Durante a última semana realizouse un pequeno inquérito entre os lectores de Cambados(tk) para coñecer a súa opinión sobre o gasto de fondos públicos en Cambados, e especialmente arredor do gasto de un millón de euros que a Deputación empregou en reparar a sede dunha asociación de carácter privado (a Cultural).
Pois ben, as persoas que participaron nesta enquisa discrepan radicalmente cos criterios que segue o Concello de Cambados –ademais doutras institucións- para invertir os cartos de todos. En concreto, nunha escala do 1 ao 5 en prioridade, tan só outorgan de media un 1,41 á reforma da sede da Cultural. Dúas obras que segundo o goberno local tamén son prioritarias, as comportas do Saco e a construción dunha praia artificial, contan co rexeitamento dos lectores.
Pola contra, a construción do esperado Centro de Día e o saneamento, dous temas claves e prioritarios para os participantes desta mini enquisa. A renovación da cuberta da piscina non puxo dacordo aos lectores de Cambados(tk), xa que a media da prioridade é neste caso de 3,16.
Canto á pregunta aberta: “En que empregarías o millón de euros que invertiu a Deputación na Cultural?”, as respostas son heteroxéneas pero predominan as que mencionan xenericamente sanidade, ensino e servizos sociais (até oito respostas) e en concreto o centro de día. Tamén se fala en varias de mellorar (ou crear) un transporte público decente ou realizar o saneamento da costa e mellorar a rede de sumidoiros. Podes ler todas as respostas íntegras premendo aquí.
O documento descargábel será enviado electronicamente tanto ao alcalde de Cambados como ao presidente da Deputación de Pontevedra.
Conversa
Aínda non hai comentarios.