Nunha entrevista publicada polo Faro de Vigo, o alcalde electo Luís Aragunde fala das principais promesas que ten que cumprir o PP nestes catro anos. O aparcamento soterrado, a nova Praza de Abastos, o saneamento, as comportas e a praia no Saco de Fefiñáns… son cuestións nas que se reafirmou o gañados dos comicios locais.
Haberá que agardar a que vaia pasando o tempo e poidamos comprobar se máis unha vez estas promesas quedan en papel mollado (a da praia e a do aparcadoiro foron promesas de 2003 e 2007 que nunca se puxeron en marcha) ou pola contra se executan. Ademais, desta volta o rexedor non poderá botar as culpas ao bipartito, como veu facendo durante toda a campaña electoral.
Aragunde sinalou que non se procederá a peonalizar a Praza de Fefiñáns porque o consideran perxudicial para os comerciantes da zona. rexedor seguirá ostentando as competencias da concellaría de Cultura e non se sabe aínda quen será tenente de alcalde.
Podes ler toda a entrevista premendo aquí. A imaxe tamén é do Faro de Vigo
A directiva do Club Xuventude Cambados emitiu hoxe unha nota de prensa na que critica a decisión da Federación Galega de Fútbol de sancionar ao Cambados coa perda do partido por 0-3, retirada de 2 puntos e multa de 150 euros. O Cambados lamenta que a Federación non entendera como causa de forza maior que se enterrara a esa mesma hora ao directivo e compañeiro Ramón Fontán e a pesar de todo os sancione.
Pero non só iso, o Club manifesta que a multa imposta é superior á estipulada no artigo 130.1 d, que contempla sancións de entre 30 e 120 euros, co cal os 150 euros que se pretenden cobrar do Cambados estarían fóra da legalidade vixente. E non digamos da ética e da moralidade. Por todo isto, os cambadeses presentarán un recurso.
O Cambados cre que o fútbol debe transmitir valores humanos e por iso se ratifica na súa decisión de non xogar o encontro do pasado domingo a pesares das consecuencias que está a ter.
Unha novidade desta nova versión de Cambados(tk) con respecto a anteriores é a introdución decidida de opinións alleas, que non han de gardar máis que unha liña de pensamento persoal. Cada colaborador terá liberdade absoluta para elixir tema (non só Cambados, poderase escribir de calquera asunto), extensión, imaxes…
As opinións verquidas por cada un non son asumidas polos demais nin pola propia Cambados(tk).
Proximamente iranse dando a coñecer as caras dos novos colaboradores de CTK. Hai varios xa confirmados, estamos á espera de recibir os seus textos.
Se tes algunha suxerencia a este respecto non dubides en escribir a cambadostk (arroba) gmail.com