O Club Xuventude Cambados de fútbol vai homenaxear ao seu compañeiro finado Ramón Fontán. Farao cun partido no que se xogarán por unha banda o propio Cambados (con xogadores que militaron nel noutras tempadas nas que Moncho era xa directivo) e un Combinado do Salnés.
O encontro comezará ás 18.30 no campo de Burgáns pero o acto comeza ás 18.15 coa entrega á viuva de Ramón Fontán da medalla de ouro do club a título póstumo. Ademais, tamén se presentarán os equipos da base. A entrada, obviamente, é totalmente de balde.
“Esa si que é muiñada” será o título do novo disco do grupo galego Treixadura. A presentación do novo traballo terá lugar en Cambados (de onde é Xaquín Xesteira, gaiteiro da formación) mañá 4 de Xuño ás 12.00 horas no Pazo da Capitana. Esta será unha primeira presentación máis reducida, haberá que agardar algo máis para poder ver a este xenial grupo en directo, oxalá pronto os poidamos ver en Cambados.
E de momento, a partires de mañá, poderás atopar o novo disco nas tendas. Os que o escoitaron xa dixeron que é impresionante.