O cambadés Amancio Horro foi un dos protagonistas o pasado día 16 de Xuño do programa “Vivir Aquí” da Televisión de Galicia. Amancio é piloto e comandante na compañía Air Europa (leva 25 anos desempeñando ese emprego), e no vídeo da TVG amosa ás cámaras un dos seus días de traballo como piloto.
Amancio Horro é un deses cambadeses que leva o nome do noso Concello polo mundo, como ben demostrou ante as cámaras da TVG. En 2007 fora nomeado Cabaleiro do Albariño, nunha das poucas distincións que se fixeron até o de agora a xente que non se significara politicamente.
Podes ver algunhas fotografías que foi sacando nas súas viaxes (tamén desde o aire) e de motocicletas, outra das súas paixóns, no seu espazo en Flickr.
O cambadés Raúl Cacabelos Bote vén de colgar en Youtube o seu primeiro vídeo, en formato curtametraxe. Nel aparecen como protagonistas o seu irmán Roberto e Sofía Vieira González, e constitúe unha homenaxe ao vídeo máis visto da produtora cambadesa ChourizoFilms, No volveré, que xa conta con máis de 255.000 visitas na rede.
Son pouco máis de 6 minutos cun final orixinal e sorprendente que non debes deixar de ver:
Así o publicou onte o Diario Oficial de Galiza (DOG) [podes descargar o documento pdf aquí]. A Consellería de Cultura e Turismo incoa o expediente para a declaración de BIC ao Pazo de Fefiñáns que afectará aos arredores da Praza que leva o mesmo nome.
Segundo a propia exposición de motivos do DOG o obxectivo é “protexer a súa contorna ante calquera alteración das condicións existentes na súa percepción, así como intentar preservar o carácter do que o rodea protexer a súa contorna ante calquera alteración das condicións existentes na súa percepción, así como intentar preservar o carácter do que o rodea”.
A pregunta que calquera cidadán de Cambados cabe facerse agora é…servirá a declaración como BIC do Pazo para conseguir que a Praza sexa por fin peonalizada? O mesmo se preguntaba hoxe Xurxo Melchor desde un acertado artigo das páxinas de La Voz de Arousa.
Aínda que Luis Aragunde concorreu ás eleccións coa mesma teima de sempre do Partido Popular: peonalización non (continuando coa cabezonería que só poden xustificar porque a proposta partiu e é irrenunciable para o BNG). O que está claro é que esta declaración da Consellería é outra mostra máis de que Fefiñáns será peonil porque é unha proposta boa, para turismo e cambadeses; e sobre todo porque é racional.
O domingo teremos espectáculo de danza en Cambados grazas á nova iniciativa de Teatro Caracol, que ofrece aos Concellos grupos artísticos a cambio da cesión do local e publicidade, e os profesionais cobran o que recaudan na taquilla.
A primeira ocasión que nos brinda Caracol é a de “A mínima expresión”, danza que chega de Madrid dirixida por Luiscar Cuevas, e que nos resolverá unha dúbida: Que pasa cando os bailaríns bailan nun escenario sen luz?, xa que se basea nos xogos de luces e sombras.
Segundo os organizadores “A mínima expresión” é o halo que queda na retina cando criches ver algo que xa non está aí. É utilizar un mínimo espacio para enchelo de contido, sen precisar de argumento, porque nela mesma reside o seu discurso.
O dito, domingo 26 de Xuño no Auditorio de Cambados a partires das 20.30. Prezo 5 euros.
Indícao o blog “A ti meu Cambados” (que substitúe á web de Unha Grande Chea) hoxe. Segundo esta fonte, ademais do soldo do alcalde e do tenente de alcalde, aprobado por todos os grupos, tamén se deu o visto e prace da Corporación á contratación de tres asesores do alcalde. Estas partidas foron aprobadas, porén, co voto a favor solitario -pero maioritario- do Partido Popular de Cambados.
Un deses postos é o de secretario do alcalde, quen desempeñará asistencia xeral á alcaldía e xestión da súa axenda, transcripción de documentos e outras funcións de similar natureza polo cal vai recibir un soldo de 23.089.50 € en catorce pagas. E os outros dous teñen que ver coa comunicación (ou debería dicir propaganda?) da alcaldía e do Concello. Contratarase a un Asesor de Comunicación cun soldo de 28.803,04 € en 14 pagas e Auxiliar de Comunicación cun soldo de 18.409,16 € en 14 pagas, sempre segundo o blog de Xaquín Charlín.
Cando menos os primeiros dous postos mencionados xa existían até agora como postos de libre designación, descoñezo se o terceiro é de nova creación e se os salarios sufriron modificacións. O que si está claro son varias cousas:
-Que tendo unha funcionaria do Concello tarefas de Secretaria do Alcalde, resulta ben difícil de explicar por que é necesario outro asesor, agora de designación directa.
