//
arquivo

Archive for

Valoración dos resultados das Eleccións de 2011


Xa pasaron as eleccións municipais. Os cidadáns de Cambados falaron, e fixérono alto e claro dándolle outra maioría absoluta máis ao Partido Popular. E esta, a diferenza das dúas anteriores, é indiscutíbel (as outras tambaleábanse de quitar voto emigrante e calquera actividade de dubidosa moralidade como os vínculos laborais co Concello ou feitos tan reprochables como o que acontece cos anciáns do asilo, por poñer exemplos concretos).

Así que si, Cambados Quere, e Cambados obviamente terá PP catro anos máis. Polo tanto, ao remate desta lexislatura os conservadores terán gobernado Cambados 28 anos.

Dito isto, poderíamos facer un breve repaso por partidos. O PP afianza a maioría, como xa dixen, e sobrepasa incluso as predicións dos propios populares (recoñeceuno o propio Aragunde). Deste xeito, os votos ao Partido Popular pasan do 60%, gañando os populares incluso nas mesas do centro da vila (que normalmente daban vitorias a BNG+PSOE). Un resultado moi moi positivo para o PP.

O PSOE cae máis de mil votos e volve ao seu tradicional terceiro posto, do que se desprendera por primeira vez en 2007 ao sobrepasar aos nacionalistas. A perda de concelleiros é de dous, pasando de 5 a 3.

O BNG mantense practicamente cos mesmos votos e tamén co mesmo número de concelleiros, 3, que nas anteriores eleccións.

Facendo unha lectura máis persoal, aínda que era consciente de que era moi difícil que o PP perdera a maioría absoluta (víao posíbel, pero máis difícil que en 2007) non agardaba un resultado tan malo para o cambio.

Canto aos socialistas, coidaba que a súa caída sería incluso maior e que poderían caer até os 2 concelleiros. Pero  na parte que máis me toca, na do BNG, valoro o resultado como malo (por non dicir moi malo), xa que manterse nunha marca como a de hai catro anos nunca pode ser unha boa nova ou un consolo. Agardaba unha suba considerable para o Bloque.

Máis tendo en conta a boa oposición que levou a cabo o Grupo Municipal con Víctor Caamaño á cabeza, que seguiu liderándoa fronte a un PSOE desaparecido na maior parte da lexislatura. E se a isto lle sumo o feito de que considero positiva a campaña que levamos a cabo nos últimos meses, só me ratifico en que este resultado non é para nada bo. Por outra banda, resulta algo inxusto que BNG e PSOE vaian gozar do mesmo número de concelleiros a pesar da diferenza en votos que existe, pero iso xa son cousas da Lei Electoral.

O BNG non foi quen de captar os votos perdidos polo PSOE (e que, ademais, en 2007 viñeran precisamente na súa maioría dos nacionalistas). Os mil e pico votos perdidos polos de Tabuyo levounos integramente o Partido Popular, o que dá tamén unha idea do pouco cariz local que tiveron estes comicios a pesares de ser municipais e non unha reválida de Zapatero, tal e como nolo quixeron plantear desde os medios e en Cambados desde o PP de Aragunde (ao que non lle interesaba electoralmente que se falara da xestión do PP en Cambados).

Desde logo que haberá que analizar que fallou, por que non somos capaces de chegar á cidadanía, como podemos facelo, que cousas temos que mudar. Non creo que a solución pase por “abrandarse” na oposición e ofrecer unha “cara amable”. Eu penso que o BNG nos últimos anos, que eu poida recordar mellor (xa con Roque), se caracterizou por dar a batalla no Concello sempre sempre desde o respecto e as boas formas –que contrastan coas que a miúdo vemos desde as filas do Partido Popular- e que non podemos calar ante temas tan graves como o enchufismo, o amiguismo, a defensa de garantías en obras de tanto calado como a do Saco, na denuncia de especulación no Polígono…e en cantidade de importantes temas para o Concello.

