Pregunta 3. O medioambiente parece volver ao centro das disputas da política municipal. Que considera prioritario para a lexislatura que vén? En concreto…que opina das comportas do Saco?
Víctor Caamaño, candidato do BNG. O tema medioambiental, máis que volver, eu diría que segue no debate político de Cambados. As endémicas deficiencias no saneamento teñen efectos que van máis alá dos puramente mediambientais, pois resulta negativo para a saúde e tamén para o sector turístico e para o marisqueiro. Na situación de crise económica actual ao ter a problemática medioambiental un efecto negativo e directo sobre a economía, resulta lóxico, que volva a protagonizar o debate político. Ademais, para o BNG, sanear o litoral é un paso previo para recuperar os bancos marisqueiros litorais e polo tanto para crear postos de traballo no sector produtivo que mellor está a soportar a crise económica.
O paso do banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns de zona B a zona C foi o exemplo de cómo os problemas medio ambientais afectan negativamente á nosa economía. Este banco natural é moi produtivo e se lle está ameazando cunha obra que pode ter consecuencias nefastas para o seu futuro. O BNG está claramente en contra desta infraestrutura polo efecto negativo que esta vai a ter sobre o marisqueo. O PP defendeu a construción das comportas sen o máis mínimo principio de prudencia, con total escurantismo e impondo o seu criterio en contra do colectivo de mariscadoras e da D.X. de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños que pedía un estudio de impacto ambiental que dera a coñecer os efectos da obra sobre a produción marisqueira no lugar.Ver vídeo das propostas do BNG en temas medioambientais.
Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta
(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)
Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. Un medioambente sostible que axude a potenciar os nosos sectores económicos e garanta a súa perviviencia cada vez en mellores condicións. Saneamento integral, depuración eficaz, protección medioambental e concienciación da reciclaxe, xunto co coidado do noso litoral, a aposta polas rutas naturais e pola xeneración de valor social do noso medio.
En concreto as comportas, dende van alá moitos anos, mantemos dous principios: primeiro sanear para recuperar o valor productivo do Saco, e despois facer os estudos pertinentes, tanto o de Impacto Ambiental, como o de dinámica de mareas e afectacións por incremento de temperaturas da auga e incidencias derivadas da mesma en algas e outras especies, para ver se é ou non viable o proxecto da comportas, un proxecto no que non creemos. Pero o PP fai o de sempre: empezar a casa polo periódico e o tellado. Máis información na páxina web do PSOE de Cambados.
A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS
Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento
Conversa
Os comentarios están pechados.