-Que un Concello como Cambados non precisa un gabinete de Comunicación como o que se pretende crear coa aprobación destes postos. E vergoña lle debería dar ao goberno local ter unha páxina web como a que temos actualmente se se están invertindo eses cartos en Comunicación.
-Que resulta moralmente inaceptable que un Concello como o noso dispoña alegremente de cargos de libre designación, outra maneira máis de empregar á xente que forma parte da “rede amiga” do goberno. E máis cando escoitamos aos políticos do PP pregoar o discurso da suposta austeridade, unha austeridade que aínda non podemos comprobar que exista nos seus gobernos.
E por suposto, isto non fixo máis que comezar, haberá que agardar para ver as consecuencias da maioría cómoda que o PP obtivo o pasado 22 de Maio.
Tralas últimas eleccións locais abriuse nalgúns Concellos e Comunidades Autónomas un escenario parlamentario aberto, incerto. A lei electoral en España non é de carácter presidencialista, senón representativa; iso quere dicir que nós eliximos candidatos (no noso caso partidos, posto que as listas son pechadas) e os que saen elixidos escollen logo aos gobernos -léase alcaldes, presidentes, etc-. Polo tanto, nos casos onde non se produce unha maioría absoluta -a metade máis un- os representantes electos dos diferentes partidos deben conversar e chegar a acordos para poder acadar un goberno estábel.
É o que acontece normalmente en Galiza, onde os maioritarios son PP (dereita) e PSOE e BNG (centro-esquerda). Polo xeral estes dous últimos apóianse mutuamente cando é posible, matematicamente, un goberno de progreso. É lóxico. Pero, sobre todo nos Concellos, hai veces que non é posible chegar a un acordo, ben sexa por diferenzas programáticas claras nese Concello, ben sexa -desgrazadamente- por rencillas persoais. Estas situacións, que se volveron repetir nestas eleccións de 2011 en varios lugares (entre outros Cuntis, Fene, Moaña ou Moraña, por diferentes motivos), son sen dúbida difíciles de explicar en clave galega, mais ás veces nos respectivos Concellos son entendidas pola militancia ou polos simpatizantes; e noutros casos córrese o risco de que se ben a base do partido que se “rebela” ao pacto está dacordo con tal decisión, os seus votantes frústranse ante a sensación de que o seu voto non serviu para evitar un goberno do PP. E nas seguintes, moi probablemente, quedarán na casa ou cambiarán de voto.
E un caso destes é o que acontece agora mesmo en Extremadura, onde Esquerda Unida decidiu absterse na investidura e permitir así que goberne a lista máis votada (o PP). A decisión non gustou nada a nivel estatal, posto que IU tentou presentarse o pasado 22M como o garante de frenar ao Partido Popular (igual que o BNG en Galiza) e o feito de que se absteña choca frontalmente contra esa consigna. Pero tamén é certo que a decisión foi votada pola base militante de IU-Extremadura, nunha demostración de democracia interna e que resultaría moi complicado desoir sen provocar unha rotura do partido.
E teñen as súas razóns, posto que o certo é que o PSOE nesa comunidade desprezou á forza de esquerdas cando non lle era necesaria (e isto recoñecérono agora os propios socialistas) e deixouse levar polos vicios das maiorías absolutas, e polo visto chegando a bastante máis acordos cos populares que cos esquerdistas na pasada lexislatura. Entón que cabía facer nesa situación? A miña pregunta é…ata que punto se deben aceptar sistematicamente os pactos?
E pregunto isto convencido de que en Galiza o futuro, polo menos a curto prazo, para garantir gobernos de centroesquerda pasa polo entendemento entre Bloque e PSOE (caso claro da Xunta). Rexeitando tamén os pactos fallidos por cuestións de desentendementos persoais nos Concellos. E convencido ademais de que, moi posiblemente, a decisión en Extremadura lle ocasione a IU en España unha mala pasada.
Que cómpre facer ante isto? Deben primar os acordos estatais sobre os nacionais e os nacionais sobre os municipais? Non o sei, quizais non sería necesario plantexar esta cuestión se se demostrara máis madurez política, cousa que visto o visto en Extremadura (ou aquí ao lado, na Illa de Arousa, onde o concelleiro do BNG foi increpado por apoiar ao PSOE!) parece difícil de augurar. Primeiro deberíamos, todos, entender en que sistema nos movemos (aínda que queiramos cambialo, ese é outro debate moi necesario) e obrar en consecuencia e con normalidade. Porque os pactos, ademais de legais, son na maioría de ocasións reflexo do sentir electoral e social e axudan a que máis cidadáns poidan estar representados nun goberno.
Era, como se soe dicir, un “segredo a voces” que UGCH nos últimos meses estaba a decelerar, por así dicilo, a súa actividade. Unha actividade que pode dicirse sen temor a equivocarse que xa deixou pegada, que fixo historia na Historia do Concello de Cambados.
