcalde como o presidente da Deputación sempre aproveitan para intervir e facer electoralismo.

Os “indignados” portaron lemas como “Énchenvos a boca, vacíannos os bolsillos” e “coa boca chea non se protesta”, moi acaídos para o que acontece en Cambados, e non xa só con este tipo de eventos que carecen de todo sentido. Porque, iso si, mentres o Concello non foi quen de cumprir prazos en importantes actuacións para a xente maior como o Centro de Día, ou reduce partidas de emerxencia social; os xantares non cesan nin con crise nin sen ela. Senón, agardemos ao Albariño, e veremos.

Parabéns pola protesta.

(le premendo aquí a nova no Faro de Vigo, e na imaxe a do Diario de Arousa)

Aragunde promete continuismo trala vitoria


Nunha entrevista publicada polo Faro de Vigo, o alcalde electo Luís Aragunde fala das principais promesas que ten que cumprir o PP nestes catro anos. O aparcamento soterrado, a nova Praza de Abastos, o saneamento, as comportas e a praia no Saco de Fefiñáns… son cuestións nas que se reafirmou o gañados dos comicios locais.

Haberá que agardar a que vaia pasando o tempo e poidamos comprobar se máis unha vez estas promesas quedan en papel mollado (a da praia e a do aparcadoiro foron promesas de 2003 e 2007 que nunca se puxeron en marcha) ou pola contra se executan. Ademais, desta volta o rexedor non poderá botar as culpas ao bipartito, como veu facendo durante toda a campaña electoral.

Aragunde sinalou que non se procederá a peonalizar a Praza de Fefiñáns porque o consideran perxudicial para os comerciantes da zona.   rexedor seguirá ostentando as competencias da concellaría de Cultura e non se sabe aínda quen será tenente de alcalde.

Podes ler toda a entrevista premendo aquí. A imaxe tamén é do Faro de Vigo

A Federación impón ao Cambados unha sanción superior á marcada no regulamento


A directiva do Club Xuventude Cambados emitiu hoxe unha nota de prensa na que critica a decisión da Federación Galega de Fútbol de sancionar ao Cambados coa perda do partido por 0-3, retirada de 2 puntos e multa de 150 euros. O Cambados lamenta que a Federación non entendera como causa de forza maior que se enterrara a esa mesma hora ao directivo e compañeiro Ramón Fontán e a pesar de todo os sancione.

Pero non só iso, o Club manifesta que a multa imposta é superior á estipulada no artigo 130.1 d, que contempla sancións de entre 30 e 120 euros, co cal os 150 euros que se pretenden cobrar do Cambados estarían fóra da legalidade vixente. E non digamos da ética e da moralidade. Por todo isto, os cambadeses presentarán un recurso.

O Cambados cre que o fútbol debe transmitir valores humanos e por iso se ratifica na súa decisión de non xogar o encontro do pasado domingo a pesares das consecuencias que está a ter.

Nova sección: Opinan


Unha novidade desta nova versión de Cambados(tk) con respecto a anteriores é a introdución decidida de opinións alleas, que non han de gardar máis que unha liña de pensamento persoal. Cada colaborador terá liberdade absoluta para elixir tema (non só Cambados, poderase escribir de calquera asunto), extensión, imaxes…

As opinións verquidas por cada un non son asumidas polos demais nin pola propia Cambados(tk).

Proximamente iranse dando a coñecer as caras dos novos colaboradores de CTK. Hai varios xa confirmados, estamos á espera de recibir os seus textos.

Se tes algunha suxerencia a este respecto non dubides en escribir a cambadostk (arroba) gmail.com

Maribel Iglesias critica que se empregue material seu sen permiso no curso da UIMP sobre Asorey


Recólleo hoxe La Voz de Arousa. Maribel Iglesias, profesora do IES Asorey que publica un blog adicado ao escultor, asiste estes días ao curso da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). Na primeira xornada deste curso, Ricardo Domínguez Oliveira proxectou un documental no que segundo a profesora se incluiron “non unha nin dúas” imaxes recollidas do blog de Maribel sen sequera informar delo.

