//
arquivo

Archive for

Isaac Chaves e Cesáreo Valeiras campións do Torneo do Albariño de Tenis sub-16 e veteranos


O Club de Tenis de Cambados celebrou durante os pasados 26 e 27 de Agosto o Torneo do Albariño de Tenis nas categorías de sub-16 e veteranos (+35). Isaac Chaves e Juan Falcón fixéronse cos primeiros postos da primeira categoría citada e Cesáreo Valeira e Eduardo Charlín cos da segunda. Seguir lendo

Diario dunha viaxe a NY. Día 15


Remata hoxe a serie de artigos de Maribel Iglesias desde a cidade de Nova York

Xa estamos en Cambados. Quizais comprobastes que me retrasei no envío das últimas crónicas, igual pensastes que estabamos atrapados polo furacán Irene, nada máis lonxe da realidade. A nosa viaxe a Nova York foi agradable pero sin emocións fortes. Do terremoto nin nos enteramos e viñemos 12 horas antes de que empezase o furacán (afortunadamente), o que aconteceu é que nos quedamos sen conexión a internet, primeiro no apartamento de NY, logo non nos dou a gana de pagar no aeroporto por usar a wifi e ao chegar á casa descubrimos que non desconectaramos o router e coa tormenta que houbo en Cambados debeuse de queimar. Envío esto hoxe luns despois de que nos enviasen un router novo.

Nova York é unha cidade fantástica, nova, dinámica, moi bonita, extraordinariamente fotoxénica, ata o lixo das rúas lle queda ben, anque tamén é unha cidade dura, de bruscos contrastes nas temperaturas físicas e humanas: entre os veráns calurosos e os invernos xélidos, entre as rúas e o metro cálidas e húmidas e os aires acondicionados excesivamente fríos de comercios e oficinas, entre a amabilidade de moitos transeuntes que se ofrecen a axudarte se te ven perdido e a mala educación doutros, entre a opulencia das limousinas e edificos da quinta avenida e a pobreza e desamparo dos sen casa que atopas a cada momento.

É unha cidade que se recorda con agarimo pero cando volves a Cambados e ves as estrelas (non hai estrelas no ceo de Manhattan, quizais pola contaminación lumínica) alégraste de estar de volta na casa. Ata outra.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.

Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

As obras de Asorey vistas por máis de 5000 persoas este verán


Segundo nos conta o xornal La Voz De Galicia, a exposición de Asorey na nosa localidade, situada no Pazo Torrado e da cal xa falamos máis veces no blog, tivo unha gran afluencia este verán en Cambados.

Contan cunhas 2000 visitas (300 de media ao día) só na semana do Albariño, a semana con máis cantidade de xente na exposición, como é lóxico, ao estar a vila repleta de xente. Até o momento, no verán contan cunhas 5000 visitas de persoas que se achegan até o pazo para admirar e disfrutar as obras de Francisco Asorey.  Seguir lendo

A un gaiteiro


Afortunada ou desafortunadamente teño unha vida tranquila, coas súas vantaxes e cos seus inconvenientes, cos seus sobresaltos e coas pautas de tranquilidade que tamén hai, paseino ben, paseino mal, o traballo non mata , levo dentro do que cabe unha vida tranquila procurando darlle un benestar os meus fillos e sobre todo levarme ben coa miña muller que o fin e o cabo é hoxe por hoxe a razón do meu existir, pero este artigo precisamente non é para falar de min nin dos meus, senón dunha persoa a cal admiro, quero e que me fixo e fai gozar durante moitos segundos, minutos, horas, dias , meses e anos da miña vida, unha persoa que unha vez que a coñecín, a miña vida no eido espiritual e material e sobre todo musical tomou un rumbo distinto, aló polos principios do 90 e subidos a un palco diante do concello en diante de trinta ou corenta persoas, non había mais,  un dia de San Roque vin tocar a cinco gaiteiros , era un grupo que se facía chamar Treixadura un  nome ben raro para min posto que non son home de agro e que ven a significar algo así como “variedade de uva branca, en acios grandes e moi pechos, de bagos alongados, duros e moi doces.

