//
estás a ler...
., Artigos de opinión, Óscar Pardo-Planas, Cambados, Galiza, global

Eleccións e benegá


Os resultados deste domingo volveron dar unha abrumadora maioría ao Partido Popular, en España, en Galiza, e máis unha vez, en Cambados. Por esa parte hai máis ben pouco que comentar. Está case todo dito, incluído o tema da inxustísima Lei Electoral. O PPdeG atópase en moi bo momento, tanto que se chegou a rumorear que Feijoo podería adiantar a este ano as eleccións para aproveitar esta marea (azul din, máis ben escura) e revalidar comodamente un goberno que en 2009 conseguiu por ben pouco. Hoxe, porén, o Presidente dixo que non haberá tal adianto. Menos mal.

E menos mal porque o que parece claro é que as forzas da actual oposición non están preparadas para asumir a tan curto prazo unha contenda electoral galega con esperanzas de éxito. E non simplemente pola derrota actual, nin pola pasada. É que hai un problema de cohesión e liderado nos dous partidos máis que palpábel. E unha renovación que non foi tal tralo fracaso de 2009. Só se renovaron uns cantos, os demais siguen aí e seguen a obter malos resultados. Respecto ao tema específico dos dous líderes, manteño o que dixen hai dous anos, “líderes provisionais e pouco carismáticos”. Non había tempo para transición, pero decidiron que si o hai. E así imos.

A min o caso do PSdeG, para servos sinceros, preocúpame ben pouco pola pouca coincidencia que teño con esta formación e máis agora cando baixo este pobre liderado afloran (ou aumentan) os localismos inútiles de sempre e agóchase aínda máis o galeguismo. E a esquerda, a pouca que quedaba, levouna a última lexislatura de Zapatero.

Pero o BNG si me preocupa. Preocúpame porque é o único partido (fronte) de esquerdas e que mira polo país. Porque até agora foi un instrumento válido para a transformación de Galiza e porque é a casa común do galeguismo/nacionalismo. Onte, tralos resultados das Xerais, escoitei a Guillerme Vázquez valorar os resultados (en diferido, posto que na TVG o cortaron para amosar a Rajoy brincando no balcón de Génova) e o certo é que, se ben non dixo que eran magníficos (como se dixo por aí), si observei un certo triunfalismo que non vén ao caso. É verdade que é unha mangnífica nova que o nacionalismo manteña os dous representantes en Madrid. Pero hai que centrarse: O BNG leva perdendo apoios desde xa non sei cando. De forma constante e ininterrumpida. Non valen xa balóns fóra, non valen xa tsunamis, complots, situacións complicadas e resistencia á dereita. A min, non me vale.

E nestas eleccións deuse unha situación semellante á que tivemos en Cambados este ano nas municipais: o descalabro do PSOE non trae votos ao Bloque, como era tradicional e esperable. Eses votos quedan agora na casa ou van parar a outras forzas, como Esquerda Unida (que en lugares como ao Norte do país supera nalgunhas mesas ao BNG). E isto é moi grave, non é para estar precisamente contentos e seguros de que “comeza a recuperación” do BNG.

A remontada virá cando voguemos todos na mesma dirección. Cando haxa un liderado forte e que ilusione. Porque as persoas SI importan, por suposto que o colectivo tamén, pero as persoas e a linguaxe que se emprega de cara a sociedade é vital. E aí falla o nacionalismo. Sigo sen entender por que trala perda da Xunta non se elixiu ao home ou muller capaz de conducir ao BNG cara o Goberno Galego e se optou pola temporalidade, sigo pensando que non había tempo para transicións. Todo isto comenteino nun “polémico” artigo en 2009 titulado A refundación do BNG. Case nada do que se propoñía alí se cumpriu, eu avisaba de que de ser así “a tendencia vai continuar e de votantes descontentos pasaremos a simpatizantes e militantes desmoralizados”.

Eu non quero desmoralizarme. Pero somos moitos os que imos por ese camiño e hainos, tamén bastantes, que xa chegaron alí. Por iso espero que a Asemblea Nacional de Xaneiro fixe un novo rumbo. Xogámonos moito.Tamén como país.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.


Conversa

9 thoughts on “Eleccións e benegá

  1. Excelente artigo Óscar, vou a mollarme un pouco e dar a miña opinión como persoa que lle gusta tentar entender ó por qué das cousas.

