Despois da suspensión do acto central do BNG de Cambados previsto para onte polas consecuencias do terremoto de Murcia, xa sabemos cal será a nova data do mitin do Bloque e de paso, tamén a dos outros dous partidos:
BNG. O seu acto central terá lugar o martes ás 20.30 horas no Salón Peña. Falarán Montse Prado, secretaria de Organización, Bieito Lobeira, deputado no Parlamento Galego e Víctor Caamaño, candidato á alcaldía de Cambados. Introducirán o acto os candidatos Manuel Fariña, Almudena Castro e Xaquín Charlín (Chon).
PSOE. O mitin central do PSdeG-PSOE será tamén no Salón Peña o mércores ás 21 horas. Descoñecemos aínda quen falará ademais do seu candidato á alcaldía, Domingo Tabuyo.
PP. O Partido Popular volverá o venres, último día de campaña, ao Salón Peña.
Lembra que aínda podes participar na enquisa de campaña de CTK
Pregunta 5.- Que propostas resaltaría en relación ao deporte en Cambados?
Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. Patronato Municipal de Deportes, Fomento do deporte base, cooperación integral cos clubes deportivos e plan de mellora de instalacións, ampliacións, e adaptación para certas prácticas deportivas. Asimesmo, crearía puntos deportivos e zonas públicas urbanas para dar facilidades aos xóvenes..Máis información na páxina web do PSOE de Cambados.
Víctor Caamaño, candidato do BNG.Con respecto ao deporte o BNG propón a creación dunha Fundación de Deportes que sería a encargada da promoción, xestión e coordinación do tecido asociativo deportivo, prestando especial atención ao deporte de base. O concello apoiará ás escolas deportivas tamén por medio de monitores que fagan unha labor de formación. Ademais serían melloradas as instalacións deportivas existentes, principalmente os pavillóns escolares (Cabanillas, Asorey, construción dun no Magariños), favorecendo a súa utilización fora do horario escolar (optimización de infraestruturas deportivas). O BNG tamén activaría o “deporte para todos e todas” coa promoción das actividades na rúa, habilitando espazos ao aire libre e organizando programas deportivos no medio natural. Tampouco será esquecida a organización de eventos e xornadas deportivas con finalidade de dinamización económica e potenciadores da actividade turística. Máis info no seu blog.
Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta
(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)
A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS
Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento