Coñecemos a través dun comentario do artigo publicado nantronte, “Vén o inverno”, unha curiosa iniciativa nacida na rede para tentar romper co bipartidismo o 20 de Novembro. O obxectivo, segundo se explica na web do proxecto é “rachar co monopolio de PP, PSOE e CiU” e “evitar a maioria absoluta do PP”. Seguir lendo
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta subiu este mes á súa canle de Youtube un vídeo documental feito polo “Taller Lumiere” no IES Asorey sobre o escultor cambadés do mesmo nome. O vídeo repasa a vida e a obra do artista e no seu último tramo (a partires do minuto 19.30) varias testemuñas falan sobre Asorey, entre as que se atopa Manolo Paz, Maribel Iglesias, un grupo de alumnos do instituto ou o intelectual Díaz Pardo. Preme en seguir lendo para ver o vídeo. Seguir lendo
Hai uns días, dábansenos a coñecer os contundentes e demoledores datos do paro. Os números poñen de manifesto que en Cambados incrementouse, de xeito esaxerado, a cantidade de traballadores e traballadoras que van incorporándose ás listas do paro. Dos 1.299 parados e paradas pasamos nun mes a 1.341 parados/as actuais; o que supón un incremento de 42 persoas nun so mes e mentres o concello olla cara a outro lado.
O BNG pregúntase onde están as políticas de emprego da Xunta de Galiza e do concello de Cambados. O seu presidente, Núñez Feijoo, prometía rematar co paro en Galiza en 45 días, pero os números, agora, deixan ollar claramente a nefasta xestión do PP na Xunta de Galiza e no concello de Cambados. E para mostra, non hai que ver máis a actitude do PP de Cambados diante dunha empresa como Alfageme, imprescindible na nosa comarca, e na que o PP de Cambados prefire ollar para outro lado e non ten a valentía suficiente de recoñecer que, a hora da verdade, a quen realmente defende é ao Conselleiro de Industria e non os postos de traballo da conserveira.
Porque neste momento, para calquera concello, debe ser prioritaria a dinamización económica para chegar a crear emprego, cousa que non fai o PP no noso concello. O PP non aplicou ningún tipo de política que puidera reactivar a economía e crear emprego e as consecuencias estanse a pagar hoxe. Crear emprego é o que prometeu Luís Aragunde na recente campaña das municipais, pero á hora da verdade, o alcalde de Cambados é tan eficaz creando postos de traballo coma o seu antecesor no cargo. Pois non hai máis que recordar os máis de 1.000 postos de traballo que Tourís prometía crear co Polígono Industrial; un polígono que realmente serviu para os negocios dos especuladores e amigos do PP, mentres que as poucas empresas nel instaladas carecen, dez anos despois, dos servizos precisos grazas á incompetencia do PP.
A situación laboral é tan grave que desde o ano 2.009, 150 cambadeses e cambadesas tiveron que emigrar e abandonar o pobo. E entre eles, unha gran maioría de mozos e mozas con preparación, perdendo Cambados e Galiza todo o capital que a súa marcha supón e a inversión que significou a súa formación e preparación. Porque os números cantan e o PP non se pode escusar, dos malos datos do paro e da emigración, botándolle exclusivamente a culpa á xestión do PSOE no goberno do Estado; que tamén a ten.
Os datos do paro e da emigración en Cambados, son unha clara mostra de cómo a política da dereita é destrutora de emprego. Por iso compre apostar por quen defende políticas alternativas, políticas como as que estes días está a explicar o BNG aos veciños e veciñas do noso concello, políticas realistas para dinamizar a economía e crear emprego apostando polos nosos sectores produtivos.
Víctor Caamaño. Voceiro do BNG de Cambados. Podes ler o seu blog premendo aquí.