//
arquivo

Archive for

Cambados, potencia cultural?


O Faro de Vigo publica hoxe un artigo do xornalista Anxo Martínez que repasa a grande cantidade de persoas e entidades relacionadas co mundo cultural que xerou Cambados. Trátase de persoas nacidas ou vinculadas directamente co noso Concello e que se dedican de xeito profesional ou amateur a algunha faceta artística (música, pintura, escultura, teatro, literatura…e un longo etcétera). Resultaría moi complicado extraer nomes, convén referirse ao artigo orixinal porque é moi completo. Simplemente agradecer ao Faro e a Anxo por incluir a Cambados(tk) ao final da nova, xunto cos outros dous blogs de referencia en Cambados. O noso labor tamén consiste en reflectir e difundir desde as nosas webs toda esta riqueza.

A asociación Retranca concede os seus premios anuais


A asociación xuvenil Retranca entregou onte día 30 de Nadal os segundos Premios Retranca para recoñecer en certos eidos aos que, segundo esta asociación, destacaron neste 2011. A pesar de que na súa web non aparece ningunha información, si publica a relación de premiados o novo blog cambadés “Dos vueltas de tuerca”.  Seguir lendo

Debut en Cambados de David Falcon este venres


O cambadés David Falcón actuará este venres no pub  Rif-Rock (Infantas 13) como parte da serie de música en directo denominada Jazzerz polo local. Será a partires das 23.30 horas e no concerto fará un repaso dos temas que compuxo en solitario, e quizais dalgunha versión.

Algúns destes temas xa podes oílos na súa páxina da plataforma Soundcloud e foron presentados antes en até tres concertos en Santiago de Compostela.

David Falcón formara parte do desaparecido grupo The Henry Warnimont e un dos seus ex compañeiros, Rubén Iglesias, segue a tocar con Trio Phil Jazz (fixeron o propio no Rif hai semana e media).

Presentación de Historias Floreánicas II


Terá lugar este xoves 29 de Nadal ás 20.00 horas. O lugar elixido para o acto é o Café Reymar, e haberá sinatura de libros a cargo do autor, o artista gráfico Gogue.O volume que se dará a coñecer en Cambados este xoves recolle unha selección de 300 tiras cómicas de Floreano, o personaxe máis popular do humorista gráfico grovense José Ángel Rodríguez López, Gogue, que cada día publica en Faro de Vigo.  Organizan esta presentación as librarías Cabanillas e Contos.

Víctor Caamaño (BNG) pregunta polo convenio da Cultural


Logo de que se re-inaugurara a sede da Asociación Cultural de Cambados este fin de semana, o tema da obra volve á actualidade política da vila. No último pleno do ano de mañá xoves o líder da oposición, Víctor Caamaño, referirase a esta cuestión. Primeiro, para emitir a súa queixa porque non se convidara ao acto de apertura aos representantes dos demais partidos políticos. Engade Víctor que desde o BNG non entenden máis unha vez esta actuación sectaria, por moito que o Bloque criticara a desproporcionada inversión nunha asociación privada cando as Administracións Galegas descuidan en Cambados temas prioritarios como os servizos sociais. Seguir lendo

O goberno ausente


A ausencia do suposto Presidente de Galicia nun dos dous debates máis importantes do ano, o da aprobación dos Orzamentos da Xunta, deixa claro cales son as preferencias do actual goberno do país. Non se trata dunha simple ausencia, senón de preferencia. Preferencia por estar no debate de investidura de Rajoy que asistindo ao debate parlamentar sobre os presupostos do seu goberno. Desgrazadamente hai máis, a segunda autoridade do país, a Presidenta do Parlamento, estaba tamén en Madrid acompañando a Feijoó nunha viaxe que só se entende como propia dun país (auto)colonizado.