Coa treixadura faise un viño excelente” hoxe xa non significa o mesmo,  hoxe significa “O mellor grupo de música tradicional da historia do noso pais: Galicia”. Un destes gaiteiros facíaseme coñecido pois viñera coa extinta comparsa Unha Grande Chea no Entroido, era a primeira vez que na comparsa soaba a gaita, para min un home de Triana,  este gaiteiro era o fillo de Roberto e Pitusa os  do supermercado “Gesteira”, co tempo esa rapaz foi calando nas nosas  vidas  e cando podía sempre saia con nos. Un día os irmáns Cores,  Salva e Xocas, propuxeron  formar dentro da comparsa un grupo de gaitas e alí empezamos,  eles, Ulloa, Montse,   e mais eu  en principio a coller clases dun  gaiteiro que  non sei como non se volveu tolo o probe home de aturarnos, porque de verdade como alumnos  eramos sempre un caos a maioría do tempo que estabamos nas clases  estabamos a falar en vez de practicar, pese a todo naceu para a carallada un grupo de gaitas que evidentemente cando estaba este gaiteiro soaban doutra forma, pero o fin o cabo despois de engadirse un bombeiro moi especial como Domin e o “teatral” Manolo Pillado,  fíxonos tocar, que era unha cousa bastante difícil, o “culmen” tivémolo no primeira Serán Ramón Cabanillas que chegamos actuar de “”teloneiros” precisamente dun grupo xa consagrado, como era “Treixadura”.

Que tempos tan marabillosos pasamos pero vivir do pasado é estar preso nun calabozo que construímos nos mesmos e este gaiteiro ten moito futuro. Haber aprendido a a “darlle pausazos” o tamboril o seu carón para min foi unha das cousas mais marabillosas, aparte obviamente das familiares, que me puideron pasar na miña vida.

É tal a miña admiración por el que non vexo na música mais ala de Treixadura seguramente é unha eiva  para os demais,  para min é pasar intres vivindo na gloria cando os escoito, ata unha vez díxome Manu Fariña “Chon hai música mais aló de Treixadura”. Unha vez o coñecín mais a fondo a este fenomenal gaiteiro a miña admiración por el medrou, a súa sinxeleza e a súa modestia adornaban a súa grandeza como persoa, é ben certo que ten o seu lado unha muller que ven a ser un complemento perfecto aparte de ser tamén unha gran experta músical, adornados por dous rapaces encantadores que semellan dous anxos baixados do ceo expresamente para tocar a gaita.

Un gaiteiro ademais que non puxo peros para comprometerse coa súa terra pois leva o nacionalismo no corazón. Maña cumpre 40 anos e aínda que algúns “ignorantes e feridos e duros, imbéciles e escuros” non saiban apreciar a súa calidade musical como mestre, para a maioría dos mortais este gaiteiro foi un regalo dos deuses celtas que deixaron caer o 29 de Agosto de 1971 neste marabilloso pobo de Cambados que el tamén sempre leva dentro da súa funda da gaita a onde vaia tocar.

Grazas amigo Xaquín por meternos nos nosos corazóns ese gaita que tantas veces nos fixo rir e tantas nos fixo chorar, grazas por formar parte da miña vida, grazas por facernos amar un pouco mais a nosa terra, grazas por abrirnos os ollos as nosas tradicións, grazas por agasallarnos a túa amizade e grazas por facernos a vida un pouco mais levadeira sobre todo nestes últimos anos, se a miña vida fora unha película ti sen dúbida algunha serias autor da música.

Adorna este Artigo un debuxo doutro gran artista Tomas Caula , outro mais de tantos e tantos admiradores que tes. Felicidades anticipadas Xaquín de corazón e deséxote que pases este día en paz amor e felicidade rodeado dos teus e dentro de moitos anos quizais  os meus netos ou bisnetos  vexan a estatua dun gaiteiro o lado da don Ramón Cabanillas e digan  con  orgullo “Ese gaiteiro foi amigo do meu avó”. Unha aperta amigo.

