Así o confirma un pequeno (e moi revelador) estudo que realizou o profesor e blogueiro Filipe Díez. Dito estudo contabiliza toda a actividade dos senadores por Galicia na Cámara Alta durante esta lexislatura.
Xosé Manuel Cores Tourís, actual delegado da Xunta e ex alcalde (integra agora as listas do PP en Cambados nun posto “honorífico”), é xunto con dous compañeiros de partido, o senador menos traballador da cámara. Ao seu favor comentar que só dispuxo do seu escano un dos catro anos de lexislatura, posto que renunciou ao posto no Senado en Abril de 2009, pero aínda así a cifra é lamentable: durante ese ano o único que fixo o señor Tourís en Madrid (parte de cobrar o soldo) foi presentar unha pregunta oral en pleno.
Ademais, na ficha de Tourís no Senado tamén se recollen vinte preguntas ao goberno , estas non están incluidas no estudo de Filipe Díez por non aparecer na fonte consultada por el (tamén oficial). De todas formas, son preguntas asinadas por tres senadores e como comenta o propio Díez son “textos feitos polos gabinetes dos partidos e que o único “traballo” dos senadores é asinalos, polo que o seu valor é en calquera caso moi relativo.”
Se eliminásemos da lista aos senadores que deron baixa antes de rematar a lexislatura -caso de Tourís- o menos traballador sería e ex presidente da Xunta Manuel Fraga con tres intervencións.
E no outro polo, o que máis traballou: o único senador de que dispón o BNG na Cámara Alta. Xose Manuel Pérez Bouza realizou máis comparecencias, intervencións, preguntas…que os 21 senadores galegos de PP e PSOE xuntos, en concreto 408 incluíndo unha proposta de reforma de estatuto. O pequeno estudo de Filipe díez adxunta ademais unhas gráficas que permiten visualizar perfectamente o traballo dos senadores por grupo.
Para ver o estudo do rendemento dos senadores galegos, preme aquí
Filipe Díez publicara semanas atrás, trala pequena campaña do #eurodiputadoscaraduras en Twitter, outro estudo relativo ao rendemento dos deputados europeos. Podes lelo premendo aquí. Como adianto, aproban 9 de 50.
Conversa
Os comentarios están pechados.