Sabiamos xa que o goberno do PP viñera para desmontar o que brevemente planeara o bipartito, sabiamos que era paradoxicamente un goberno de Galicia antigalego,  sabiamos que no máis importante do momento (emprego) estabamos ante un goberno inútil e  incompetente; e incompetente en palabras do propio Presidente, quen manifestou que carecía das competencias para loitar contra o paro cando en campaña prometera rematar con el en 45 días.  Mais agora sabemos tamén que non está disposto nin sequera a disimular, e non dubida en correr a Madrid a aplaudir ao xefe en lugar de exercer as súas responsabilidades máximas en Galiza. E peor, se cabe, a actuación de Pilar Rojo como representante da Cámara, acudindo de espectadora da festa do seu partido en lugar de moderar un debate de tanta importancia en Compostela. Por suposto  que faltan na xornada do debate, non se atreven a facelo o día seguinte posto que terían perdido as votacións (a maioría do PP é absoluta por un deputado).

A Feijoo agótaselle o tempo antes de que se lle acaben os culpábeis da situación que padece Galiza (antes era o bipartito, agora Zapatero). E ante este panorama desolador e unhas eleccións que se aveciñan anticipadas (antes de que os efectos negativos do goberno Rajoy se fagan notar) é necesario que os partidos que hoxe ocupan a oposición espabilen e presenten alternativas claras e atractivas, ademais do necesario debate das persoas. Doutra forma a maré azul escura case negra transfórmase en pesimismo para un amplo sector dos cidadáns.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

O PSOE de Cambados homenaxea a Domingo Tabuyo


Os integrantes da Agrupación Socialista de Cambados e das XXSS agradeceron a Domingo Tabuyo o seu labor á fronte do PSOE Cambadés como Secretario Xeral (aínda ostenta o cargo aínda que non o de voceiro do grupo municipal, que agora é Rafael Blanco) e tamén como concelleiro e deputado no Congreso. Seguir lendo

Ciencia-Ficción


“ Era o ano 2118 os EUA vían vir a perda da  súa hexemonía mundial a mans de potencias asiáticas como China e India.

Moitos anos antes o mundo estivera dividido en dous bloques antagónicos: un capitalista e outro comunista, a existencia deste contrapeso político fixera que os países capitalistas mimasen as condicións de vida dos seus traballadores por medo a unha revolta social e por facer de escaparate das bondades do sistema fronte ao bloque comunista. Pero no ano 2089 o bloque comunista desplomouse e os capitalistas celebraron triunfalmente o éxito definitivo do seu sistema, era “a fin da historia”, na que quedaba demostrado que o sistema capitalista era o único válido. A codicia dos axentes económicos disparouse, o predominio da economía produtiva deixou paso á economía financeira. Xa non era preciso mellorar os soldos dos traballadores, pero era necesario que continuasen consumindo para que o sistema seguise funcionando, así que se fomentou o crédito. Os salarios non subían e os traballadores endebedábanse, os beneficios das entidades financeiras disparábanse, por pequeno que fose o seu soldo podían mercar unha casa, o banco daba todas as facilidades, a demanda de casas aumentaba e polo tanto o seu prezo, ata cando? Ata que a burbulla re ventou. O sistema capitalista (igual que antes o fixera o comunista) víñase  abaixo,coa  quebra masiva de bancos e empresas… O goberno americano tivo que deixar a un lado os seus principios ultra liberais e inxectar diñeiro no sistema financeiro, a General Motors, a principal empresa automobilística do mundo, foi nacionalizada!. A globalización estendeu a crise por todo o mundo. Un presidente francés dixo que había que “reformular o capitalismo” poñer controis ao sistema financeiro. O pánico chegou aos despachos de banqueiros e especuladores e decidiron tomar eles o control da situación: eliminaron mediante un escándalo sexual ao presidente do FMI e lanzáronse á conquista de Europa. A Unión Europea era o último resto que quedaba  de ideas socialistas que fomentaban a regulamentación económica por parte do Estado e a existencia dun niveis de benestar para os seus cidadáns. Ataques especulativos e control sobre os gobernos converteron a desmesurada débeda bancaria e débeda pública, ao transvasarse masivamente  capital dos Estados aos bancos con ameaza de quebra. As axencias de rating colaboraron reducindo a cualificación da débeda dos países, empezando polos de economía máis feble. Os intereses que entón tiñan que pagar para financiar a débeda eran desmesurados e conducían directamente á quebra destes países. A economía de Grecia, Irlanda e Portugal foron intervidas. A intervención supoñía ceder soberanía. En Grecia e Italia quitouse do poder ao presidente democraticamente elixido, no seu lugar situaron a ex-directivos de Goldman Sachs, tamén no Banco Central europeo; e o novo ministro de economía español era “ un home do sistema” ex-directivo de Lehman Brothers, o banco que vendeu hipotecas lixo por todo o mundo e dou inicio coa súa quebra a toda a crise posterior. Durísimas medidas de axuste sobre as clases traballadoras fixeron que as entidades financeiras recuperasen os seus ingresos, estábase transvasando riqueza dende as clases humildes e medias cara as clases ricas. O Estado do benestar facía augas. Curiosamente esta invasión de Europa coincidía no tempo coa retirada militar das tropas americanas de Irak, semellaba que xa non facía falla controlar este conflitivo país se había outras fontes de ingresos. Nacía um novo concepto bélico, “a Guerra Económica”.  O obxectivo estábase cumprindo, as democracias europeas desaparecendo, os salarios dos traballadores diminuíndo, a inviabilidade dun estado do benestar demostrada…”