    O BNG debería ser o principal partido de esquerdas de este país, pero non é así. En apariencia a sua perspectiva política está a esquerda do PSOE, o BNG é a “verdadeira esquerda” ó “verdadeiro nacionalismo”, o que pasa que a sociedade galega tende a moderación, conformismo, sumisión ou unha rara mezcla de todo iso, por iso o seu voto e tan conservador (dereitas). AInda que isto é algo digno de estudo, xa que o partido conservador leva mandando neste país dende a transición, e as melloras producidas son insuficientes, por non decir que ocupamos mais ou menos o mesmo lugar que fai 40 anos.

    O certo e que para unha persoa non vinculada a política (non pertencente a un partido, nin enpregado público agradecido xd) o discurso do BNG pode resultar demasiado agresivo. ¿Pódese facer un discurso nacionalista e de esquerdas moderado? eun creo que si, pero para iso hay que ocupar o espazo que ten agora mesmo o PSOE, pódese defender a lingua é o país, sen tirar cara o monte e parecer un extremista máis. O BNG sería una estupenda opción de esquerdas en Euskadi, pero o seu ámbito e Galicia, e ten que adaptarse o pensamento local se quere chagar a influir nese pensamento alguna vez. A outra opción é seguir co seu discurso actual e esperar a que a cidadanía galega descubra que o BNG é unha alternativa seria de esquerdas, algo que polo que se ve nas últimas convocatorias electorais non está sucedendo.

    Isto son reflexións persoais e non quero que ninguén ó sinta coma unha crítica, creo que o BNG necesita unha profunda reforma, unha renovación de caras e cargos, nacionalistas de esquerdas moderados, que poidan entender que hai persoas que non falan galego, pero que viven aquí “coma galegos”, e iso fainos tan galegos como calquera. Todos os que traballamos e vivimos neste país, queremos a este país.

    Unha aperta.

    Posted by Isma | 22/11/2011, 11:24 am
  2. Isma, grazas pola tua reflexión. Non sei se o BNG é demasiado agresivo (coido que en realidade non o é) pero si emprega unha linguaxe que quizais fai que o pareza e que espante a parte do electorado. Outra parte del esta cansada de agardar a que cheguen cambios que nunca chegan pese a mediocridade dos resultados e da clase dirixente. No BNG hai xente moi válida, pero que non ocupan o lugar que lles corresponde, e outros ademais de validos tenen ainda carisma e tirón para os cidadáns. Por que desaproveitar esa forza?
    O que está claro é que algo falla e que algo (seguramente moito) hai que mudar. Como ben dis non é comprensible que en Galiza unha forza como o PP venza constantemente, debe facernos reflexionar. Eu négome a crer que o pobo galego, como se di, sexa de dereitas. O que pasa é que a alternativa ten que ser atractiva e seria. Apertas

    Posted by Óscar | 22/11/2011, 6:13 pm
  3. E outro apunte, o BNG como forza transformadora si ten que ir por diante do pobo galego en canto en propostas e alternativas. Como fixo ata hai ben pouco. Ten que ir suficientemente por diante para ser iso, forza transformadora (o que debe ser a esquerda), pero non tanto como para que o pobo galego o perda de vista e pare de seguilo.

    Posted by Óscar | 22/11/2011, 6:21 pm
  4. Óscar estou moi dacordo contigo, algo ten que mudar se o Bloque quere convertirse en auténtica alternativa. Supoño que é dificil para xente que leva no partido non anos, senón décadas, traballando arreo, deixar paso a persoas e ideas novas. Pero o mundo avanza moi rápido e hai que cambiar ou morrer que se soe dicir. Eu teño insistido moito nas xuntanzas de que hai que ter en conta as propostas do 15-M que me parecen moi razoables na súa maioría, e noto certa desconfianza no Bloque cara eles, non sei por que. Tamén vexo en moitos dos meus amigos, nacionalistas convencidos, que o discurso do Bloque xa non lles motiva e iso é para preocuparse. Unha vez máis vexo que tes unha gran lucidez e espírito crítico, que nunca se debe perder por moi convencido que estés das túas ideas. As declaracións de Beirás por exemplo parécenme acertadas, anque non sexa Beiras santo da miña devoción, Beiras é pasado pero é un tipo intelixente, e o que di debe ser tido en conta e non tachalo simplemente de traidor. Saúdos.

    Posted by maribel | 22/11/2011, 9:52 pm
  5. (desculpas pola falta de acentos)
    Grazas, Maribel. Eu tamen detectei certa desconfianza no relativo ao 15M. Obviamente o BNG e ese movemento non deben ser a mesma cousa, pero varias das propostas que sairon de ai son propostas non so son perfectamente asumibles polo Bloque, senon que mesmo algunhas se plantearon no benega desde sempre. Non se trata de ser “aproveitados” e utilizar ese movemento, senon de ser consecuente coa vontade de rexeneracion democratica.
    Por outra banda, a min as delcaracions de Beiras tampouco me pareceron nada desacertadas, e creo que en xeral as suas analises son bastante cercanas ao que pensan todos eses simpatizantes que agora estan desencantados. O malo e que unha boa parte da militancia do BNG rexeita calquera cousa que saia do Beiras sen pararse a reflexionar se e certo o que di ou non. Penso que non e hora de acusar a ninguen de traidor por dicir o que opina: se neste momento non explicamos cada quen a nosa postura, a solucion sera moi dificil. Saudos!

    Posted by Óscar | 22/11/2011, 11:19 pm
  6. Acabo de volverme a ler e pido disculpas polos erros, onte estaba liado e fixen o comentario dunha vez xd.

    Posted by Isma | 23/11/2011, 12:03 pm
  7. Sintome mais orgullo que nunca de ser do BNG e de militar no BNG, neste intres dificiles é cando hai que arrimar o hombreiro , nos intres de éxito calqueira participa. O primeiro que ten que cambiar no BNG somos nos e creernos de verdade que somos, nacionalistas de esquerdas e ir coa cara bel alta pola rua e non arrugarse diante de ningén. Xaneiro é unha cita importante para todos os nacionalistas, militantes e simpatizantes do BNG. Eu non son de ningunha tendencia, asistin a reunions de duas delas unha de Mais Galiza e outra dos Irmandiños, non me gustou unha cousa de Beiras que dixo publicamente en Vilagarcia que se non se aceptaban as suas tesis abandonaria o BNG o contrario do que dixo Ameirich nunha charla na que estiven en Cambados, Beiras é coma o neno pequeno que era o amo da pelota, se non lla pasaban a él enfadabase e marchaba coa mesma. Claro que temos que tirar todos na mesma dirección, temos que empuxar todos polo carro e non poñer pedras no camiño. Sinto disentir de Maribel pero non me pareceron afortunadas as declaracións de Beias , foi darlle mais carnaza a caverna mediatica da dereita. As discrepancias resolvense na casa. Saude e Terra.Un abrazo a todos de parte de Chon.

    Posted by Chon | 24/11/2011, 2:34 am
  8. Eu podo entender que a bastante xente dentro do BNG non lle gusten as palabras de Beiras, en particular porque o seu estilo sempre dista bastante de ser “politicamente correcto” (cousa que a min me encanta por outra banda) pero acabo de escoitar a famosa rolda de prensa íntegra (http://bit.ly/s5ykNh ) e di verdades como puños, que, repito, moitos moitos non-militantes do BNG e seguramente moitísimos votantes compartimos. Eu en concreto resalto iso de que moita xente acudiu o domingo a votar BNG por compromiso co país a pesar de que non cren que a organización o mereza. Cantas veces escoitamos xa iso de amigos e coñecidos? Vaise abordar o problema? Xa está ben de apelar ao patriotismo e á lealdade interna para sofocar o debate (cousa que non digo que ti fagas, Chon) mentres os que o pregonan si se permiten a liberdade de, incluso, chamar á depuración de alcaldes nacionalistas (http://bit.ly/u3V1PA ) porque disinten. O verdadeiro patriotismo é o de tentar buscar unha solución que non pode pasar por máis inmobilismo, porque siga todo igual (que é o que vén acontecendo). E a verdadeira lealdade é coa cidadanía galega, a lealdade interna (iso que chaman lealdade) conseguirase cando se busque a fórmula de que caiban todos, non simplemente repetindo até a extenuación que hai “unidade”.

    Posted by Óscar | 24/11/2011, 7:55 am
  9. Oscar teñen que ceder todos, senón isto acabase. E creeme a cousa pinta mal, pero que moi mal. Os que non temos ningunha tendencia deberiamos instar as distintas correntes a que cheguen a un acordo polo ben do nacionalismo galego.

    Posted by Chon | 24/11/2011, 7:34 pm

Deixar unha resposta (o comerntario deberá ser aprobado polo administrador antes de ser visible)

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Nas redes sociais

Novembro 2011
L M M X V S D
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

A %d blogueros les gusta esto: