O artista expón na galería cambadesa a partires do vindeiro venres 30. Ás 20.30 horas terá lugar a inauguración da mostra de pintura “Ronsel de Naufraxios”. Segundo o propio autor “o mar é a metáfora para falar das lembranzas, o ronsel dos barcos e os naufraxios como a superación dos desastres do día a día”.
A exposición poderá verse desde o venres até o día 29 de Outubro. Podes saber moito máis de Manuel Busto visitando esta web.
Somos bombardeados a diario. Nas novas, na prensa, na tele.E non fai falla, porque o sabemos, tamén na rúa. Estamos en crise. Esta crise, que naceu das perversións do sistema neoliberal, supoñíase que ía servir para refundar o capitalismo, que se amosaba como inválido. Había que regular os mercados, controlar a voráxine especuladora propia dos mercados financeiros. Pero non.
Resulta que sobre aquelo pasamos de puntiñas. Resulta que á par que nos bombardean día a día coa mala situación, que é certo que vivimos, tamén se afanan en comezar o desmonte da parte positiva do sistema. Estámolo a ver ultimamente coa educación. A crise, a mil veces coreada necesidade de aforro, só se manifesta contra os servizos dos que nos beneficiamos a maioría social. Coa crise como pretexto deixan de contratar persoal na escola pública, cargan aos mestres con labores de custodia que non lles correponden, envían aos centros a profesionais de diferentes especialidades…
Coa crise como pretexto tentan gañarse á opinión pública para consumar un novo atentado contra o seu benestar. Pouco a pouco, paso a paso. Silenciosamente (cando poden).
Falan de aforro pero esconden que se aforraría tanto ou máis retirando as desgravacións fiscais á escola privada. Deixando de promocionar o ensino concertado. Falan de aforro pero o aforro non se impón nas institucións das que eles se nutren, en Senados inútiles que non deberían existir e Deputacións cuxas competencias deberían revertir nas CCAA e Concellos e ser eliminadas para que non nos siga caendo a cara de vergoña ao admitir que en Galiza seguimos tendo caciques en pleno século XXI.
Falan de aforro pero o aforro que se conseguiría atallando a economía submerxida e a evasión fiscal segue sen perpetrarse. Aforro sen aforrar en gasto militar (non sería normal deixar de financiar operacións polo mundo e manter e mellorar a sanidade e a educación?), aforro sen aforrar en subvencións a medios de comunicacións afíns mentres outros morren ignorados, aforro sen aforrar en Xantares vergoñentos pagados por todos. Aforro sen afrontar que quen máis pode máis debe contribuir á caixa común e máis agora, aforro polo tanto sen reforma fiscal.
Aforro si. Pero aforremos no básico, na educación, na sanidade, nos servizos sociais. E fagámolo rápido porque xa se sabe, os Mercados non teñen a paciencia entre as súas cualidades. Reformemos a Constitución se fai falla en dous días logo de trinta anos de inmobilismo e dogma, para aforrar. Que ben soa, o aforro. Tanto que aforramos tamén nun referendum!
Nos tempos de vacas gordas os beneficios, sabémolo, foron para uns poucos. Coa crise como pretexto o aforro queren que o paguemos todos. Se non cambia moito a cousa, tan só haberá que agardar até o 21 N para comprobar as axendas ocultas dos que veñen. Aí si que vai haber aforro.
O peor é que aínda han recibir aplausos por iso.
Óscar Pardo Planas