Isto que acabo de escribir podería ser un relato de ciencia-ficción como os que fai o meu amigo Moncho Caride, senón fose  perigosamente parecido á realidade. Non sei se vos decatastes que nos están roubando o presente, pero non quero ser pesimista, o futuro aínda é noso.

A que isto escribe deséxavos unhas boas festas e que disfrutedes do que menos diñeiro costa: estar cos que máis queremos.

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

“Todo o que toquei sempre foi para arriba” di Luís Somoza


A reforma da Cultural adquiriu onte o matiz máis personalista coa re-inauguración da nova sede. Unha inauguración na que tomaron parte o presidente da Asociación, Luís Somoza, o Presidente da Deputación (institución que financiou cun millón de euros a obra), Rafael Louzán, o alcalde Luís Aragunde, o delegado da Xunta Cores Tourís e e deputada do PP Rosa Oubiña. Seguir lendo

Reforma da Lei Electoral


Discutía eu o venres pasado no recreo, tomando café cos meus compañeiros sobre o noso sistema político. Eu dicíalles que tal como está deseñado, é unha ditadura que dura catro anos. Os cidadáns emiten un voto a un partido que se obtén a maioría absoluta, ten un cheque en branco para facer e desfacer o que queira, dixera o que dixera o seu programa electoral. Chus e Domingo dixéronme que eu estaba un pouco radical, quizais teñan razón pero creo que os tempos están para poñerse radical.

Para o 18 de decembro o movemento do 15-M tiña varias protestas convocadas a favor da reforma do actual sistema electoral. Ese que entre unha peculiar distribución das circunscricións e a aplicación da Lei D’Hont fai que con un censo de votantes de 34.952.313, o PP saque maioría absoluta con menos de 11 millóns de votos (10.830.693), un 30,98% dos votos posibles, un 44,62% dos emitidos. É dicir menos dunha terceira parte dos posibles votantes, votaron ao Partido Popular. O número de votos dos demais partidos foi de 13.681.250, máis que os do PP (un 55,38%). Sen lei D’Hont o PP tería uns 158 deputados, lonxe da maioría absoluta actual (186). Vale, isto non é unha ditadura, pero tampouco é unha democracia real.

Fronte a esta situación están xurdindo  novas propostas, moitas delas baseadas nas posibilidades que abren as novas tecnoloxías. Neste enlace tendes un vídeo cunha interesante. Permitiría que os cidadáns exercéramos de feito a nosa parcela de soberanía para votar leis importantes que nos afectan de cheo (de xeito electrónico, a través de internet). É máis, penso que sería o único xeito de aprobar leis que “os mercados” non permitirían aprobar a unha clase política demasiado próxima aos seus intereses. Lembrade o que pasou con Papandreu (foi cesado fulminantemente, pese a haber sido elixido democraticamente facía pouco tempo) cando quixo facer un referendum en Grecia sobre os axustes que lle esixía Merkel.

Quizais eu teña unha confianza demasiado grande en internet, pero estou segura de que vai cambiar o mundo (esperemos que sexa para mellor).

Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.

Nas redes sociais

Decembro 2011
L M M X V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.