Comeza a campaña electoral de verdade. Por fin. Porque xa levamos meses en campaña, levamos meses escoitando ao partido da oposición reclamar eleccións e agora, estarán contentos, xa as teñen aquí. E parece que van arrasar.
É curioso, por certo, comprobar como conforme se acerca o día aquelas proclamas de “imos resolver a crise co cambio de goberno” vanse atenuando e convertíndose en “a cousa está mal, a recuperación será lenta”. E iso xa o sabíamos.
Pero especialmente se temos en conta que as propostas do PP (as que intuimos, porque por desgraza non soltan prenda) e as iniciativas do goberno do PSOE nos últimos tempos non difiren dun xeito significativo. Ambos apostan ou apostaron por reducir o gasto público (algún, o que mantén plusvalías e insitucións tan inútiles como Senado ou Deputacións mantéñeno) e recortar dereitos para a maioría social. Isto, nun momento en que todos coincidimos en que a economía está estancada non permite impulsala.
¿Acaso non sería o momento en que, de xeito responsábel, o goberno empregara as ferramentas das que dispón para reactivar a economía? Eu penso que nestes meses se comprobou, e non só en España, que a política de recortes non só é inxusta, senón que ademais está fracasando estrepitosamente. E o caso máis claro está aquí, en Galiza, onde temos un goberno que se inhibiu de tomar decisións de carácter económico e de emprego e disparou a taxa de paro con respecto ao bipartito.
Vivimos unhas eleccións nas que a esquerda perdeu a esperanza. Perdeuna “grazas” aos últimos catro anos dun goberno que se dicía de esquerdas, se supoñía de centro-esquerdas e rematou por ser de centro-dereita. Os votantes dese partido maioritario quedaron coa boca aberta e por desgraza, neste país o sistema bipartidista calou xa fondo e semella que cando A o fai mal votamos a B, e cando B o fai mal votamos outra vez a A. Cando o intentaremos con C, D, E..? Certo é ,si, que o sistema beneficia a PSOE e PP e temos que reclamar que se poña fin a esa inxustiza.
Pero hai alternativa. Tocan tempos de mobilización, non só nas urnas, á cidadanía correspóndelle tomar outra vez a iniciativa para recuperar a ilusión e gobernos ao servizo da mesma e non dos poderes económicos. Non podemos permitir que se poña fin ao estado do benestar porque entón seguiremos construindo un país máis inxusto e egoísta. Temos que impedir que a avaricia dos bancos e especuladores remate por danar sanidade, ensino e servizos sociais.
En Galiza por fortuna contamos coa opción C, cunha alternativa galega e de esquerdas. Con deputados que si dan a cara en Madrid e non se limitan a quentar o escano senón que apostan non só por loitar polos intereses dos galegos senón dunha maioría social en todo o Estado. É a nosa responsabilidade primar a eses políticos que son a excepción á regra e que non teñen máis interese que o da maioría. Non vale só con queixarse se non tentamos, polo menos, facer o máximo que nos permiten cada catro anos. Votar.
Chegou o frío ao lugar desde onde escribo, a neve. Mais o auténtico inverno avecíñase en Galiza. En España. Preparémonos, pode ser longo, de nós depende.
Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.
Ola Oscar!Dende hai 48 horas na redes socias hai un novo protagonista con forza: AritmEtica20N. Pode ser interesante este fenómeno de Twiter para a tú páxina. Unha aperta. Roque Durán
Moi interesante Roque, moitas grazas! Apertas