O BNG celebrou esta fin de semana a súa XIII Asemblea Nacional. Díxose, dixen, que esta era unha asemblea histórica, que marcaría un punto de inflexión. Para ben ou para mal. Antes de continuar, e prevendo algúns comentarios ou reaccións (que xa tiveron lugar incluso antes da publicación deste artigo) deixar claro que non poño en dúbida o carácter limpo e democrático das votacións do sábado e o domingo en Amio. Os militantes do BNG, trala volta ao asemblearismo (logo dun escuro paréntese cunha “asemblea” con delegados) decidiron soberanamente o seu futuro; isto é, as teses políticas e a dirección para os vindeiros dous anos.
Agora ben, que as votacións foran democrácticas (un militante presente=un voto) non quere dicir que estas decisións sexan as acertadas. O problema, ao meu entender, do BNG e das decisións que foi tomando nos últimos anos radica na desconexión entre a base militante que participa nas asembleas e a sociedade galega. O que é máis grave, desconexión entre a propia militancia e os simpatizantes. Unha desconexión que non atopa cura nin sequera nas consecutivas derrotas. E é certo, o Bloque non levou un grande batacazo, pero si constantes beliscos que fan que leve anos “en recesión” continua.
Por moito que nos queiran convencer a asemblea do pasado fin de semana foi de confrontación, de confrontación de dous modelos; o da UPG-MGS que aposta por seguir igual, con referentes cando menos pouco carismáticos e discursos que non conectan ben coa sociedade; e o de irmandiños, Máis Galiza e independentes, que apostaban pola “rexeneración”, por abrir o BNG á sociedade (cantas ampollas levantou esta frase, que debería ser, porén, a práctica habitual dun partido transformador), por re-conectar cos sectores máis conscientes do país, mesmo por re-conectar cos moitos que se foron desvinculando do Bloque. Porque xa está ben de dicir que “as persoas non importan”, loce moi bonito pero non é verdade. As persoas non o son todo, certo; mais si unha parte importante. Importan porque coas persoas nos presentamos ante a sociedade que queremos transformar e non a transformaremos xamais sen os votos. O contrario é resignarse a resistir, camiñar cara a marxinalidade.
E non é certo que non houbera “nin vencedores nin vencidos”. Houbo vencedores (e Feijoó seguramente durmiu máis tranquilo) pero sobre todo houbo vencidos. Centos de simpatizantes –e votantes- que máis unha vez observamos como non hai derrota que impida que entre aire novo no que foi até hai pouco “a casa común”. Xa non. Moitos de nós non temos máis paciencia. Respectamos as decisións dos afiliados pero dicimos “até aquí chegamos”. Con pena, porque quixemos ás siglas do BNG moitas veces con militancia, aínda sen afiliación, pero sobre todo con razón e sen dogmas. Mais con firmeza e coa cabeza alta, non é traizón senón coherencia. Porque como ben expresou Beiras nun dos seus brillantes (que raro!) discursos en Amio, a nosa lealdade é co noso Pobo en calquera circunstancia e por riba de todo (…) a lealdade ao Pobo galego, ás camadas populares, á maioría social; e polo tanto, engado eu, non cunha organización.
Din que fóra do Bloque vai frío, mais eu cada día teño máis claro que non ten que ser certo. A realidade é que no BNG hai tempo que para moitos vai demasiada calor. É tempo de valentía, porque empregando un lema benegá “hai alternativa”. Será difícil, será traumático. Pero Galiza ben merece o intento. Adiante o nacionalismo galego de esquerdas, o da irmandade, aberto e moderno. E sobre todo, útil.
Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.
O blog “Dos vueltas de tuerca” pídenos difusión da súa enquisa sobre a posibilidade de que se lle sexa outorgada unha rúa a Manuel Fraga en Cambados. O enlace para participar na mesma é este, premendo poderás acceder ao inquérito. Hai poucos días publicábanse en Cambados(tk) a nova de que Aragunde anunciara esta iniciativa polémica.
Dous mozos cambadeses veñen de facer pública a súa relación musical. Son Emmanuel Joven e Andrea Rey, estudantes do IES Asorey (2º Bach e 3º ESO, respectivamente). Nun dos recreos protagonizaron unha actuación na que interpretaron temas da coñecida artista británica Adele, e logo comezaron a facer versións e subilas á súa canle de youtube. Incluso non descartan no futuro organizar un concerto na nosa vila. Toda a información e os enlaces do blog Outro Bride, do que xurdiu esta nova.
O BNG viviu hoxe unha xornada histórica, trala fin do cónclave máis importante desde a súa fundación. Os dous grandes bloques, os comunistas da UPG e os socialdemócratas/altermundistas de +G e Encontro Irmandiño (ambalas dúas faccións con independentes do seo da fronte) viviron un “choque de trens” que provocou uns resultados moi axustados. A diferenza era clara, os primeiros apostaban polo continuismo, tanto nas persoas na dirección como nas teses do BNG desde a caída do bipartito; e os segundos presentábanse pola “Rexeneración e refundación do Bloque”, por unha apertura da fronte á sociedade. Seguir lendo
A páxina web Todogrove.com informa do resultado das votacións do pleno de onte do veciño Concello d’O Grove. Un punto na orde do día era a moción do concelleiro do Partido Galeguista, Alfredo Bea, na que se pedía un acordo para outorgar o nome dunha rúa ao intelectual galeguista recentemente falecido Isaac Díaz Pardo. Todos os partidos (nunha corporación multicolor: PP, PSOE, BNG, EU, AMeca e PGD) apoiaron a iniciativa. Seguir lendo
O Diario de Arousa publica hoxe unha información referente aos procesos de selección de persoal do Concello, neste caso dunha praza de docente no Conservatorio Municipal. A que fora directora do centro durante cinco anos, Lorena Varela, profesora de piano e linguaxe musical, vai presentar un recurso ante a súa exclusión do Conservatorio.
