Respondendo á polémica suscitada estes días pola cancelación da tarxeta sanitaria galega aos desempregados (do cal se fixo eco CTK tamén), o voceiro municipal do BNG, Víctor Caamaño, presentou unha moción no Pleno ao respecto. Nela faise referencia ao protocolo que a Xunta enviou aos Centros de Saúde e no cal exponse que as persoas afectadas (persoas sen recursos, desempregados) só teñen dereito, previo compromiso de pago, á atención de urxencias e emerxencias, é dicir , perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico/a de cabeceira, sen probas diagnósticas nin especialistas, non teñen, en definitiva, asistencia sanitaria completa. Estas persoas quedan tamén sen a asistencia farmacéutica até que volvan a ter todos os papeis en regra.
As persoas afectadas por esta situación, como sinala Caamaño, deben solicitar acollerse ao réxime de persoas sen recursos a través duns trámites que poden durar entre 8 e 10 meses, polo que durante ese tempo quedan se dereito á asistencia gratuita. O BNG de Cambados considera esta orde da Xunta de Galicia (PP) inxustificada e tremendamente deshumana e desoladora, xa que vulnera os dereitos básicos da cidadanía. Por estas razóns o grupo municipal do Bloque pide ao pleno que acorde pedirlle á Xunta a reitrada inmediata do citado Protocolo da Consellaría de Sanidade.
COUSAS QUE NON ENTENDO DESTA CRISE
1) Os países “periféricos” da zona euro, os chamados por mal nome PIIGS (Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e España) son os que se atopan en máis dificultades coa súa débeda pública. Pero se consultamos certas estatísticas atopamos que a débeda do goberno (débeda soberana) é dun 67 % en España e dun 81 % en Reino Unido, 83% en Alemaña e 100%! en EEUU. Se miramos o reparto da débeda total dos Estados entre o número de habitantes tamén saen datos estraños: En Grecia cada habitante debe 38. 073 euros, 41.366 España e 66.508 en Alemaña e 117.580 en Gran Bretaña!!. Pero de quen desconfían os mercados é dos PIIGS.
2) Financiar a débeda alemá (bono a 10 anos) costa en torno ao 2% de tasa de xuro (interés) anual, a inglesa un pouco máis, a española sobre o 7% e a grega 50%!!!. Os inversores piden máis xuros para comprar a débeda porque teñen medo de que non lla devolvan, e a ese tipo de xuro como lla van devolver?
3) Aos directivos dos bancos e caixas quebrados non só non se lle esixen responsabilidades civís nin penais senón que se lles premia con fortes indemnizacións, mentres as directrices económicas do FMI e da Unión Europea esixen aos países con dificultades favorecer o despido dos traballadores, baixar salarios e facer recortes sociais. Mentres tanto os mesmos que dirixían as axencias de cualificación (que horas antes de que caese Lehman Brothers dábanlle a AAA de máxima solvencia) e os bancos quebrados son os dirixentes económicos do goberno de Obama (ver a peli Inside Job) e están tamén detrás de moitos gobernos europeos.
4) En plena crise económica a porcentaxe de persoas que teñen máis dun millón de euros aumentou a 10, 9 millóns de persoas en 2009 (un 8,3 % máis) e mentres que pequenas e medianas empresas están pechando as portas e botando traballadores á rúa os beneficios das 35 maiores empresas españolas subiu un 24,7 % en 2010 (moi recomendable ler Hay alternativas na web de ATTAC).
COUSAS QUE CONSEGUÍN ENTENDER DESTA CRISE
1) Sobre os bancos centrais europeo e americano pesan os prexuízos da historia. Os EEUU sufriron a gran Depresión dos anos 30 que supuxo unha recesión económica sen precedentes e debido á falta de consumo unha forte deflación. Pola contra o Banco Central Europeo, con sede en Frankfurt, ten o recordo seguramente da crise Alemá dos anos 20-30 e a súa hiperinflación. Deste xeito a Reserva Federal americana é mais dada a ter intereses baixos e aumentar o diñeiro en circulación para estimular a economía e evitar unha nova depresión. E o Banco Central Europeo prefire evitar medidas que provoquen un aumento da inflación algo que ademais prexudica aos alemáns que son unha nación aforradora (exportan moito e a súa balanza comercial ten superávit) polo que a Sra Merkel non quere oír falar de nada que poña os aforros alemáns en perigo, co risco de botar abaixo todo o proxecto europeo. Xa o dixo o ex-chanceler alemán Helmut Köhl (conservador como Merkel pero intelixente) que o que el fixera pola construción europea o estaba agora desfacendo a súa compatriota.
2) Hai un dito en EEUU que di que ningún banco ou sociedade lle pode gañar un pulso á Reserva Federal pola sinxela razón de que esta ten a capacidade de poder fabricar todo o diñeiro que queira e iso frea calquera ataque especulativo contra a súa débeda.
3) Recomendo encarecidamente ver o vídeo, diñeiro como débeda, a conclusión á que chega é que en realidade os bancos non teñen diñeiro, senón que prestan o diñeiro que os bancos centrais dos estados fabrican e avalan, e entón por que temos os cidadáns dos estados que pagar aos bancos por un diñeiro que é noso?
Curioso paradoxo que non se resolverá mais que pola vía de control dos mercados que ameazan con quebrar todo o sistema (pero sempre ao seu favor). Ou será mellor que rebente todo e empecemos con reglas de xogo novas e sen cartas marcadas? Que tal nacionalizar os bancos e que o Estado preste o diñeiro sen cobrar xuro ningún?. Esa idea apúntase no vídeo do que falei.
O Banco Central Europeo debería dar un golpe na mesa e dicirlle aos mercados de quen é o diñeiro e non ao revés como está pasando. Témome que isto non fai suceder xa que o actual presidente do Banco Central Europeo é Mario Draghi, ex-directivo do banco americano de inversións Goldman Sachs, que tivo gran protagonismo nas causas da crise grega e que axudou ao seu ex-goberno conservador a falsear as contas para que Grecia entrase no euro.
Definitivamente vamos ter que ser os cidadáns os que demos o golpe na mesa e canto antes se faga, mellor.
Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.
Os resultados destas pasadas Eleccións Xerais permitiron ao BNG acadar o principal obxectivo que se tiña marcado, e que era o de volver a ter representación no Congreso dos Deputados. Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila volverán a ser a voz de Galiza en Madrid, pero tamén seguirán sendo a voz das maiorías sociais galegas; as grandes perdedoras desta dura crise económica e que, de seguro, volverán a ser as prexudicadas polas políticas neoliberais que pronto aplicará o PP no Estado e que xa leva anos aplicando a Xunta de Galiza no noso país.
Aínda que acadar os dous escanos, no Parlamento do Estado, non era tarefa doada, desde o BNG tiñamos, ademais, a esperanza de aumentar o número de votos e as porcentaxes de apoio con respecto das Eleccións Xerais do ano 2008, pero o difícil contexto e situación que envolveu este proceso electoral non o fixo posible. Quero sinalar que a participación nestes comicios foi menor e que, ademais, foi unha campaña marcada claramente pola exclusiva presenza do bipartidismo nos medios de comunicación coa finalidade de afastar ás outras forzas políticas, como o BNG, que estivo a propoñer políticas alternativas aos recortes sociais, económicos e democráticos que están a aplicar o PP e o PSOE. Pero os grandes medios de comunicación non so se adicaron a proxectar na sociedade a campaña do PSOE e do PP como únicos candidatos, senón que, ademais, tentaron en todo momento ocultar as propostas do BNG para resolver os grandes problemas sociais e económicos. Aínda nestas difíciles circunstancias, o apoio e o traballo da militancia do BNG, moi consciente do que nos xogabamos nestes comicios, así como a implicación e a campaña feita polos nosos candidatos/as permitiunos obter uns resultados satisfactorios que asegurarán que Galiza siga tendo voz en Madrid nos próximos catro anos.
En canto aos resultados en Cambados, quero sinalar que foron mellores ca os do ano 2008. Aínda que, nesta ocasión, houbo menos votantes ca hai catro anos ( 700 votantes menos aproximadamente), os resultados do BNG foron mellores tanto en número de votos recibidos (1.309 fronte aos 1.297 no 2.008) coma en porcentaxe (14´99 % fronte ao 14´36% no 2.008) que é o máis alto dos concellos do Salnés. É de gran transcendencia e importancia que, nestas eleccións, o BNG conseguira parar a tendencia á baixa dos últimos anos e comezar a dar sinais de remontada nos resultados.
Tamén é certo que nos houbera gustado conseguir uns mellores resultados e ser capaces de concentrar no noso proxecto político a un maior número de electorado de esquerdas. Pero parte da cidadanía non apreciou no BNG a forza que leva anos propoñendo políticas alternativas de esquerda; facendo propostas que sempre se atoparon coa oposición frontal do PP e do PSOE. Agradecemos o apoio prestado por todos aqueles votantes que depositaron en nos a súa confianza e estamos seguros de que non os defraudaremos. Así que deberemos seguir traballando para dar á sociedade aquilo que nos demanda, é dicir, conseguir ser un instrumento político útil para o desenvolvemento social e económico de Galiza e das maiorías sociais.
Víctor Caamaño. Voceiro do BNG de Cambados. Podes ler o seu blog premendo aquí.