O Bloque de Cambados continúa con esta orixinal iniciativa que iniciou hai xa ano e medio. Trátase de (re)descubrir as nosas propias parroquias camiñando con guías, que son veciños e veciñas dos lugares. Concretamente, a etapa de Vilariño xa fora organizada para hai uns meses pero tivera que ser posposta por mal tempo. Este domingo 2 de Outubro o BNG anima a todo o mundo a realizar 6 quilómetros a pé por Vilariño. Seguir lendo
O Clube de Tenis de Cambados organizou para o vindeiro sábado día 8 de Outubro o cuarto Torneo 24 Horas de Tenis.
O límite para inscribirse é o 5 de Outubro, tres días antes da celebración, e pode facerse no teléfono 610 85 01 87 (chamar pola tarde). O Torneo xógase desde as 12.00 do sábado 8 até as 12.00 da seguinte xornada (de aí o nome). Patrocina Concello de Cambados, colaboran La Caixa, Cristalería Cambados, Imagina Regalos e DeportesCarlosMiguel.com
Eu son mestra. Nos tempos que corren case parece unha ousadía atreverse a dicilo, por aquilo de que de súpeto todo o mundo opina sobre o noso horario e o noso traballo. Eu síntome moi afortunada por ter o traballo que teño, porque foi unha elección vocacional. Son feliz ensinando, facendo a miña pequena contribución para axudar aos nenos a desenvolver as súas capacidades, a facelos máis autónomos, concienciándoos en valores que cada día son máis difíciles de atopar na sociedade, dedicando máis tempo a aqueles que precisan un pouquiño de axuda, botándolle horas, imaxinación, ilusión e sobre todo moitas ganas. Por iso dame moita rabia o que se está intentando facer co noso oficio (digo intentando porque eu pola miña parte non teño pensado permitilo, así teña que estar día tras día explicando o meu punto de vista).
Non coñezo nin un só mestre que proteste polo aumento das famosas catro horas lectivas (exceptuando aos sindicatos, por suposto). Esas catro horas (que xa as pasabamos no colexio) o único que van facer é evitar contratar a máis profesorado para atender as necesidades dun colexio. A protesta ven porque esas horas non se van poder dedicar a deseñar outras actividades e proxectos necesarios. O señor conselleiro repetiu ata a saciedade que esas catro horas de traballo van redundar nunha mellora da calidade educativa, e a miña pregunta é: ¿como vai a mellorar a atención educativa dun neno con necesidades educativas específicas se vai ter dez ou doce mestres diferentes dándolle cada un dúas horas de clase á semana, en vez de mandar ao centro un especialista coa titulación esixida para atender correctamente a ese neno?
Outra cuestión que me parece unha tomadura de pelo son as gardas dos autobuses. Eu pensaba que o noso traballo consistía en ensinar, pero polo visto agora tamén temos que ser vixiantes e coidadores.
O que máis pena me da de todo este asunto son os nenos, que sen ser culpables de nada son os que saen máis prexudicados. Estou totalmente en contra de calquera medida que os prexudique, en maior ou menor medida, pero si que boto en falta un maior apoio por parte da sociedade en xeral, xa que o que está en xogo é algo demasiado importante como para tomalo a broma. Eu pola miña parte tentarei seguir facendo o meu traballo coa mesma ilusión do primeiro día. Se me deixan, claro.
*M.C.A.L. Este artigo foi extraído de La Voz de Arousa do 28 de Setembro de 2011
Este 29 de Setembro ás 20.30 horas terá lugar unha charla no Auditorio da Xuventude para falar do desmantelamento que está a vivir a Sanidade Pública, e en particular o hospital do Salnés. O ponente será o médico de atención primaria Manuel González Moreira.
Seguir lendo
Clasificarse nun campionato mundial xa é moi remarcable, pero ser o onceavo do mundo nunha disciplina deportiva é un fito histórico. Un cambadés, Jose Luis Aragunde Soutullo, vén de acadar esa posición do Duatlón celebrado en Xixón durante esta fin de semana. Seguir lendo
O artista expón na galería cambadesa a partires do vindeiro venres 30. Ás 20.30 horas terá lugar a inauguración da mostra de pintura “Ronsel de Naufraxios”. Segundo o propio autor “o mar é a metáfora para falar das lembranzas, o ronsel dos barcos e os naufraxios como a superación dos desastres do día a día”.
A exposición poderá verse desde o venres até o día 29 de Outubro. Podes saber moito máis de Manuel Busto visitando esta web.
Somos bombardeados a diario. Nas novas, na prensa, na tele.E non fai falla, porque o sabemos, tamén na rúa. Estamos en crise. Esta crise, que naceu das perversións do sistema neoliberal, supoñíase que ía servir para refundar o capitalismo, que se amosaba como inválido. Había que regular os mercados, controlar a voráxine especuladora propia dos mercados financeiros. Pero non.
Resulta que sobre aquelo pasamos de puntiñas. Resulta que á par que nos bombardean día a día coa mala situación, que é certo que vivimos, tamén se afanan en comezar o desmonte da parte positiva do sistema. Estámolo a ver ultimamente coa educación. A crise, a mil veces coreada necesidade de aforro, só se manifesta contra os servizos dos que nos beneficiamos a maioría social. Coa crise como pretexto deixan de contratar persoal na escola pública, cargan aos mestres con labores de custodia que non lles correponden, envían aos centros a profesionais de diferentes especialidades…
Coa crise como pretexto tentan gañarse á opinión pública para consumar un novo atentado contra o seu benestar. Pouco a pouco, paso a paso. Silenciosamente (cando poden).
