//
arquivo

Archive for

Decisións difíciles (e máis aínda de explicar)


Tralas últimas eleccións locais abriuse nalgúns Concellos e Comunidades Autónomas un escenario parlamentario aberto, incerto.  A lei electoral en España non é de carácter presidencialista, senón representativa; iso quere dicir que nós eliximos candidatos (no noso caso partidos, posto que as listas son pechadas) e os que saen elixidos escollen logo aos gobernos -léase alcaldes, presidentes, etc-. Polo tanto, nos casos onde non se produce unha maioría absoluta -a metade máis un- os representantes electos  dos diferentes partidos deben conversar e chegar a acordos para poder acadar un goberno estábel.

É o que acontece normalmente en Galiza, onde os maioritarios son PP (dereita) e PSOE e BNG (centro-esquerda). Polo xeral estes dous últimos apóianse mutuamente cando é posible, matematicamente, un goberno de progreso. É lóxico. Pero, sobre todo nos Concellos, hai veces que non é posible chegar a un acordo, ben sexa por diferenzas programáticas claras nese Concello, ben sexa -desgrazadamente- por rencillas persoais. Estas situacións, que se volveron repetir nestas eleccións de 2011 en varios lugares (entre outros Cuntis, Fene, Moaña ou Moraña, por diferentes motivos), son sen dúbida difíciles de explicar en clave galega, mais ás veces nos respectivos Concellos son entendidas pola militancia ou polos simpatizantes; e noutros casos córrese o risco de que se ben a base do partido que se “rebela” ao pacto está dacordo con tal decisión, os seus votantes frústranse ante a sensación de que o seu voto non serviu para evitar un goberno do PP. E nas seguintes, moi probablemente, quedarán na casa ou cambiarán de voto.

E un caso destes é o que acontece agora mesmo en Extremadura, onde Esquerda Unida decidiu absterse na investidura e permitir así que goberne a lista máis votada (o PP). A decisión non gustou nada a nivel estatal, posto que IU tentou presentarse o pasado 22M como o garante de frenar ao Partido Popular (igual que o BNG en Galiza) e o feito de que se absteña choca frontalmente contra esa consigna. Pero tamén é certo que a decisión foi votada pola base militante de IU-Extremadura, nunha demostración de  democracia interna e que resultaría moi complicado desoir sen provocar unha rotura do partido.

E teñen as súas razóns, posto que o certo é que o PSOE nesa comunidade desprezou á forza de esquerdas cando non lle era necesaria (e isto recoñecérono agora os propios socialistas) e deixouse levar polos vicios das maiorías absolutas, e polo visto chegando a bastante máis acordos cos populares que cos esquerdistas na pasada lexislatura. Entón que cabía facer nesa situación? A miña pregunta é…ata que punto se deben aceptar sistematicamente os pactos?

E pregunto  isto convencido de que en Galiza o futuro, polo menos a curto prazo, para garantir gobernos de centroesquerda pasa polo entendemento entre Bloque e PSOE (caso claro da Xunta). Rexeitando tamén os pactos fallidos por cuestións de desentendementos persoais nos Concellos. E convencido ademais de que, moi posiblemente, a decisión en Extremadura lle ocasione a IU en España unha mala pasada.

Que cómpre facer ante isto? Deben primar os acordos estatais sobre os nacionais e os nacionais sobre os municipais? Non o sei, quizais non sería necesario plantexar esta cuestión se se demostrara máis madurez política, cousa que visto o visto en Extremadura (ou aquí ao lado, na Illa de Arousa, onde o concelleiro do BNG foi increpado por apoiar ao PSOE!) parece difícil de augurar. Primeiro deberíamos, todos, entender en que sistema nos movemos (aínda que queiramos cambialo, ese é outro debate moi necesario) e obrar en consecuencia e con normalidade. Porque os pactos, ademais de legais, son na maioría de ocasións reflexo do sentir electoral e social e axudan a que máis cidadáns poidan estar representados nun goberno.

Nas redes sociais

Xuño 2011
L M M X V S D
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.