Iso non quita que o fagamos de xeito respectuoso, e sempre aportando propostas e non limitándonos a criticar. Pero iso é algo que xa facemos a día de hoxe, que fixemos especialmente nesta campaña, polo tanto creo que a énfase debe poñerse en: como reconectarmos co cidadán? Por que non estamos a chegar a el?

O BNG debe volver a ser visto polos veciños e veciñas como a única alternativa ao eterno goberno do Partido Popular. E penso que, indo ao “morboso” do asunto, Víctor Caamaño ten que seguir liderando este equipo durante os vindeiros catro anos e polo tanto, ser o vindeiro candidato á alcaldía. Se el e os militantes o queren, por suposto.

Onte, desde a miña humilde opinión, Cambados deu un paso atrás. É evidente que iso non o cren a maioría dos cambadeses, e por iso é tarefa nosa facerllo ver, aos que deron o seu apoio a un Partido Popular que remata por gobernar para uns poucos, e aos moitos que non foron votar ou votaron branco/nulo.

Non é momento de que cunda o desánimo ou o pesimismo. Senón de redobrar esforzos e de poñerse xa en marcha. Traballar, traballar e máis traballar. Non o facemos por nós, senón por tod@s, iso é o que marca a diferenza.

Ánimo e adiante!

Domingo Tabuyo presenta a súa renuncia


O candidato do PSdeG-PSOE presentou onte á noite á executiva local do seu partido a súa renuncia a continuar como líder da Agrupación.  Así o recolle unha nova do Canal Rías Baixas, na que Domingo Tabuyo recoñece que non agardaban o mal resultado colleitado onte pola súa formación (a caída en votos é do 44%  con respecto a 2007 pasando de 5 a 3 edís).

Non se aclarou aínda se Domingo Tabuyo renunciará tamén á súa acta de concelleiro na Corporación ou ocupará o escano que lle corresponde, polo menos de xeito temporal. Haberá que agardar a coñecer máis datos.

Para Tabuyo, estas eleccións de 2011 eran as quintas ás que se presentaba como cabeza de lista socialista. Desde a súa chegada, o PSOE experimentou un aumento suave e constante até que en 2007 pasou de 3 a 5 concelleiros e estivo a piques de poder formar un goberno alternativo. A tremenda caída sufrida onte forzou a súa renuncia, que abre un novo tempo para os socialistas de Cambados.

ACTUALIZACIÓN 24 de Maio.- Os xornais informan hoxe de que Domingo Tabuyo renunciará á súa acta de concelleiro, dando paso ao número catro da lista (Lucas Vieites). O voceiro da formación nos plenos será o número 2, Rafael Blanco, quen xa exercera este posto durante esta lexislatura pasada nas ausencias do portavoz. Polo momento, Tabuyo seguirá a exercer como Secretario Xeral da agrupación cambadesa do PSOE.

Resultados Eleccións 2011


Xa é sabido por tod@s, o Partido Popular de Luis Aragunde fíxose con 11 concelleiros (sobe 2), o BNG con 3 (mantense, a pesar de que un puñado de votos o alonxaron do 4º concelleiro)  e o PSOE con 3 (baixa 2). Aparentemente, os votos perdidos polos socialistas foron a parar aos populares, manténdose case igual que hai catro anos o BNG. De seguido, unha imaxe cos resultados oficiais facilitados polo Ministerio del Interior:

Felicitar ao Partido Popular e a Luís Aragunde polos resultados acadados no día de onte, que amplían a maioría absoluta da que nesta lexislatura gozaban por unha escasa marxe. Hoxe ou mañá publicarase neste espazo un artigo de opinión analizando o sucedido nestas Eleccións Locais de 2011.

Grazas tamén ás catrocentas persoas que seguistes a xornada electoral en Cambados(tk), producindo máis de 1.350 cargas de páxina ao longo do día de onte.

Nas redes sociais

Maio 2011
L M M X V S D
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.