Como podes participar?
–OPINIÓN. É onde máis falta fai xente á que lle apeteza escribir de cando en vez. Pode ser cunha periodicidade estábel ou puntualmente. Podes escoller o tema que máis che apeteza en cada ocasión e por suposto, defender o teu punto de vista sempre que sexa dende o respecto e os argumentos. Non tes, para nada, que seguir ningunha liña previamente marcada por ninguén, a opinión é túa. Ademais, nin sequera tes que falar necesariamente de Cambados, o artigo pode abranguer moito máis (de feito até tivemos crónica dunha viaxe ou crítica literaria, por poñer exemplos de diversidade!). O envío de artigos faríase a través de correo electrónico.
–REDACCIÓN. Aparte da opinión, o motor de Cambados(tk) desde o comezo, tamén publicamos desde cero até dous artigos ao día con novas que consideramos de interese para Cambados. Detrás hai un traballo de lectura, elección e redacción da nova considerable. Se che apetece colaborar neste sentido tamén te acolleremos gustosamente. Necesitaríamos ou ben reunirnos contigo brevemente para explicarche como funciona CTK por dentro ou ben, en caso de imposibilidade, enviarche unhas instrucións para que te manexes ben. De todos os xeitos é moi doado, xa que é un blog de WordPress, calquera pode empregalo sen dificuldades.
Tamén hai outras opcións intermedias, como que che guste realizar algo moi puntual, por exemplo entrevistas, e as realices e nolas envíes para publicar.
-E por suposto, ESPALLANDO A MENSAXE. Cambados(tk) está presente en Facebook e Twitter, e as nosas visitas dependen en grande medida da vosa axuda para colocar enlaces dos artigos que máis vos interesan nestas plataformas sociais.
E nós que ofrecemos?
Cartos non, desde logo. CTK é sen ánimo de lucro desde a súa creación en 2005. O que si podemos é ofrecerche unha boa difusión para os teus artigos, entrevistas ou novas; xa que ao ser a primeira páxina non oficial de Cambados contamos cun volume de lectores que, aínda que variábel segundo a tempada, sempre nos aporta unha boa audiencia.
Agardamos o teu email! Podes contactar en cambadostk (arroba) gmail.com e serás moi benvido. Esperámoste.
Facíase esta pregunta o noso compañeiro blogueiro de Cambados Web. Eu penso que si.
Os tempos que vivimos son moi difíciles, non será posible este proxecto no prazo que manexan a miúdo os políticos que non soen ver máis alá de 4 anos, é dicir as seguintes eleccións. Pero como as cousas que se fan ben fanse despacio, creo que si se van dando pasos, nun futuro non moi lonxano, ao mellor non en 4 pero si en 8 anos, é posible velo.
Como?
Precisamos un continente, é dicir un edificio. A casa natal da praza Asorey non será posible, nela vive unha familia dende fai máis de cen anos, é dicir, bastante máis tempo do que viviu nela a familia Asorey e coa que ten lazos afectivos moi intensos polo que non estarían dispostos a vendela. Pero en Cambados hai outras casas en zonas céntricas e con posibilidades de albergar un Museo Asorey e os tempos son bos para mercar propiedades, os prezos baixaron. O Concello non ten diñeiro (alomenos para certas cousas, porque o proxecto do Saco de Fefiñáns parece que sí vai adiante), ao mellor poderíase recurrir ao patrocinio privado, tanto de empresas, grandes e pequenas como dos propios veciños e veciñas. Seguindo o modelo anglosaxón, case todos os museos importantes do mundo teñen patrocinio privado a través de fundacións ou da figura de “amigos do Museo”. Este debería ser un proxecto de todo o pobo de Cambados e non só “popular”. Anque recoñezo que estamos pouco acostumados a traballar en común, preferimos que nos dirixan. Ao mellor a crise que vivimos fainos cambiar.
Ocórreseme tamén outra posibilidade. O meu amigo Eduardo Baamonde díxome que os centros comarcais van desaparecer (outro proxecto fallido dos nosos políticos e outro tiracartos públicos). A súa titularidade vai pasar da Xunta de Galicia aos concellos. Así que Expo-salnés senón é xa do Concello de Cambados o será no futuro. Pois non é un mal lugar para instalar un “Museo Asorey”.
Precisamos un contido, é dicir obra que expoñer. Eu son da idea de que o que busca, atopa, non dun día para outro pero sí de vagar. Por exemplo temos a obra que custodia a familia Asorey, as condicións nas que está, nunha casa antiga de Compostela non son as mellores para a súa conservación. A disposición deles en todos os actos que se celebraron este ano foi plena, son dito dun xeito claro, moi boa xente. Creo posible que puideran ceder en depósito a obra se se asegura a conservación desta. E con esa base pódese ir avanzando. Hai algunha familia en Cambados e en Pontevedra que custodia obras de Asorey, coa fórmula do depósito e en algúns casos se se puidese, a compra, creo que se poderían ir reunindo pezas, e ter un museo con contido e non como lle acontece aos demais museos de Cambados (coa honrosa excepción do Muiño da Seca), como afirman con acerto en Cambados web.
Sería rendible un Museo Asorey?, preguntábanse tamén en Cambados web. Depende do que entendamos por rendible. Se ao mellor só temos en conta o que se ingresase por entradas ou catálogos, non. Pero si se convirte nunha peza que contribúe a promocionar a figura deste magnífico escultor e do pobo no que naceu e a difundir a cultura entre nós e a xente que nos visite; si conseguise ese obxectivo, si que podemos consideralo rendible.
Remato dicindo que todo é cuestión de vontade, si queremos, podemos.
Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.