A crise está a dar pé á cancelación de proxectos que foron prometidos polo actual equipo de goberno hai tan só catro meses, cando era o momento de pedir o voto. Unha das imaxes que se apresurou a publicar o PP de Cambados foi a do antigo matadoiro -lugar onde se vai levantar o centro de día- co cartel das obras.
A pesar de que a oposición xa acusara daquela ao goberno local de electoralista e de advertir de que esa obra non se levaría aínda a cabo porque non estaba contemplada nos Orzamentos da Xunta de Galicia para este ano, o Partido Popular negou tales acusacións e insistiu unha e outra vez que o proxecto estaba realmente en marcha. Hoxe, nunha exhaustiva análise que realiza La Voz de Arousa sobre o estado do Concello, o alcalde e grupo de goberno admiten que o Centro de Día non poderá iniciarse aínda. O mesmo pasou coa piscina, cuxa cuberta haberá de agardar tempos mellores para ser cambiada. Iso si, aproveitando unha visita do presidente de Portos, o alcalde reafirmouse no proxecto das comportas do Saco de Fefiñáns. (máis info. no interior)
O MANTEMENTO DO ALUMEADO, A MANS PRIVADAS
Na súa particular análise, Luis Aragunde reafírmase en que a situación económica do Concello non é mala (tampouco boa, engade). Segundo La Voz a débeda do municipio é de catro millóns de euros, mentres que o total destes orzamentos superou os oito millóns. Aragunde di que non será “o alcalde que arriunou o Concello”, e non descarta abrir a porta a pequenas subas de impostos (non se atopa o IBI entre estas posíbeis subas) así como entregar o mantemento do alumeado municipal a unha empresa externa, porque din ter datos de que sairía máis rentable.
A OPOSICIÓN CALIFICA DE NEGATIVA A XESTIÓN
Tanto o voceiro do BNG, Víctor Caamaño, como do PSdeG, Rafael Blanco, valoraron negativamente ao goberno cambadés tralos primeiros cen días de mandato.
Para Caamaño, Aragunde segue a ter vicios dos seus antecesores no cargo, como o xeito de contratar persoal ou a escasa transparencia amosada. Ademais, quéixase de que nos temas que se acordan na Corporación entre partidos non hai avances reais e todo queda en simple boa vontade; e os principais problemas de Cambados, seguen no caixón, precisa Caamaño.
Rafael Blanco pola súa banda puxo o énfase no “despilfarro” de cartos públicos cando a débeda do Concello é a metade do orzamento actual e os gastos correntes rondan, segundo o socialista, os 600.000 euros. Blanco tamén deixa entrever que o Concello podería non estar admitindo toda a débeda que realmente existiría.
AS COMPORTAS E A PRAIA NO SACO
Tamén no día de onte visitou o novo presidente de Portos de Galiza, Juan José Durán, o porto de Tragobe acompañado polo delegado da Xunta Cores Tourís e o alcalde de Cambados. Durán asegurou que nas partidas de 2011 da Xunta hai cartos para as comportas aínda que dixo que estas non se iniciarán até que se complete o saneamento da zona. Aragunde sinalou (outra vez) que estas serán beneficiosas para o marisqueo, para o turismo, e para os cambadeses posto que no Saco se construirá unha praia artificial para recuperar a que alí había con anterioridade.
Información extraída de La Voz de Arousa, imaxe de Faro de Vigo
Conversa
Aínda non hai comentarios.