Eu son mestra. Nos tempos que corren case parece unha ousadía atreverse a dicilo, por aquilo de que de súpeto todo o mundo opina sobre o noso horario e o noso traballo. Eu síntome moi afortunada por ter o traballo que teño, porque foi unha elección vocacional. Son feliz ensinando, facendo a miña pequena contribución para axudar aos nenos a desenvolver as súas capacidades, a facelos máis autónomos, concienciándoos en valores que cada día son máis difíciles de atopar na sociedade, dedicando máis tempo a aqueles que precisan un pouquiño de axuda, botándolle horas, imaxinación, ilusión e sobre todo moitas ganas. Por iso dame moita rabia o que se está intentando facer co noso oficio (digo intentando porque eu pola miña parte non teño pensado permitilo, así teña que estar día tras día explicando o meu punto de vista).
Non coñezo nin un só mestre que proteste polo aumento das famosas catro horas lectivas (exceptuando aos sindicatos, por suposto). Esas catro horas (que xa as pasabamos no colexio) o único que van facer é evitar contratar a máis profesorado para atender as necesidades dun colexio. A protesta ven porque esas horas non se van poder dedicar a deseñar outras actividades e proxectos necesarios. O señor conselleiro repetiu ata a saciedade que esas catro horas de traballo van redundar nunha mellora da calidade educativa, e a miña pregunta é: ¿como vai a mellorar a atención educativa dun neno con necesidades educativas específicas se vai ter dez ou doce mestres diferentes dándolle cada un dúas horas de clase á semana, en vez de mandar ao centro un especialista coa titulación esixida para atender correctamente a ese neno?
Outra cuestión que me parece unha tomadura de pelo son as gardas dos autobuses. Eu pensaba que o noso traballo consistía en ensinar, pero polo visto agora tamén temos que ser vixiantes e coidadores.
O que máis pena me da de todo este asunto son os nenos, que sen ser culpables de nada son os que saen máis prexudicados. Estou totalmente en contra de calquera medida que os prexudique, en maior ou menor medida, pero si que boto en falta un maior apoio por parte da sociedade en xeral, xa que o que está en xogo é algo demasiado importante como para tomalo a broma. Eu pola miña parte tentarei seguir facendo o meu traballo coa mesma ilusión do primeiro día. Se me deixan, claro.
*M.C.A.L. Este artigo foi extraído de La Voz de Arousa do 28 de Setembro de 2011
Conversa
Aínda non hai comentarios.