Así o denuncia o xefe da oposición e concelleiro do BNG Víctor Caamaño, quen presentou un escrito no rexistro do Concello para que o alcalde poña fin a esta práctica. Teoricamente o prazo máximo legal que ten o goberno local para remitir copias das actas aos concelleiros é de dez días. Segundo Caamaño esta anomalía limita a capacidade do labor de fiscalización que teñen que levar a cabo el e mais os seus compañeiros, xa que en moitas ocasións se enteran das novidades pola prensa. Isto, remata, “é unha falla de respecto democrático para os veciños que representamos”.
Desde a mancomunidade do Salnés, o PP, lanza un aviso aos cidadáns sobre a futura suba xeneralizada de impostos nos nosos concellos. O argumento é que o veciño/a, o que está a pagar, en concepto de recollida de lixo por exemplo, non é suficiente para cubrir o custo da factura en Sogama. O que non ten en conta o PP é que os veciños e veciñas non pagan só o recibo do lixo senón que pagan moitos impostos directos e indirectos. Pagan tantos que incluso con eses cartos están en funcionamento administracións tan fora de lugar, na actualidade, como as Deputacións.
O lóxico actualmente é que as deputacións, que son unha administración paralela á Xunta de Galiza e que, ademais, están a ser o exemplo da utilización caciquil da administración , foran eliminadas. Pero o PP disto non quere saber nada; encóntrase moi cómodo pedindo sacrificios continuados aos cidadáns pero as deputacións nin tocalas porque son imprescindibles para axudar aos concellos da súa cor política e para “enchufar” a un amplo número de parentes e amigos.
Resulta lamentable a falta de propostas do PP que nos ameaza, desde todos os ámbitos da administración, con sangrarnos a base de suba de impostos e recorte de servizos. O seu plantexamento é o mesmo co do PSOE: que sigan pagando a crise os que non a provocaron.
Está claro que as mancomunidades deben desenvolver un papel clave na xestión de moitos servizos comúns necesarios (auga, residuais, lixo…) para os concellos. Como o orzamento das mancomunidades dependen das mermadas arcas dos concellos que as forman, habería que buscar unha solución a este problema. E a solución non pode ser o seguir subindo os impostos aos cidadáns. O lóxico sería que parte do orzamento das Deputación estivera destinado ao funcionamento das mancomunidades o que redundaría no beneficio de todos e non só do PP.
O que non pode ser é que na situación actual de crise, con paro, con soldos precarios e con carencia de servizos, é que o PP queira solucionar as necesidades da administración a base, exclusivamente, subidas de impostos aos veciños e veciñas. E que, ademais, non estea disposto a defender unha reforma da administración (eliminación das deputacións) que redunde no beneficio de todos e a todas e que permita destinar os impostos en servizos imprescindibles para a cidadanía en lugar de para o beneficio do PP.
Víctor Caamaño. Voceiro do BNG de Cambados. Podes ler o seu blog premendo aquí.