Hoxe os cidadáns de todo o Estado están chamados a elixir aos seus representantes tanto no Congreso como no Senado. Na provincia de Pontevedra preséntanse trece candidaturas para a Cámara Baixa e doce para a Alta. Nas anteriores eleccións Xerais, en 2008, o reparto de escanos no Congreso foi o seguinte: Partido Popular (3), Partido Socialista (3) e Bloque Nacionalista Galego (1).
En Cambados a votación tivo como resultado o seguinte reparto:
PP | 4566 | 50.57 % |
---|---|---|
PSdeG-PSOE | 2983 | 33.04 % |
BNG | 1297 | 14.36 % |
Na última ocasión foron 9.102 persoas as que participaron no noso Concello (82.07%), sendo a cuarta forza política EU con 73 papeletas, moi lonxe por tanto dos partidos con representación parlamentar. Os nulos sumaron outros 73 e os brancos 48.
Os colexios electorais pecharán ás 20.00 horas, momento a partires do cal se comezarán a coñecer os primeiros resultados do escrutinio.
Os resultados deste domingo volveron dar unha abrumadora maioría ao Partido Popular, en España, en Galiza, e máis unha vez, en Cambados. Por esa parte hai máis ben pouco que comentar. Está case todo dito, incluído o tema da inxustísima Lei Electoral. O PPdeG atópase en moi bo momento, tanto que se chegou a rumorear que Feijoo podería adiantar a este ano as eleccións para aproveitar esta marea (azul din, máis ben escura) e revalidar comodamente un goberno que en 2009 conseguiu por ben pouco. Hoxe, porén, o Presidente dixo que non haberá tal adianto. Menos mal.
E menos mal porque o que parece claro é que as forzas da actual oposición non están preparadas para asumir a tan curto prazo unha contenda electoral galega con esperanzas de éxito. E non simplemente pola derrota actual, nin pola pasada. É que hai un problema de cohesión e liderado nos dous partidos máis que palpábel. E unha renovación que non foi tal tralo fracaso de 2009. Só se renovaron uns cantos, os demais siguen aí e seguen a obter malos resultados. Respecto ao tema específico dos dous líderes, manteño o que dixen hai dous anos, “líderes provisionais e pouco carismáticos”. Non había tempo para transición, pero decidiron que si o hai. E así imos.
A min o caso do PSdeG, para servos sinceros, preocúpame ben pouco pola pouca coincidencia que teño con esta formación e máis agora cando baixo este pobre liderado afloran (ou aumentan) os localismos inútiles de sempre e agóchase aínda máis o galeguismo. E a esquerda, a pouca que quedaba, levouna a última lexislatura de Zapatero.
Pero o BNG si me preocupa. Preocúpame porque é o único partido (fronte) de esquerdas e que mira polo país. Porque até agora foi un instrumento válido para a transformación de Galiza e porque é a casa común do galeguismo/nacionalismo. Onte, tralos resultados das Xerais, escoitei a Guillerme Vázquez valorar os resultados (en diferido, posto que na TVG o cortaron para amosar a Rajoy brincando no balcón de Génova) e o certo é que, se ben non dixo que eran magníficos (como se dixo por aí), si observei un certo triunfalismo que non vén ao caso. É verdade que é unha mangnífica nova que o nacionalismo manteña os dous representantes en Madrid. Pero hai que centrarse: O BNG leva perdendo apoios desde xa non sei cando. De forma constante e ininterrumpida. Non valen xa balóns fóra, non valen xa tsunamis, complots, situacións complicadas e resistencia á dereita. A min, non me vale.
E nestas eleccións deuse unha situación semellante á que tivemos en Cambados este ano nas municipais: o descalabro do PSOE non trae votos ao Bloque, como era tradicional e esperable. Eses votos quedan agora na casa ou van parar a outras forzas, como Esquerda Unida (que en lugares como ao Norte do país supera nalgunhas mesas ao BNG). E isto é moi grave, non é para estar precisamente contentos e seguros de que “comeza a recuperación” do BNG.
A remontada virá cando voguemos todos na mesma dirección. Cando haxa un liderado forte e que ilusione. Porque as persoas SI importan, por suposto que o colectivo tamén, pero as persoas e a linguaxe que se emprega de cara a sociedade é vital. E aí falla o nacionalismo. Sigo sen entender por que trala perda da Xunta non se elixiu ao home ou muller capaz de conducir ao BNG cara o Goberno Galego e se optou pola temporalidade, sigo pensando que non había tempo para transicións. Todo isto comenteino nun “polémico” artigo en 2009 titulado A refundación do BNG. Case nada do que se propoñía alí se cumpriu, eu avisaba de que de ser así “a tendencia vai continuar e de votantes descontentos pasaremos a simpatizantes e militantes desmoralizados”.
Eu non quero desmoralizarme. Pero somos moitos os que imos por ese camiño e hainos, tamén bastantes, que xa chegaron alí. Por iso espero que a Asemblea Nacional de Xaneiro fixe un novo rumbo. Xogámonos moito.Tamén como país.
Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.