//
arquivo

Archive for

Lamentable espectáculo do PP no debate


Vergoña allea. É que sentín hoxe no debate a tres bandas dos candidatos á alcaldía de Cambados. Un debate nun lugar público como o auditorio da Xuventude parece, a primeira vista, unha boa idea para ir máis alá dos mítines (aos que rematan por ir os máis “fans” de cada partido) e confrontar ideas, xestión e programas electorais.

Pero non, en Cambados non. En Cambados falar de política sempre foi un tema tabú, algo moi polarizado. E hoxe no debate, salvo unhas poucas (e louvables) excepcións, estabamos os incondicionais de cada bando. Moitos do PP, bastantes do Bloque e poucos do PSOE.

Pero non todos somos iguais e iso quedou patente nese Auditorio. Dicía que me dera vergoña allea, auténtica vergoña allea a que me ocasionou a actitude dunha grande parte (e teño que dicilo ben claro: unha GRANDE parte) dos militantes e simpatizantes do Partido Popular de Cambados.

Abucheos, berros e outras delicadezas as que proferían cando falaban os candidatos da actual oposición. Unha total falta de respecto e de saber estar a que demostraron nunha actuación que parecía totalmente orquestrada. O debate, lamentablemente, quedou en segundo plano.

Máis sangrante me pareceu aínda poder ver nas primeiras filas, a simpatizantes e militantes do PP que actualmente están ENCHUFADOS traballando no Concello e berrando escandalizados polas cifras do paro. ¿Pero de que se preocuparían precisamente eles, que posúen un posto de traballo pagado por todos nós e que acadaron en desigualdade de condicións por facer cousas como a que hoxe narro aquí?. A persoas cunha mínima decencia caeríalles a cara de vergoña. A eles parece que non.

E esta falta de respecto tamén a executou con mestría o candidato do Partido Popular, Luis Aragunde, quizais levado pola emoción da masa entregada ao despropósito, ou pola presenza do seu mentor en “malas artes” Xosé Manuel Cores Tourís na primeira fila do Auditorio.

Luís Aragunde, quen fixo sempre gala de boa persoa, educado e respectuoso con todos, rematou por empregar un ton burlón e chulesco para dirixirse aos candidatos de BNG e especialmente PSOE. Ao final, o PP de Cambados é o PP de Cambados, caeron as caretas e iso quedou hoxe ben patente.

E xa de ter que falar de cousas extra-debate, lamentable a organización. Só polo feito de que sentaran a Tabuyo e a Víctor Caamaño nunha mesma mesa de proporcións ridículas e con un só micrófono! Bueno, con dous, que tiñan outro de man, ao estilo karaoke. E que clase de moderador non chama a atención a un público así de maleducado? U-la igualdade de condicións?

E se entramos a falar estritamente do debate (é difícil facelo visto o visto) as intervencións foron as totalmente esperables.

Para Aragunde todo vai ben, todo se fixo ben. Para el, incluso vai ben o comercio en Cambados (algo bastante discutible) e tamén as cifras do paro, que segundo el amosan que Cambados crea emprego. Si, eu tampouco sei que cifras mirou, e máis despois de publicar a semana pasada aquí mesmo un artigo cunha gráfica dos datos da Xunta dos dous últimos anos para Cambados. Porque Cambados destrúe emprego, iso é verificable.

Os continuos incumprimentos do PP en aprobar o Plan Xeral de Ordeación Municipal, construir aparcamentos, o centro de día, etc etc etc…iso para Aragunde é culpa do bipartito.  E por certo, segue coa teima de construir unha praia en Cambados, e o sitio, o máis axeitado: O Saco de Fefiñáns (no que na actualidade nin se pode marisquear pola mala calidade das augas).

