Este sábado a partires das 21 horas vai ter lugar a entrega do VIII Premio Ramón Cabanillas que outorga a asociación de libreiros. Será no Auditorio da Xuventude e haberá poesía (recitarán Ramón Nogueira e Xose María Vila Ribadomar) e música (Aloia Ínsua e Manuel Antonio García Castro co saxo, Nacho González Castro coa zanfona e o acordeón, Miguel Costas ao piano e a actuación de Xoán Silva, Blas e Xaquín Xesteira).
Falarán Francisco Fernández Rei (académico) e Saúl Otero (pintor e mestre).
Organizan as librarías Ramón Cabanillas e Contos. Colaboran Unha Grande Chea, o grupo Xironsa e o Concello de Cambados.
O BNG adheriuse á iniciativa de suspender os actos de campaña hoxe día 12 polo terremoto que tivo lugar onte en Murcia e que deixou oito mortos, 120 feridos e miles de persoas sen poder pasar a noite na súa casa.
O BNG de Cambados tiña previsto para hoxe o mitin central, que tamén se ve afectado por estes feitos, e hoxe á tarde darán a coñecer unha nova data para o acto (que previsibelmente será o martes que vén).
Pregunta 4. Estamos en tempos de crise. Que medidas pode pór en práctica desde o goberno de Cambados para combatela?
Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta
(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)
Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. A austeridade é unha palabra que se di moito pero que en Cambados se practica moi pouco, en xeral o PP sempre a pide pero nunca a utiliza: Cambados debe 1000 millóns de pesetas; gasta por riba dos 5000 euros mensuais tan só en teléfonos ( máis de 10 millóns de pesetas ao ano), non reduce gastos correntes e está por riba dos 3 millóns de euros anuais, e as inversións para mover a economía local pasaron de 3,5 millóns de euros nuns anos a 500.000 euros nas contas do 2010. a Cambados salvouno en moitas cousas os case 4 millóns de euros dos Plans Zapatero. Faremos planificación, reducción e priorización do gasto, o PP debe 300 millóns de psestas a proveedores e comercios coa que está caendo, e co que o precisan as familias!!!! E non lles pagan. Máis información na páxina web do PSOE de Cambados.
Víctor Caamaño, candidato do BNG. O modelo económico neoliberal que defende o PP e o PSOE que pon os intereses da economía finacieira por riba dos da economía produtiva levounos a esta crise económica que en Cambados se traduce en 1.500 parados e parados, en precariedade laboral e en dificultades nas familias para chegar a fin de mes. Para o BNG a alternativa consiste en apostar pola economía produtiva (o sector do mar e o agro son os que mellor están a soportar a crise) e, ademais, cremos que o papel prioritario dun Concello debe ser dinamizar a economía e crear emprego.
Desde o concello de Cambados o BNG propón apostar polo marisqueo recuperando a máxima produtividade dos bancos marisqueiros do noso litoral (saneamento e eliminación de calquera proxecto agresivo para eles –comportas, macroporto deportivo-) o que permitiría aumentar os salarios e os postos de traballo. Tamén propomos a potenciación do turismo coa peonalización da Praza de Fefiñáns e a creación de aparcamento soterrado e zona de servizos para o casco histórico. Ademais cómpre realizar o remate e a regularización do Polígono Industrial para que deixe de ser unha fonte de especulación e de freo do sector industrial e deste xeito conseguir a activación deste sector en Cambados. Estas sería as principais actuacións para dinamizar a economía pero habería outras de menor efecto e importancia a curto prazo.
A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS
Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento