Benito González, segundo El País, tería recibido entre os anos 2008 e 2010 até 78.000 euros a través do seu posto de presidente da Federación Galega de Confrarías en concepto de “retribucións”, algo expresamente prohibido pola Lei. É por iso que a Asociación Galega de Mariscadores denunciou os feitos perante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e perante o Consello de Contas.
Ademais piden que se investigue o cobro doutros 90.000 euros en concepto de indemnización como dietas, desprazamentos, hoteis…así como a compatibilidade destes ingresos co salario que percibe como Patrón Maior de Cambados, e como conselleiro da Autoridade Portuaria de Vilagarcía e vocal da Federación Española de Confrarías. Agamar tamén indica que estes cobros se realizan a pesar de que Benito González tamén xestiona a empresa Barco Pelea SL e unha batea familiar, e engaden que dispón dun vehículo oficial proporcionado pola Xunta que se emprega “con carácter privado de xeito habitual”.
Todos estes feitos, xustifican para Agamar que o Patrón Maior non realice oposición algunha a políticas que a Consellaría do Mar implementa e que son lesivas para os traballadores que Benito González representa. Polo de agora, González Sineiro só sinalou a El País que se trata de “calumnias” e que os cartos percibidos da Federación Galega non constitúen un soldo senón “unha gratificación”.
Relacionado
Denuncias da Confraría por presuntas irregularidades e mala xestión – Xullo 2011
“Iso é política”. Artigo de opinión sobre o patrón maior – Xaneiro 2011
Conversa
Aínda non hai comentarios.