O voceiro do BNG, Víctor Caamaño, sorprendeu no pleno de onte cunha moción pola vía de urxencia sobre a conserveira Alfageme. A moción, que resalta a importancia da industria conserveira para o emprego da comarca, remata por solicitar á Xunta de Galicia que poña solución ao conflito de Alfageme que ameaza 150 postos de traballo no Salnés, unha das bisbarras máis castigadas polo emprego.
Logo de que a empresa entrara en fase concursal a solución pareceu vir da man do “Consorcio Conservero”, que chegou a un acordo coas centrais sindicais e coa propia Xunta para non eliminar postos de traballo. Pero é a Xunta quen ten que permitir o auto de liquidación para que a empresa sexa por fin vendida. “Consorcio Conservero” mantén que só agardará até final de mes, polo que se a Xunta non actúa o conflito podería dilatarse e agravarse.
O alcalde, Luís Aragunde (PP) dixo no Pleno que o seu grupo ía votar en contra da moción, segundo el porque non tiveran tempo para lela, pero cambiou a última hora de opinión porque dixo non estar en desacordo con ela. Seguramente a presenza das traballadoras no pleno tivo algo que ver no asunto. É a primeira vez na lexislatura que unha moción do Bloque sae aprobada por unanimidade. O PSOE tamén se sumou a ela. Podes ler a moción aprobada completa premendo aquí.
Por certo, a prensa comarcal ao completo obvia hoxe nas súas páxinas dixitais o incremento de impostos que previsiblemente ía ser aprobado onte no mesmo pleno, e tan só relatan o sucedido en relación a Alfageme. Algo estrano tendo en conta que se tiveron tempo de publicar crónica disto último tamén presenciarían a esaxerada suba de taxas que o goberno tiña organizada. Agardemos que mañá si apareza reflectido, xa que por agora nos quedamos sen esa información que de seguro é de interese para moitas familias cambadesas.
Conversa
Aínda non hai comentarios.