Discutía eu o venres pasado no recreo, tomando café cos meus compañeiros sobre o noso sistema político. Eu dicíalles que tal como está deseñado, é unha ditadura que dura catro anos. Os cidadáns emiten un voto a un partido que se obtén a maioría absoluta, ten un cheque en branco para facer e desfacer o que queira, dixera o que dixera o seu programa electoral. Chus e Domingo dixéronme que eu estaba un pouco radical, quizais teñan razón pero creo que os tempos están para poñerse radical.
Para o 18 de decembro o movemento do 15-M tiña varias protestas convocadas a favor da reforma do actual sistema electoral. Ese que entre unha peculiar distribución das circunscricións e a aplicación da Lei D’Hont fai que con un censo de votantes de 34.952.313, o PP saque maioría absoluta con menos de 11 millóns de votos (10.830.693), un 30,98% dos votos posibles, un 44,62% dos emitidos. É dicir menos dunha terceira parte dos posibles votantes, votaron ao Partido Popular. O número de votos dos demais partidos foi de 13.681.250, máis que os do PP (un 55,38%). Sen lei D’Hont o PP tería uns 158 deputados, lonxe da maioría absoluta actual (186). Vale, isto non é unha ditadura, pero tampouco é unha democracia real.
Fronte a esta situación están xurdindo novas propostas, moitas delas baseadas nas posibilidades que abren as novas tecnoloxías. Neste enlace tendes un vídeo cunha interesante. Permitiría que os cidadáns exercéramos de feito a nosa parcela de soberanía para votar leis importantes que nos afectan de cheo (de xeito electrónico, a través de internet). É máis, penso que sería o único xeito de aprobar leis que “os mercados” non permitirían aprobar a unha clase política demasiado próxima aos seus intereses. Lembrade o que pasou con Papandreu (foi cesado fulminantemente, pese a haber sido elixido democraticamente facía pouco tempo) cando quixo facer un referendum en Grecia sobre os axustes que lle esixía Merkel.
Quizais eu teña unha confianza demasiado grande en internet, pero estou segura de que vai cambiar o mundo (esperemos que sexa para mellor).
Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.
Estou dacordo contigo Maribel, Internet pode cambiar o mundo (polo menos o de occidente) pero non será nesta época, xa que os que dirixen o mundo non naceron con internet, senon co “maio do 68”, e polo tanto, non lle teñen medo os tanques, pero si terror a Rede.
Si, pode que teñas razón
Totalmente de acordo. Para falar de que hai verdadeira democracia en España deberíase antes levar a cabo unha gran reforma, comezando dende a base. E a base é a Lei Electoral.
A moitos éncheselles a boca ao falando de que hai democracia porque hai voto, pero mentres o voto dunha persoa non valla o mesmo que o da outra non sei de que tipo de sistema deberiamos falar… Dende logo, a min democracia non mo parece.
No tocante ao do uso de internet teño que recoñecer que son un pouco desconfiada. A rede non me parece un medio seguro, polo menos hoxe en día, para levar a cabo este tipo de trámites. A figura do hacker atérrame un pouco… aínda que se non futuro se puidera garantir o proceso pareceríame unha boa vía. De momento son máis partidaria do referendo.
Neste momento xa se poden facer moitos trámites seguros por internet, pensa que damos o nº da nosa tarxeta de crédito e pagamos con ela, podemos facer transferencias bancarias, podes presentar a declaración da renda… e isto irá en aumento, seguro. Pode que xurdan problemas, pero o ser humano ten a capacidade de buscar solucións se o precisa. Facer referendums ten o problema de que é máis costoso e máis lento. Todo se andará, o que hoxe nos parece ciencia-ficción nuns poucos anos pode facerse realidade e que conste que eu non son unha fanática das novas tecnoloxías, creo que crean máis problemas dos que resolven; pero xa que temos que soportar os inconvenientes, aproveitémonos das vantaxes.
PD. alégrome que te incorpores a participar nesta páxina. Por certo que podías colaborar nos artigos. Diletantes do periodismo coma min publicamos día si e outro tamén e ti quizais podías facelo mellor, anímate, mándallos a Óscar ao mail de Cambados tk.
