A Xunta de Galicia ten unha fronte aberta nos centros de ensino de todo o país. Hai dous días miles de profesores se manifestaban en Santiago de Compostela polos recortes na educación (lía o manifesto, por certo, a profesora cambadesa Adela Leiro).
Esas protestas van moito máis alá de reivindicacións de índole laboral por parte deste colectivo de traballadores públicos, xa que como informa hoxe La Voz de Arousa, varios centros do noso propio Concello comezan o curso con falta de persoal especializado. A Xunta busca aforrar cartos nun sector moi importante, o ensino, e faino entre outras cousas eliminando o persoal de apoio dos centros. Empobrécese, polo tanto, o sistema de educación pública. Seguir lendo
O Concello puxo fin esta semana ao “secuestro” de información sobre o caso do Xantar do Albariño. Fíxolle falla máis de un ano, varias interpelacións do voceiro do BNG no Pleno e ata 2 peticións do Valedor do Pobo.
O que se lle pedía era simple: unha relación de todas as persoas que foron convidadas ao Xantar (invitación realizada con cartos de todos os cambadeses) e o motivo que esgrime o Concello para cursar ditos convites. Unha información que non ten que “fabricar”, salvo que a queira modificar intencionadamente porque haxa algo que ocultar, e que tan só tería que imprimir e enviar.
O goberno de Cambados e en concreto o alcalde, demostraron unha excepcional falta de respecto non só á Oposición, senón a todos os cambadeses, xa que incumprindo a súa obriga legal de informar aos concelleiros estase a desprezar o suposto carácter democrático do Concello.E digo suposto porque feitos como este (máis de un ano de espera por unha lista) sumados á tónica habitual, demostran que o xeito de gobernar en Cambados dista bastante de ser limpo, transparente e democrático.
A maioría absoluta, por moi folgada que sexa, non pón a ninguen por riba das leis (nin da ética). Isto é algo que o PP e Aragunde deberían ter presente para estes catro anos.
O BNG anunciou hai escasos días aos medios que por fin conta coa famosa lista e que logo de estudala emitirán unha valoración e a publicarán ou non. A min só me resta agardar que o Consello Local do Bloque se pronuncie sobre a información da que agora dispoñen e que, xunto coa súa valoración política sobre o asunto se faga público o documento íntegro entregado polo Concello a Víctor Caamaño.
Para que todos poidamos facer a nosa lectura. E saibamos en que (e neste caso en quen) se gastan os nosos cartos.
Óscar Pardo-Planas. Podes ler todos os seus artigos premendo aquí.
———————————————–
Actualizado o 17 de Setembro ás 19.30 horas: Xa hai lista pero de momento non é pública. Podes ler a valoración do BNG premendo aquí.