A Xunta de Galicia ten unha fronte aberta nos centros de ensino de todo o país. Hai dous días miles de profesores se manifestaban en Santiago de Compostela polos recortes na educación (lía o manifesto, por certo, a profesora cambadesa Adela Leiro).
Esas protestas van moito máis alá de reivindicacións de índole laboral por parte deste colectivo de traballadores públicos, xa que como informa hoxe La Voz de Arousa, varios centros do noso propio Concello comezan o curso con falta de persoal especializado. A Xunta busca aforrar cartos nun sector moi importante, o ensino, e faino entre outras cousas eliminando o persoal de apoio dos centros. Empobrécese, polo tanto, o sistema de educación pública.
En ocasións a Xunta en lugar de enviar persoal coa formación axeitada, destina a persoas doutras especialidade. En Castrelo solicitaron un profesional de Audición e Linguaxe e a Xunta enviou a un especialista en Educación Física e Magariños vai ter que compartilo con este centro a pesar de que tiñan apalabrado un profesional en exclusiva (hai 27 nenos con esa necesidade no colexio).
En Vilariño tamén comparten a praza de Audición e Linguaxe coa Pastora, pero esa persoa encárgase nese cole de Pedagoxía Terapéutica. Nestas dúas especialidades é onde máis recortes se aprecian, a pesar de que os centros as consideran moi importantes porque atenden a nenos con necesidades especiais.
COMEDOR ESCOLAR EN MAGARIÑOS
Por outra banda e como nova positiva neste comezo de curso de recortes, sinalar que en Magariños están a comezar as obras para a construción do comedor escolar.
Conversa
Aínda non hai comentarios.