Xaquín Charlín. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguilo no seu blog, A ti meu Cambados

Diario dunha viaxe a NY. Día 14


Continúa a serie de artigos de Maribel Iglesias desde a cidade de Nova York

Deixamos para o final (non sei por que) a visita á zona cero. Este ano están especialmente volcados no tema porque se cumpren 10 anos da traxedia e están preparando unha gran homenaxe para o próximo 11-S. Porén as obras do “Memorial” aínda non están rematadas; despois de moito discutir parece que o proxecto definitivo vai levar unha especie de fervenzas no centro dunha praza na que se plantarán centos de árbores. Irá tamén debaixo unha nova estación de metro deseñada por Santiago Calatrava e non puideron resisitirse a construír un novo rañaceos (e de paso rentabilizar un solar que se atopa no millorciño da zona financieira) pese ás críticas das familias das víctimas. Sorprendeunos tamén que tivesen unha especie de museo-tenda, máis tenda que museo na que exisitían unha serie de fotos e obxectos que recordaban a traxedia e sobre todo estaba á venda un enorme merchandising do suceso: postais, libros, camisetas, chaveiros, supostamente para axudar á construción do “Memorial”. Manolo preguntouse se na Estación de Atocha se houbera podido facer algo así.

Non lonxe da Zona cero está Wall Street. Alí está a Bolsa ou mercado de valores de Nova York, que eles chaman o New York Stock Exchage. E imaxinades que hai xusto ao lado?, Siii unha igrexa, a Trinity Church, de estilo neogótico. O edificio da bolsa tamén ten forma de templo pero neste caso un templo grego co seu frontón coroando a fachada. Se temos en conta que a igrexa é a da trindade ( lembrade o dogma das tres persoas: pai, fillo, espírito santo..) e o relacionamos co triángulo do frontón xa temos a analoxía completa. Xa o din os billetes de dollar: “In god we trust” (en deus confiamos).

Mañá voltamos a Cambados, antes de que nos pille o furacán Irene (espero).

 

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Diario dunha viaxe a NY. Día 13


Continúa a serie de artigos de Maribel Iglesias desde a cidade de Nova York

Hoxe visitamos a “Illa da Liberdade” onde se atopa a famosa estatua. A escultura é un bodrio, o seu autor (francés) deseñouna ao parecer para a Canle de Suez como símbolo do encontro entre Europa e Asia, ese proxecto fracasou e readaptouna para o actual emprazamento, regalo do goberno francés ao

americano ao que o unían lazos de fonda amizade dende que os americanos recibiron axuda francesa na súa Guerra da Independencia fronte a Gran Bretaña. Anque a escultura non
vale un peso, paga a pena ir ata alí e contemplar as fermosas vistas de Manhattan e New Jersey dende o mar; tamén o percorrido actual inclúe unha parada na Illa de Ellis por onde entraron a maioría dos emigrantes europeos a EEUU ata os anos 20. Hai na illa un museo interesante sobre iso e un monumento cos nomes de todos os emigrantes rexistrados ao entrar na illa (uns 8 millóns), foi curioso atopar moitos nomes galegos, lembro especialmente un “Avelino Iglesias”, por levar o meu apelido. Para min que son filla de emigrantes foi especialmente emotivo poñerme na pel deses homes e mulleres que despois dunha longa travesía chea de penas e esperanzas a partes iguais, vían dende o barco, na entrada do porto de Nova York a Estatua da Liberdade que lles anunciaba (ou iso pensaban eles) un futuro mellor.

Pola tarde fomos a Times Square, meus fillos tiñan especial interese en ir, supoño que porque sae moito nas películas e porque alí está o Hard Rock Café. A min lembroume a película de Blade Runner, sólo faltaba a chuvia. E para completar a escea futurista alí estaban ducias de fans de Lady Gaga que polo visto estaba no interior dun dos edificios e ía vir saudar. Pero levabamos media hora esperando e Lady Gaga non aparecía así que nos fomos. Mariña dixolle ás amigas polo tuenti que “casi” viu a Lady Gaga. Ata mañá.   (Actualizado o día 30/08/11 para engadir o parágrafo que “comimos”. Desculpas a lectores e autora)