Tes razón, pero eu non podo evitar ter certa desconfianza de momento. Wikileaks ou Anonimous proban frecuentemente que cos coñecementos adecuados hoxe se pode acceder case a calquera lugar na rede. Igual temos que esperar un pouco para incorporarnos de cheo no mundo de Internet. Nestes dous casos a nós benefícianos, pero se se pode facer iso que non se poderá facer coas mesmas ferramentas e un pouco de maldade. Eu confío pero ao mesmo tempo desconfío, jeje. Así que de momento quedo coa idea dos referendos, aínda co seu prezo e coa súa lentitude, pois non me refiro a facer referendos para todo pero mirar un pouco cara Suíza, que utiliza bastante este trámite e parece que lles funciona.
PD: Moitas grazas. O problema de publicar unha peza informativa nunha páxina de temática local coma Cambados(tk) para min é que precisamente esta páxina é un dos medios que me manteñen informada de Cambados, pois agora mesmo estou vivindo en Liverpool… pero en canto xurda a ocasión de facer algo a nivel local nin o dubidarei.
Carolina, sempre podes animarte primeiro con algo de opinión, se che apetece, admítese desde local até global, é dicir: todo. Maribel sábeo; até se animou cunha crítica literaria (que por certo tivo moito éxito) e tamén no verán con crónica de viaxe. O importante é que apeteza escribilo, non tanto o tema ou formato. E que che vou dicir eu, que teño levado a páxina vivindo en lugares tan dispares como Cambados, Compostela, Copenhague ou Salt Lake City 🙂 Apertas!
Carolina pensas en Anonimus e Wikileaks…pero pensemos en algo moito mais próximo e seguro “A Lotería”, que envía os datos das apostas por internet, e parece que é seguro (xa que nadie fixo 100 copias dun boleto gañador que se sepa). A tecnoloxía segura está ahí, seguro que é cara, pero está ahí, se non se usa é porque non interesa, porque cando si interesa faise o que sexa necesario.
Eu é que che son desconfiada. Tiven varios problemas á hora de facer certos trámites por internet coa SS, Educación… así que váiseme a cabeza a iso e á vulnerabilidade demostrada de certas páxinas e organismos. Se se demostrase 100% fiable prefiriría o trámite por internet: menos molestias, menos gastos e máis rapidez. Aínda así, de momento parece que non interesa… E quizáis a sociedade tampouco está preparada (dígoo porque non só votamos xente de 20,30, 40 ou 50 anos. Tamén os de aí para arriba, e non sei eu se se chegarían a entender moi ben co ordenador… Igual é algo para dentro duns aniños, cando todos sexamos xa nativos dixitais.
…e a oferta de Óscar tamén é extensible a Cambados Web, jajaj, olvideime de poñelo no comentario anterior xd.
Sobre a “perversa lei D’Hont recordo as declaracións de X. M. Beiras un día de eleccións autonómicas nas que o escrutinio deparoulle ao Bloque 4 ou 5 deputados. Comentaba daquela que non lle preocupaba que a lei eleitoral beneficiase ás listas máis votadas, porque algún día o Bloque estaría nesa circunstancia. Nesa época moitos pensarían que era unha “boutade”, pero o tempo deulle a razón e con el o BNG chegou a ser a segunda forza política deste país.
Cando un defende un sistema eleitoral completamente proporcional debería explicar a quén se lle atribúe a suma de votos daquelas listas que individualmente non alcanza representación parlamentaria por quedar por debaixo da porcentaxe que concedería un representante. Por outra banda, se poñemos como exemplo o caso de IU con unha representación parlamentaria moi inferior a súa proporción de votos a nivel estatal. Pero o certo é que o seu voto está tan atomizado que no resto de adminstracións, local e autonómica, raramente consegue representación, de xeito que a súa representación no congreso en certo modo si que é parella a súa presenza en outros niveis territoriais, aínda que se aplicase un sistema proporcional puro.
O que si pode ser cuestionable é que circunscripcións como Soria, con unha poboación arredor de 80.000 habitantes teña 3 deputados no congreso, mentras que Lugo con máis de 300.000 teña 4, e Pontevedra con perto de 900.000 habitantes só teña 7. E iso por non falar dos territorios insulares.
Respeito do emprego de internet na consulta ao pobo dun xeito, teño que confesar que dame arrepíos, Só por poñer un exemplo, imaxinade tras un atentado terrorista ou calquera outro crime particularmente repugnante o goberno de turno decida facer unha consulta en quente a poboación sobre a pena de morte. O que pasa é que as veces a opinión pública é moi voluble e moi influenciable en determinadas circunstancias, polo que prefiro que certas decisións deben tomarse friamente.
Perdón polo rollazo.