Á profesora parécelle mal que se colleran as imaxes non só sen permiso, senón que aínda por riba a persoa que as collera cobre por difundilas. Moitas desas fotos eran propiedade da Real Academia Galega e do Archivo Pacheco, pero Iglesias tiña o permiso necesario para usalas. Ademais do tema das imaxes, Maribel Iglesias sinalou que o propio documental contiña erros nas datas, ou fotos que non se correspondían co que se dicía. “É o que pasa cando se fan as cousas a présa e correndo e con xente que non ten experiencia en documentación”, manifestou a profesora a La Voz.

Maribel Iglesias Baldonedo barallárase como un dos nomes para participar como poñente neste curso da UIMP (ten traballado moito coa figura de Asorey, de feito forma parte da Comisión encargada dos actos deste ano adicado a el) pero finalmente non foi incluída. Ten un “defecto” moi grande aos ollos da administración cambadesa, que xa lle podería estar pasando factura na organización do Ano Asorey: concurriu ás eleccións municipais na candidatura do Bloque.

Os regulamentos por riba das persoas


Onte, tanto o presidente do CX Cambados (Ríchar Charlín), como os xogadores co seu capitán á cabeza, quixeron amosar o seu rexeitamento -o seu “cabreo”, máis ben- coa Federación Galega de Fútbol, que impediu que o partido que tiña que celebrarse o domingo non fora aprazado.

Ese domingo tiña lugar á mesma hora o enterro de Ramón Fontán, directivo do Cambados e persoa moi implicada no día a día do club, ademais de pai dun dos xogadores. A Federación, a pesar de que a aplastante maioría dos clubs amosaronse moi dispostos a que se cambiara o día da xornada (segundo o regulamento todos os partidos debían ser simultáneos), foi inflexible no cumprimento da norma.

O Club entende que as persoas deben estar por riba dos regulamentos, e que este era un caso de forza maior. Critican á Federación e aplauden aos equipos da categoría polo seu comportamento (de feito, o rival desa xornada, o Porriño, acudiu igualmente a Cambados para asistir ao enterro). Agora, non só van descender con toda seguridade, posto que o encontro era decisivo, senón que segundo o Regulamento vailles ser aplicada unha sanción por non xogar. Algo inaudito.

Parabéns a toda a xente do CX Cambados pola súa actuación. A frase do seu presidente Richar é representativa: “imos descender como persoas, pero preferímolo a manternos na categoría como animais”.

Neste sentido tamén é significativo o comportamento dun grupo político en Cambados, que nin sequera nestas eleccións respectou o loito dos contrincantes pola perda dun compañeiro (Moncho era tamén militante do Bloque) e nin por unha vez deixou de   levar a cabo unha práctica tan cativa (por dicilo suavemente) como lanzar foguetes diante da sede dos contrarios ao gañar unhas eleccións.

Non hai color, o equipo de fútbol si amosou a súa altura moral.

Podes ver a intervención de Richar e o capitán, Melo, do Cambados no programa A Solaina da TVG (a partires do minuto 19, enlace cortesía de Unha Grande Chea)

Valoración dos resultados das Eleccións de 2011


Xa pasaron as eleccións municipais. Os cidadáns de Cambados falaron, e fixérono alto e claro dándolle outra maioría absoluta máis ao Partido Popular. E esta, a diferenza das dúas anteriores, é indiscutíbel (as outras tambaleábanse de quitar voto emigrante e calquera actividade de dubidosa moralidade como os vínculos laborais co Concello ou feitos tan reprochables como o que acontece cos anciáns do asilo, por poñer exemplos concretos).

Así que si, Cambados Quere, e Cambados obviamente terá PP catro anos máis. Polo tanto, ao remate desta lexislatura os conservadores terán gobernado Cambados 28 anos.

Dito isto, poderíamos facer un breve repaso por partidos. O PP afianza a maioría, como xa dixen, e sobrepasa incluso as predicións dos propios populares (recoñeceuno o propio Aragunde). Deste xeito, os votos ao Partido Popular pasan do 60%, gañando os populares incluso nas mesas do centro da vila (que normalmente daban vitorias a BNG+PSOE). Un resultado moi moi positivo para o PP.

