O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, respondeu ao email no que trasladamos as vosas propostas verquidas na Mini Enquisa de CTK en relación ao gasto de un millón de euros na reforma da sede dunha sociedade privada como a Cultural. O email foi enviado a través do servizo O Presidente respóndeche nun prazo máximo de 10 días (que é de xustiza dicir que funciona) e nel, amosábaselle a Louzan a sua disconformidade coa inversión de “cartos de todos en beneficio dunha agrupación privada” , especialmente “cando vostede (por Louzán) e membros do seu partido político pregonan día si día tamén a necesidade dunha suposta austeridade”.
Na resposta, o presidente recalca que se asinou un convenio coa Cultural polo cal esta entidade “se compromete a por a disposición do concello de Cambados as súas instalacións para a celebración de calquer acto cultural, social, en definitiva público”. Ademais, respecto ao email que se lle remitiu admite estar sorprendido porque “un veciño do municipio se mostre contrario a que a Deputación invirta no seu concello”. Non entra a valorar, porén, as propostas que os lectores de Cambados(tk) aportaron para inversións alternativas.
Aínda que non haberá replica, si que habería que aclarar que non se trata de amosarse contrario a que unha institución invirta en Cambados, senón que resulta escandaloso tal cifra de cartos de todos dirixidos a unha asociación privada (estea onde estea e por moito convenio que haxa, por certo, nin sequera publicado polo de agora) cando no noso municipio se paralizaron importantes obras como o centro de día ou a recuperación da cuberta da piscina, con inversións en ambos casos menores e beneficio moito maior para a maioría social.
O alcalde de Cambados, tamén recibiu nun email similar coas propostas da enquisa, mais polo momento non respostou. Podes descargar e ler o correo enviado a Louzán e a resposta íntegra.
Conversa
Aínda non hai comentarios.