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

O Concello ten que reasignar partidas para cubrir gastos


No pleno de hoxe presentaranse as contas do ano 2010. Segundo informaba Faro de Vigo o alcalde propoñerá reasignar partidas para empregar en diferentes ámbitos para os que non quedan cartos, tales como a electricidade do Centro de Saúde, o vestiario da policía e Protección Civil, o funcionamento da depuradora do Facho… Segundo o propio xornal “cando o Concello fixo o orzamento de 2011 non calculou ben os gastos -ou estes se desbocaron-“. Seguir lendo

Diario dunha viaxe a NY. Día 12


Continúa a serie de artigos de Maribel Iglesias desde a cidade de Nova York

Onte fomos ao barrio de Chelsea (levo a crónica con algo de retraso). Manolo quería ver galerías de arte. Cando eu vin fai 20 anos a maior parte estaban no Soho, hoxe están en Chelsea. O Soho mudou cara unha zona máis comercial e polo tanto máis cara, así que buscando espazos máis amplos e baratos as galerías mudáronse a este barrio próximo ao río Hudson e os seus peiraos onde existían moitos almacéns con posibilidades de convertilos en salas de exposicións. A mala sorte acompañounos de novo (bueno segundo se mire porque meus fillos estaban encantados) porque pechan en agosto. De aí fomos ao Madison Square Garden onde xoga polo visto non sei que equipo de baloncesto, os Knicks me di meu fillo. Mentres estabamos tomando uns sandwiches á sombra dun rañaceos escoitamos un tremendo estoupido, o 1º no que pensamos foi nunha bomba pero como non se escoitaron despois sonidos de sirenas, todo o mundo se tranquilizou. Si nos chocou que de volta ao apartamento (temos o sano costume de dormir a siesta ata en NYC) ao coller o metro notamos que casi ninguén viaxaba nel. Ao chegar a casa as canles de TV botaban fume falando dun terremoto e así seguiron ata hoxe en que empezaron a falar do furacán Irene que (xa debilitado) fai afectar tamén á costa leste e a NYC. Menos mal que marchamos nós antes. Ata mañá.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Diario dunha viaxe a NY. Día 10


Continúa a serie de artigos de Maribel Iglesias desde a cidade de Nova York

En teoría nos viñemos a NYC (entre outras cousas) para mellorar o noso inglés, na práctica estamos perfeccionando o español. Eu estivera aquí fai 20 anos e xa daquela a presencia hispana era importante: varias canles de TV en inglés, moitos hispanos traballando, carteis en español nos barrios hispanos… pero agora a presencia é moito maior, o español xa non é só a lingua dunha minoría, nalgúns ghetos da cidade. EEUU vai camiño de ser un país bilingüe: nas máquinas do metro sacas os tickets en español, moitos carteis das rúas (non só do Bronx) están en español, nas tendas grandes (e pequenas) tes moitas posiblidades de que te atendan nesta lingua. Onde nos estamos, o Soho, que non é un barrio específicamente hispano, o supermercado da esquina é de hispanos, na pizzería na que ceamos de cando en vez atenden varios hispanos e George, o empregado de mantenemento do noso edifico é en realidade Jorge, de orixe mexicano. En fin que meus fillos están encantados porque non teñen que usar o iglés para que os entendan. Galicia bilingüe pode estar tranquila, o español non corre perigo.

E non só é importante a presencia de hispanos de sudamérica senón tamén de hispanos de España. Dos turistas europeos que vemos polas rúas creo que a maioría son españois, hai moitos restaurantes de “tapas”, nas tendas de delicatessen podes ver as pernas de xamón serrano, Zara está en todas as zonas comerciais importantes da cidade, hai viños españois en todas as cartas dos restaurantes e ata vimos un cartel publicitario enorme de Martín Códax no Soho. Non sei si esto é bo ou malo,  pero é así.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Presentación do Dolorock 2011 este xoves en Cambados


Este sábado 27 de agosto, celébrase nas rías baixas o Dolorock 2011, a partir das 21:00h na localidade de Mosteiro. Este vindeiro xoves celebrarase a presentación do festival deste ano, no salón de Congresos e Exposicións José Peña, en Cambados.

Este xoves, xa comeza a música na mesma presentación, co artista invitado, Xoel López, que comezará ás 22:00h. A entrada será de balde até completar o aforo do local. Seguir lendo

Nas redes sociais

Agosto 2011
L M M X V S D
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.