Durante os máis de 26 anos que levaban constituidos, os integrantes de UGCH contribuiron a darlle vida á nosa vila, especialmente no Entroido (durante anos foi prácticamente a única organización estable desas datas) e máis recentemente promovendo ou colaborando con actividades do máis diverso tipo. E un punto de inflexión foi a apertura da Web, hai cinco anos, que se sumou á presenza de CTK na ciberrede cambadesa (hoxe totalmente florecida con páxinas como CambadosWeb ou múltiples e interesantes blogs multitemáticos).
Desde hai un tempo a vertente máis política da web salpicou á Asociación Cultural (outrorora comparsa), até o punto de que o presidente de UCCH e redactor da páxina, Xaquín Charlín (Chon) concurriu ás últimas eleccións municipais como número 3 da candidatura do BNG e hoxe ocupa unha acta de concelleiro da Corporación municipal. As “malas linguas” falaron desta como unha das causas que precipitaron a fin da asociación, mais a versión oficial dada hoxe no seu Facebook é a seguinte: “a xente está cansada e non quere continuar, esa a razón primordial”.
E así, a Asociación máis simpática de Cambados, pon fin a moitos anos de actividade. Desde aquí só queda despedirse deles (non demasiado posto que non pareremos de velos polas rúas do noso Concello), e darlles a noraboa a todos e a cada un dos que dalgún xeito formaron parte nalgún momento desa aventura que foi Unha Grande Chea. É para estar orgullosos, deixan un oco grande.
O futuro da páxina web. Hoxe nun comunicado na web oficial, Xaquín Charlín (Chon) anuncia que a web pasará a denominarse “A ti meu Cambados” e recollerá como ata agora novas, fotos e convocatorias, ademais de opinións persoais. Segundo Chon, a liña será “critica, satirica, evidentemente cun sesgo nacionalista e de esquerdas” e engade: “sei de seguro que vou perder seguidores, pero non me importa, vou facer o que realmente me gusta”. Haberá que agardar para ver se hai cambio na dirección que hai que teclear agora para acceder á web.
Terá lugar o vindeiro xoves 16 ás 18 horas no instituto Francisco Asorey, concretamente no Salón de Actos. Participarán neste encontro Miguel Fernández Cid, o que foi director do Centro Galego de Arte Contemporánea e actual director da Fundación Torrente Ballester; Juan Fernando de Laiglesia, escultor e catedrático de Escultura da Universidade de Vigo; Felipe Criado, pintor, catedrático de Debuxo e ex director da Escola de Artes e Oficios de Santiago e Manolo Paz, o coñecido e recoñecido escultor Cambadés.
Ao remate do acto servirase un viño grazas á colaboración da adega Terra de Asorei.
Lembrar que neste centro pode visitarse a exposición homenaxe a Asorey até o vindeiro martes 21 de Xullo.
Constituise hoxe con total normalidade a nova Corporación Municipal do Concello de Cambados nun Pleno que tivo lugar na propia casa consistorial a mediodía. Os concelleiros foron xurando ou prometendo o cargo (dependendo da fórmula elixida), a maioría con “lealdade a El Rei” (o BNG sempre obvia esa frase, como é lóxico) e deixando claro que cumplirán e farán cumplir as leis vixentes. Aínda que durante os últimos anos o PP de Cambados non fora, polo menos, belixerante contra a nosa lingua, desta volta unha boa parte das intervencións dos concelleiros populares foron en castelán (Aragunde foi unha das honrosas excepcións).
Luis Aragunde, como era totalmente previsíbel, foi elixido alcalde de Cambados cos 11 votos do Partido Popular. Ante un Salón de Plenos que se quedou pequeno (sempre acontece isto, quizais se debería pensar en cambiar o lugar da celebración deste acto simbólico) o novo alcalde recordou aos seus antecesores no cargo -aos conservadores, tan só- e deu as grazas ás persoas que confiaron na candidatura do PP o 22 de Maio. Lembrou que estamos en época de crise e afirmou que a pesar de que os orzamentos son máis pequenos, o Concello loitará contra o paro e non recortará servizos.
Á saída do pleno a nova Corporación posou para a tradicional foto de familia, que podedes ver ao comezo desta mesma publicación.
Haberá pleno de investidura este sábado día 11 no Concello. Os concelleiros tomarán posesión do seu escano na Calzada e procederase á elección do Alcalde, que previsibelmente será Luis Aragunde ao contar o Partido Popular cunha folgada maioría absoluta (11 dos 17 concelleiros serán conservadores). O BNG liderará agora a oposición con 3 concelleiros (Víctor Caamaño continúa como portavoz, estréase Xaquín Charlín “Chon” na súa acta) e o PSOE volve á terceira praza pero xa sen Tabuyo, que renunciou a tomar posesión. A portavocía exerceráa agora Rafael Blanco.
La Voz de Arousa sinalou hai un par de días que o novo goberno local volverá a ter dúas concellerías liberadas, que ostentarán o alcalde e o tenente de alcalde Antonio Iglesias Pombo (como até agora).
O pleno dará comezo o sábado ás 12 do mediodía e como de costume, é aberto ao público.