O PSOE cae máis de mil votos e volve ao seu tradicional terceiro posto, do que se desprendera por primeira vez en 2007 ao sobrepasar aos nacionalistas. A perda de concelleiros é de dous, pasando de 5 a 3.

O BNG mantense practicamente cos mesmos votos e tamén co mesmo número de concelleiros, 3, que nas anteriores eleccións.

Facendo unha lectura máis persoal, aínda que era consciente de que era moi difícil que o PP perdera a maioría absoluta (víao posíbel, pero máis difícil que en 2007) non agardaba un resultado tan malo para o cambio.

Canto aos socialistas, coidaba que a súa caída sería incluso maior e que poderían caer até os 2 concelleiros. Pero  na parte que máis me toca, na do BNG, valoro o resultado como malo (por non dicir moi malo), xa que manterse nunha marca como a de hai catro anos nunca pode ser unha boa nova ou un consolo. Agardaba unha suba considerable para o Bloque.

Máis tendo en conta a boa oposición que levou a cabo o Grupo Municipal con Víctor Caamaño á cabeza, que seguiu liderándoa fronte a un PSOE desaparecido na maior parte da lexislatura. E se a isto lle sumo o feito de que considero positiva a campaña que levamos a cabo nos últimos meses, só me ratifico en que este resultado non é para nada bo. Por outra banda, resulta algo inxusto que BNG e PSOE vaian gozar do mesmo número de concelleiros a pesar da diferenza en votos que existe, pero iso xa son cousas da Lei Electoral.

O BNG non foi quen de captar os votos perdidos polo PSOE (e que, ademais, en 2007 viñeran precisamente na súa maioría dos nacionalistas). Os mil e pico votos perdidos polos de Tabuyo levounos integramente o Partido Popular, o que dá tamén unha idea do pouco cariz local que tiveron estes comicios a pesares de ser municipais e non unha reválida de Zapatero, tal e como nolo quixeron plantear desde os medios e en Cambados desde o PP de Aragunde (ao que non lle interesaba electoralmente que se falara da xestión do PP en Cambados).

Desde logo que haberá que analizar que fallou, por que non somos capaces de chegar á cidadanía, como podemos facelo, que cousas temos que mudar. Non creo que a solución pase por “abrandarse” na oposición e ofrecer unha “cara amable”. Eu penso que o BNG nos últimos anos, que eu poida recordar mellor (xa con Roque), se caracterizou por dar a batalla no Concello sempre sempre desde o respecto e as boas formas –que contrastan coas que a miúdo vemos desde as filas do Partido Popular- e que non podemos calar ante temas tan graves como o enchufismo, o amiguismo, a defensa de garantías en obras de tanto calado como a do Saco, na denuncia de especulación no Polígono…e en cantidade de importantes temas para o Concello.

Iso non quita que o fagamos de xeito respectuoso, e sempre aportando propostas e non limitándonos a criticar. Pero iso é algo que xa facemos a día de hoxe, que fixemos especialmente nesta campaña, polo tanto creo que a énfase debe poñerse en: como reconectarmos co cidadán? Por que non estamos a chegar a el?

O BNG debe volver a ser visto polos veciños e veciñas como a única alternativa ao eterno goberno do Partido Popular. E penso que, indo ao “morboso” do asunto, Víctor Caamaño ten que seguir liderando este equipo durante os vindeiros catro anos e polo tanto, ser o vindeiro candidato á alcaldía. Se el e os militantes o queren, por suposto.

Onte, desde a miña humilde opinión, Cambados deu un paso atrás. É evidente que iso non o cren a maioría dos cambadeses, e por iso é tarefa nosa facerllo ver, aos que deron o seu apoio a un Partido Popular que remata por gobernar para uns poucos, e aos moitos que non foron votar ou votaron branco/nulo.

Non é momento de que cunda o desánimo ou o pesimismo. Senón de redobrar esforzos e de poñerse xa en marcha. Traballar, traballar e máis traballar. Non o facemos por nós, senón por tod@s, iso é o que marca a diferenza.

Ánimo e adiante!

Nas redes sociais

Maio 2011
L M M X V S D
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.