//
arquivo

Archive for

O Diario de Arousa volve á carga na campaña pro-PP con propaganda sobre o Polígono


Hai que dicilo claro, o Diario de Arousa suma nestes quince días a súa segunda “nova” de carácter propagandístico. Estamos en campaña electoral, si, pero a campaña é para que a fagan os partidos e non un medio de comunicación desde o seu apartado informativo, por moitos favores que lle deban ao grupo que goberna actualmente Cambados (xa sabemos, que a base de favores funciona isto).

O do polígono é sangrante. Na “nova” do Diario recóllese só, por suposto, a información oficialista. Un xeito de contrastar e de investigar que pode deixar ao lector anonadado. Máis unha vez unha publicación do Diario puidera ser escrita, directamente, polo responsable de prensa do Concello de Cambados (ao estilo das novas propagandísticas que colga na páxina web oficial).

Esquécense desde o Diario, outra vez, de dar “a outra cara” da información. Por que non lembrar, por exemplo, como se conseguiron os terreos para o Polígono? Os veciños de Oubiña quizais si o poidan recordar…

Fala tamén o Diario dos postos de traballo que anunciaron crear dúas empresas recén chegadas. Unha delas, Real Conservera Española, ía crear 50 postos de traballo. Agora sabemos, que despois de que a Xunta subvencionara á empresa con 8 millón de euros, a conserveira creou 20 postos de traballo, dos cales 13 están contratados como fixos discontinuos e pasan a maior parte do ano sen traballar (en 2010 trinta días de actividade).

Desde o BNG sempre se criticou o funcionamento do Polígono, un dos casos máis sangrantes (xunto coa forma de contratar persoal do Concello) de favorecer a amigos desde o Goberno Local. O Concello vendeu as parcelas do Polígono a uns 20 euros o metro cadrado, pero non llas vendeu a empresas que se comprometeran a crear postos de traballo, senón a intermediarios que mediante especulación con solo industrial se fixeron cunhas plusvalías (eles as venden a 120 euros o metro cadrado, van cen euros de ganancia na transacción).

Así, hoxe en día, hai 30 parcelas, 40.000 metros cadrados de solo, sen ocupar (calquera que se achegue ao polígono pode comprobalo) e 18 naves sen actividade. E son parcelas que teñen dono, si, dono que non ten interese por crear actividade alí senón interese en que chegue un bo momento para revender ese chan. Facendo que empresarios que poden ter intención de xerar actividade empresarial, busquen outros lugares polos altos prezos que impoñen os especuladores, co beneplácito do PP de Luís Aragunde.

E o noso alcalde (até o vindeiro domingo), o que propón é ampliar o Polígono. Eu reitero o que lle contestou Víctor Caamaño no debate. Ampliar para que? Para volver a venderlle as parcelas aos catro amigos e que volvan a estar desocupadas?

Podes ler o “artigo” do Diario de Arousa premendo aquí

Emotiva entrega do Premio Ramón Cabanillas


Onte tivo lugar no auditorio a entrega do 8ºPremio Ramón Cabanillas, que recaía no profesor Emilio Xosé Ínsua, natural de Viveiro e cambadés de adopción. Como adoita ser habitual, o acto estivo cheo de  actuacións musicais (saxo, piano, acordeón e zanfona, guitarras e voz), de poesía e de entrañábeis intervencións como as do académico Fernández Rei, quen tamén leu unha carta de Luis Rei para felicitar a Ínsua, ou a breve de Saúl Otero para facerlle entrega dun regalo.

Xa que estamos en campaña comentar que no acto houbo representación ao máis alto nivel de BNG (Víctor Caamaño) e PSOE (Domingo Tabuyo) e ausencia do alcalde e candidato do PP, aínda que si é certo que asistiu o tenente de alcalde, Iglesias Pombo.

No discurso do académico Fernández Rei, houbo tamén mención ás eleccións municipais. Nun ton moi cordial, o membro da Real Academia pediulle ao próximo goberno que saia das urnas o vindeiro domingo que dea pasos adiante en relación coa cultura, por exemplo coa creación dun roteiro Cabanillas, coa defensa da mellora das condicións do lugar onde se atopan os restos do poeta cambadés (despois de tantos anos segue sen ter nin sequera o epitafio que el quería) e a posta en marcha da Fundación Ramón Cabanillas no noso Concello.

Sen dúbida, actos como o de onte, que nacen da ilusión, do esforzo e da vontade de colectivos ou persoas (como neste caso a dos libreiros de Contos e Cabanillas) son os que fan a diferenza. Para eles, e para tod@s os que participaron no acto de onte, parabéns. E parabéns tamén, por suposto, a Emilio Ínsua, quen a pesar de repetir do seu discurso que non era merecedor do premio,  é unha persoa comprometida fondamente coa defensa da lingua, da cultura e do país. E como tal, merecedor dun premio cada vez máis respectado como o que entregan desde hai oito anos os libreiros. Por moitos anos!

Entrevista aos candidatos. Aparcamento


Pregunta 7. Dispón Cambados de suficientes prazas de aparcamento públicas? Contempla a posible creación  de novos espazos de aparcamentos?

Luis Aragunde, candidato do PP. Sen resposta

(O candidato do Partido Popular ignorou a proposta de Cambados(tk) a pesar de ter sido notificado en igualdade de condicións que os demais candidatos e polo tanto descoñecemos a súa resposta)

Domingo Tabuyo, candidato do PSdeG-PSOE. Non as temos, e as precisamos. Cambados precisa aparcamentos libres nas súas rúas, o que obriga a facer estudos de viabilidade e optimización do que temos, e outras prazas en aparcamentos soterrados que fagan compatible os seus usos con outros como prazas públicas en superficie, o que nos propoñemos para a zona da Praza de abastos, e outros na zona da Merced, onde non se planificou espazo para resolver problemas do turismo e dos aparcamentos de autobuses. Máis info. na web do PSOE de Cambados


Víctor Caamaño, candidato do BNG.En Cambados existe unha  carencia de aparcamentos públicos, sobre todo nas zonas próximas ao casco histórico,  que pode ter un claro efecto negativo sobre o comercio e, en xeral, sobre a calidade de vida das persoas.
O BNG propón a creación dun aparcamento soterrado (na actual parcela  do cuartel da Garda Civil), a ampliación de prazas de aparcamento nas proximidades do colexio de Magariños, así como o desenvolvemento urbanístico dunha  zona de Fefiñáns (plan parcial “Terra Santa”) que permitirían ampliar o número de  prazas de aparcamento e mellorar o acceso aos xulgados. Estas medidas poderían ir acompañadas, ademais,  da creación de zona azul nalgunhas rúas do casco histórico de Fefiñáns.
O BNG tamén propón  a reordenación do contorno da praza de abastos coa creación dunha nova edificación e a construción dun aparcamento soterrado. Máis info no seu blog.

A ENTREVISTA CONTINÚA MAÑÁ CON NOVAS RESPOSTAS

Podes atopar aquí todas as preguntas publicadas até o momento

Nas redes sociais

Maio 2011
L M M X V S D
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.