Ela asegura que foron “botándoa pouco a pouco” até que en 2011 perdeu a súa praza como profesora ante outra aspirante a pesar de que Lorena Varela a superaba con creces na baremación curricular. Fíxoo por culpa da entrevista, que valía 30 puntos (polo tanto decisiva) e na que a súa contrincante recibiu máis de 26 mentres ela se quedou con 15, os xustos para perder o posto. Seguir lendo
Desde o blog Paco Asorey chega a nova de que este sábado 28 de Xaneiro terán lugar en Cambados dúas reunións da Academia Galega de Belas Artes. A primeira é unha sesión ordinaria da mesma, que terá lugar ás 11. A segunda, á unha no Auditorio, é unha conferencia pública a cargo do académico Fernández-Cid que ten por título “Homenaxe a Asorey”. Logo da charla, actuará a soprano Daniela Stagnnito con Lorena Varela ao piano. Estes actos plantéxanse oficialmente como o peche do Ano Asorey.
O voceiro do Bloque, Víctor Caamaño, declarou á La Voz de Arousa que o seu grupo votará en contra de calquera proposta de conceder unha rúa ou praza a Manuel Fraga en Cambados. Para Caamaño, a elección dos nomes do rueiro debería facerse por consenso de todos os grupos, e defendeu a decisión do primeiro alcalde da democracia, Xoán Antonio Pillado, de ter cambiado o nome á Avenida de Fraga polo actual de Avenida de Vilariño. E engadiu, “como acerto foi tamén substituir a rúa do Generalísimo pola avenida de Galicia”. Seguir lendo
Visionado o convenio concello de Cambados- Sociedad Cultural só aparece literalmente o único artigo referente á cesión de usos, do convenio asinado entre a Sociedade Cultural e o concello de Cambados:
“A Asociación Cultural e Deportiva de Cambados cede ó Concello de Cambados, con carácter gratuíto, o uso das instalacións sitas na Rúa Nova nº 2, para que poidan levarse a cabo nas mesmas, actividades de carácter social, lúdico e deportivo promovidas directamente polo concello, en colaboración ou por outras administracións. Dito uso deberá ser compatible coas actividades organizadas directamente pola propia asociación, e a tal fin se comunicará as datas ocupadas coa suficiente antelación”.
Previamente debe aclararse que resulta inxustificable a inxente cantidade de cartos (case un millón de euros) que a Deputación Provincial gastou no arranxo do edificio dunha sociedade cultural privada; non hai convenio que poida xustificalo. Neste caso a Deputación utilizou os cartos públicos cunha finalidade meramente partidista, onde os intereses do PP prevaleceron por riba dos intereses xerais da cidadanía; como por outra banda isto vense repetindo de xeito habitual no Salnés. É o exemplo extremo de cómo a Administración en mans do PP despilafarra os cartos públicos para conseguir manterse no poder. Despois disto xa nos poden falar todo o que queiran da austeridade que este discurso en boca de políticos do PP só se pode tomar como unha burla á intelixencia humana.
Unha vez que se le o único artigo do convenio que fai referencia á cesión de usos do local, a conclusión é ben sinxela: “moitos cartos para pouco convenio”. O concello de Cambados ten locais de sobra como para necesitar un das características da Cultural, polo que este convenio só se pode entender como unha “ xustificación”, moi pouco crible, do despilfarro de cartos públicos.
Ademais está claro que o convenio non tivo en conta o beneficio das diversas asociacións culturais de Cambados para que estas puidesen dispor, por exemplo, de locais para actuacións, ensaios e eventos. Sería unha situación lóxica haber tido en conta, cando se elaborou e asinou o convenio, que saíran beneficiadas a maioría de veciños e veciñas de Cambados e non soamente que servise para os actos que organice o Concello. Ademais agardamos comprobar, no futuro, que o local da Cultural se lle cede gratuitamente aos partidos para a organización dos seus actos políticos.
Víctor Caamaño. Voceiro do BNG de Cambados. Podes ler o seu blog premendo aquí.
O Bloque Nacionalista Galego convocou á súa militancia para o sábado e domingo que vén para decidir o seu futuro. Trátase dunha Asemblea Nacional, o cónclave onde os afiliados da formación frontista deciden sobre as posturas a defender nos seguintes dous anos (a través dos documentos políticos aprobados) e tamén sobre a dirección política. Neste caso concreto, ademais, os militantes presentes elixirán ao cabeza de lista para as vindeiras eleccións autonómicas. Máis info. premendo en Seguir lendo