Domingo Tabuyo tivo que facer un papelón no Auditorio, cun público maleducado e sen saber estar que tentaba desestabilizalo, tratou de botarlle as culpas do paro a Núñez Feijóo (Aragunde facía o mesmo con Zapatero) e fixo un exhaustivo repaso aos incumprimentos do Partido Popular de Cambados, dos que Aragunde responsabilizou sistemáticamente ao goberno bipartito. Tabuyo, dadas as circunstancias, xogou moi ben un papel moi moi malo.

Víctor Caamaño foi o candidato que máis tranquilo estivo, algo acorde coa súa personalidade, e o certo é que tentou dar un debate en clave moi positiva repasando as propostas do BNG da precampaña como o comedor escolar, un aparcamento na zona de Fefiñáns, unha actuación no Complexo Deportivo do Pombal para dotala de cafetería e outros espazos… Tamén tivo tempo para responsabilizar a Aragunde e ao PP da mala situación económica e laboral de Cambados, do fracaso do Polígono Industrial, do mal saneamento; materias nas que prometeu traballar desde o vindeiro goberno.

Como anécdota, foi de agradecer o bo humor de Víctor para tratar un tema político. Nunha das últimas cuestións, o moderador preguntou aos candidatos que que lugar prefería para descansar no día de reflexión. Luis Aragunde sinalou que na Praza de Fefiñáns, lugar onde nacera (e minutos antes mantivera que o PP estaba en contra de proceder a peonalizar). De seguido, o moderador preguntoulle a Caamaño. A súa resposta: “Na Praza de Fefiñáns non, que corro o risco de que me atropele un coche”. Bravo.

O resto, xa digo, auténtica vergoña. Afortunadamente no debate de Tele Salnés o Partido Popular non poderá levar aos seus para berrarlle aos contrarios e veremos algo máis de propostas e de debate do de verdade.

Cores Tourís, o senador galego menos traballador


Así o confirma un pequeno (e moi revelador) estudo que realizou o profesor e blogueiro Filipe Díez. Dito estudo contabiliza toda a actividade dos senadores por Galicia na Cámara Alta durante esta lexislatura.

Xosé Manuel Cores Tourís, actual delegado da Xunta e ex alcalde (integra agora as listas do PP en Cambados nun posto “honorífico”), é xunto con dous compañeiros de partido, o senador menos traballador da cámara. Ao seu favor comentar que só dispuxo do seu escano un dos catro anos de lexislatura, posto que renunciou ao posto no Senado en Abril de 2009, pero aínda así a cifra é lamentable: durante ese ano o único que fixo o señor Tourís en Madrid (parte de cobrar o soldo) foi presentar unha pregunta oral en pleno.

Ademais, na ficha de Tourís no Senado tamén se recollen vinte preguntas ao goberno , estas non están incluidas no estudo de Filipe Díez por non aparecer na fonte consultada por el (tamén oficial). De todas formas, son preguntas asinadas por tres senadores e como comenta o propio Díez son “textos feitos polos gabinetes dos partidos e que o único “traballo” dos senadores é asinalos, polo que o seu valor é en calquera caso moi relativo.”

Se eliminásemos da lista aos senadores que deron baixa antes de rematar a lexislatura -caso de Tourís- o menos traballador sería e ex presidente da Xunta Manuel Fraga con tres intervencións.

E no outro polo, o que máis traballou: o único senador de que dispón o BNG na Cámara Alta. Xose Manuel Pérez Bouza realizou máis comparecencias, intervencións, preguntas…que os 21 senadores galegos de PP e PSOE xuntos, en concreto 408 incluíndo unha proposta de reforma de estatuto. O pequeno estudo de Filipe díez adxunta ademais unhas gráficas que permiten visualizar perfectamente o traballo dos senadores por grupo.

Para ver o estudo do rendemento dos senadores galegos, preme aquí

Filipe Díez publicara semanas atrás, trala pequena campaña do #eurodiputadoscaraduras en Twitter, outro estudo relativo ao rendemento dos deputados europeos. Podes lelo premendo aquí. Como adianto, aproban 9 de 50.

Nas redes sociais

Maio 2011
L M M X V S D
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.