Recólleo hoxe La Voz de Arousa. Maribel Iglesias, profesora do IES Asorey que publica un blog adicado ao escultor, asiste estes días ao curso da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). Na primeira xornada deste curso, Ricardo Domínguez Oliveira proxectou un documental no que segundo a profesora se incluiron “non unha nin dúas” imaxes recollidas do blog de Maribel sen sequera informar delo.
Á profesora parécelle mal que se colleran as imaxes non só sen permiso, senón que aínda por riba a persoa que as collera cobre por difundilas. Moitas desas fotos eran propiedade da Real Academia Galega e do Archivo Pacheco, pero Iglesias tiña o permiso necesario para usalas. Ademais do tema das imaxes, Maribel Iglesias sinalou que o propio documental contiña erros nas datas, ou fotos que non se correspondían co que se dicía. “É o que pasa cando se fan as cousas a présa e correndo e con xente que non ten experiencia en documentación”, manifestou a profesora a La Voz.
Maribel Iglesias Baldonedo barallárase como un dos nomes para participar como poñente neste curso da UIMP (ten traballado moito coa figura de Asorey, de feito forma parte da Comisión encargada dos actos deste ano adicado a el) pero finalmente non foi incluída. Ten un “defecto” moi grande aos ollos da administración cambadesa, que xa lle podería estar pasando factura na organización do Ano Asorey: concurriu ás eleccións municipais na candidatura do Bloque.