O BNG preguntou no Parlamento a semana pasada por medio do seu deputado Bieito Lobeira pola situación das traballadoras da factoría de Real Conservera Española no Polígono de Cambados [le a moción].
Esta factoría, lembra o BNG, foi posta en marcha grazas a unha importante subvención da Xunta de Galicia (3.2 millóns de euros da Consellaría de Industria e 2.6 millón da Consellaría de Mar; dos 8.5 que custou montar a fábrica, é dicir, recibiu case un 70% do que custou en subvencións).
As preguntas de Lobeira no Parlamento referíanse a “un grave problema laboral que se traduce en despedimentos de traballadoras, coaccións e ameazas ao cadro de persoal” que non era simplemente de carácter laboral entre empregados e dono da empresa, xa que parte dos obxectivos que xustificaron a subvención da Xunta falaban de “xeración de traballo digno”. Por iso, o BNG preguntou á Xunta se tiña coñecemento de tal situación e que medidas acometería para normalizar a vida laboral da empresa.
Pouco tempo despois, o xerente de Real Conservera Española, José Peña, saiu ao paso do BNG para denunciar “acoso” á súa empresa e afirmou que non existía tal clima enrarecido no tema laboral. De feito, segundo el, todas menos unha traballadora asinaron un documento no que rexeitaban as declaracións de Bieito Lobeira. Tamén segundo a súa versión, as traballadoras propuxeron concentrarse diante da sé do BNG de Cambados, mais o empresario preferiu non ir a máis.
Fronte a estas declaracións, o voceiro do BNG de Cambados tivo que saír ao paso e lembrar que se Bieito Lobeira presentou a moción no Parlamento foi porque algunhas traballadoras lle transmitiron o problema da precariedade laboral ao Bloque e este decidiu denuncialo onde correspondía. Ademais, Caamaño calificou como “normal” o feito de que os traballadores asinaran o documento citado dadas presións que se vivían na empresa.
Tamén Comisións Obreiras (CCOO) denunciara que no ano 2010 as traballadoras contratadas como “fixas-discontinuas” tiveran tan só un total de 90 días cotizados en todo o ano, e segundo CCOO “o que se lle dí aos traballadores é que de sindicatos nada, que os problemas da empresa se arreglan na casa”.
Como conclusión, lembrou Víctor, o BNG sempre defendeu o sector conserveiro pero tamén unhas condicións axeitadas para os a as traballadoras, en empresas onde as relacións laborais estean normalizadas, e en particular, nesas empresas que reciben fondos públicos para o seu desenvolvemento económico.
E en todo ese tira e afloxa entre BNG e Real Conservera, foi patente a baza que xogaron por activa ou por pasiva os medios de comunicación comarcais. En xeral, silenciando as denuncias e sobre todo as posteriores explicacións do BNG sobre o asunto e cubrindo dun xeito moi completo a réplica vitimista do xerente da empresa. Cando menos curioso. Que intereses se agachan detrás deste caso?
Conversa
Aínda non hai comentarios.