Falan de aforro pero esconden que se aforraría tanto ou máis retirando as desgravacións fiscais á escola privada. Deixando de promocionar o ensino concertado. Falan de aforro pero o aforro non se impón nas institucións das que eles se nutren, en Senados inútiles que non deberían existir e Deputacións cuxas competencias deberían revertir nas CCAA e Concellos e ser eliminadas para que non nos siga caendo a cara de vergoña ao admitir que en Galiza seguimos tendo caciques en pleno século XXI.
Falan de aforro pero o aforro que se conseguiría atallando a economía submerxida e a evasión fiscal segue sen perpetrarse. Aforro sen aforrar en gasto militar (non sería normal deixar de financiar operacións polo mundo e manter e mellorar a sanidade e a educación?), aforro sen aforrar en subvencións a medios de comunicacións afíns mentres outros morren ignorados, aforro sen aforrar en Xantares vergoñentos pagados por todos. Aforro sen afrontar que quen máis pode máis debe contribuir á caixa común e máis agora, aforro polo tanto sen reforma fiscal.
Aforro si. Pero aforremos no básico, na educación, na sanidade, nos servizos sociais. E fagámolo rápido porque xa se sabe, os Mercados non teñen a paciencia entre as súas cualidades. Reformemos a Constitución se fai falla en dous días logo de trinta anos de inmobilismo e dogma, para aforrar. Que ben soa, o aforro. Tanto que aforramos tamén nun referendum!
Nos tempos de vacas gordas os beneficios, sabémolo, foron para uns poucos. Coa crise como pretexto o aforro queren que o paguemos todos. Se non cambia moito a cousa, tan só haberá que agardar até o 21 N para comprobar as axendas ocultas dos que veñen. Aí si que vai haber aforro.
O peor é que aínda han recibir aplausos por iso.
Óscar Pardo Planas
A continuación ponse a disposición de todos os interesados a lista de convidados ao Xantar do Albariño 2010 [PDF 99.9 KB] facilitada por grupo de goberno ao grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego.
A lista reprodúcese tal cal foi entregada a Víctor Caamaño por parte da Alcaldía, tan só se marcaron en azul os convidados que son ou foron cargos electos ou designados por parte do Partido Popular ou do PP nalgún goberno (arredor duns 110 dos 280 mencionados, un 40% da lista). E non se marcaron aquelas persoas que sen ter sido cargos do PP si están vencellados a este partido político, eses casos quedan a mercede da análise persoal de cada quen. Seguir lendo
Hoxe [polo mércores 21 de Setembro] os mestres galegos van facer unha folga sensata, necesaria, ecuánime, a prol do ensino público… en fin, podiamos seguir poñendo calificativos a esta reivindicación dos docentes todos eles xustos, menos un; esta non é unha folga politica como nos quere facer ver o PP e o impresentable do Conselleiro de Educación, quen precisamente anda a dicir por medio da prensa do réxime que esta é unha folga politica e o malo é que esta báilalle a corda.
E fala el de facer politica, este que pertence a un partido que nos goberna nefastamente durante dous anos levándonos a niveis do umbral da pobreza en Galicia, estes que queren privatizar a educación para lucrarse, estes que pretenden privatizar a sanidade para lucrarse, estes que privatizan os servizos dos concellos para lucrarse, estes que queren eliminar o galego do ensino e das nosas vidas, a isto eles non lle chaman facer politica, chamanlle “gobernar”, pois non isto se é facer politica… Isto en definitiva é facer politica da mais rastrera.
O colectivo do profesorado ata o de agora está a sufrir unha serie de inxustizas tales como que lle baixaran o soldo un 7% (cando os politicos o aumentan, aí temos a Alcaldia de Cambados, un pobo de apenas 14.000 habitantes que lle custa os cidadáns 10.000 euros mensuais), ou que lle eliminaran o sistema de pensións que tiñan asinado, ou o aumento de carga lectiva ou que teñan que facer de “vixiantes” dos nenos dende o autubus o centro, a aínda hai algún desalmado que tacha esta folga de política.
Eu dende logo díxenlle á miña filla que respetara a actitude dos mestres, expliqueille que eran unhas reivindicacións moi xustas, comprendeuno perfectamente e deille liberdade para asistir ou non a clase. Parafraseando a Bécquer e dirixíndome o incalificabel Conselleiro de Educación: “Preguntaste que é politica, política eres ti”.
Tamén podes seguilo no seu blog, A ti meu Cambados
O voceiro do BNG no Concello, Víctor Caamaño, respostou onte contundentemente ás declaracións do alcalde, nas que afirmaba que o Bloque estaba en contra da festa. Caamaño teno claro: “o BNG fai estas críticas porque quere que a festa sexa o mellor posible” e que “iso é compatible con gozar da festa e participar do seu ambiente. Faltaría máis”. O voceiro nacionalista di que Aragunde emprega a mesma táctica que Tourís tentando transladar á cidadanía que a crítica a un aspecto organizativo da festa significa estar en contra da Festa. Seguir lendo