Hai que dicilo claro, o Diario de Arousa suma nestes quince días a súa segunda “nova” de carácter propagandístico. Estamos en campaña electoral, si, pero a campaña é para que a fagan os partidos e non un medio de comunicación desde o seu apartado informativo, por moitos favores que lle deban ao grupo que goberna actualmente Cambados (xa sabemos, que a base de favores funciona isto).
O do polígono é sangrante. Na “nova” do Diario recóllese só, por suposto, a información oficialista. Un xeito de contrastar e de investigar que pode deixar ao lector anonadado. Máis unha vez unha publicación do Diario puidera ser escrita, directamente, polo responsable de prensa do Concello de Cambados (ao estilo das novas propagandísticas que colga na páxina web oficial).
Esquécense desde o Diario, outra vez, de dar “a outra cara” da información. Por que non lembrar, por exemplo, como se conseguiron os terreos para o Polígono? Os veciños de Oubiña quizais si o poidan recordar…
Fala tamén o Diario dos postos de traballo que anunciaron crear dúas empresas recén chegadas. Unha delas, Real Conservera Española, ía crear 50 postos de traballo. Agora sabemos, que despois de que a Xunta subvencionara á empresa con 8 millón de euros, a conserveira creou 20 postos de traballo, dos cales 13 están contratados como fixos discontinuos e pasan a maior parte do ano sen traballar (en 2010 trinta días de actividade).
Desde o BNG sempre se criticou o funcionamento do Polígono, un dos casos máis sangrantes (xunto coa forma de contratar persoal do Concello) de favorecer a amigos desde o Goberno Local. O Concello vendeu as parcelas do Polígono a uns 20 euros o metro cadrado, pero non llas vendeu a empresas que se comprometeran a crear postos de traballo, senón a intermediarios que mediante especulación con solo industrial se fixeron cunhas plusvalías (eles as venden a 120 euros o metro cadrado, van cen euros de ganancia na transacción).
Así, hoxe en día, hai 30 parcelas, 40.000 metros cadrados de solo, sen ocupar (calquera que se achegue ao polígono pode comprobalo) e 18 naves sen actividade. E son parcelas que teñen dono, si, dono que non ten interese por crear actividade alí senón interese en que chegue un bo momento para revender ese chan. Facendo que empresarios que poden ter intención de xerar actividade empresarial, busquen outros lugares polos altos prezos que impoñen os especuladores, co beneplácito do PP de Luís Aragunde.
E o noso alcalde (até o vindeiro domingo), o que propón é ampliar o Polígono. Eu reitero o que lle contestou Víctor Caamaño no debate. Ampliar para que? Para volver a venderlle as parcelas aos catro amigos e que volvan a estar desocupadas?
Os veciños de oubiña o que recordan son os espectaculos e mentiras dos catro do bng en contra do poligono,do ben que lle viñeron eses cartos as familias e do que se fixo na igrexa tamen con eses cartos.