Durante estes días ábrese o prazo para que as diferentes organizacións interesadas presenten as súas solicitudes de dominios nada rede perante a institución encargada de concedelos, a ICANN. A idea é que Galiza conte cun dominio propio que agrupe aos contidos referentes á lingua e á cultura. Nestes momentos Catalunya xa goza dese dominio na rede desde hai cinco anos, no seu caso denominado “.cat”, que agrupa xa a 52.000 espazos. Seguir lendo
O bombeiro do grupo de música tradicional OS FAÍSCAS DE SOLOBEIRA, Ernesto Abal González de 67 anos, faleceu onte na súa casa en San Adrián de Vilariño – Cambados por un accidente.
Ernesto Abal, home dun corazón inmenso e unha amistade infinita, amigo dos amigos e un apasionado da música tradicional, levaba 20 anos formando parte do Grupo OS FAÍSCAS DE SOLOBEIRA, tiña a peculiaridade de poder extraer do seu instrumento un son moi especial que destacaba pola súa nitidez e perfecta afinación ademais do seu estilo propio e característico. Sempre ligado á cultura do país, Ernesto era irmán de Secundino Abal o gaiteiro de Vilariño que fundara OS CARBALLEIRAS, homenaxeado recentemente no concello de Cambados. Ademáis de todo o que se puidera contar da súa persoa, todo positivo, foi un home que vivíu dunha forma moi especial e intensa as diferentes actividades culturais nas que participou. Seguir lendo
Temos un amigo en Ourense que se chama Risco, en realidade chámase Luís Martínez-Risco (si, é parente de Vicente), pero con ese apelido tan famoso e sonoro todo o mundo lle chama Risco ou dito en ourensán “O Risco”. Comentábanos Ana, a súa muller que ultimamente o chiste que todo o mundo lle fai é preguntarlle “pola prima de Risco” ao que Ana responde sempre que a prima do Risco está fenomenal.
Pero do que vos quero falar hoxe é da “prima de riesgo”, mirade no enlace que puxen á Wikipedia o que é, así aforro explicalo (se alguén a estas alturas aínda non o sabe). Pois o xoves os xornais dábannos unha boa noticia sobre a situación económica! Nas poxas de débeda do Estado español e italiano houbera moita demanda e polo tanto pagáronse menos xuros polos bonos, co conseguinte alivio para as finanzas destes países (e para os seus cidadáns que son en realidade os que os pagan cos seus impostos). A prima de risco baixou. Pero a felicidade dura pouco na casa do pobre porque ao día seguinte a axencia cualificadora (máis ben descualificadora) Standard and Poors decidiu baixarlle a nota de solvencia á débeda de Francia e outros países europeos, incluída España, isto supuxo inmediatamente a subida da prima de risco. Eu sei que son moi mal pensada, e como boa galega, desconfiada, pero se isto non é un complot, parécese moito.
Na miña opinión esta nova cualificación desta dubidosa axencia (a mesma que daba a máxima nota no 2008 ás hipotecas lixo que provocaron a crise) responde a un dobre obxectivo. Por un lado debilita a Sarkozy, que vai ter eleccións pronto. O presidente francés foi o único político que parecía estar disposto a sacar adiante un imposto ás transaccións financeiras internacionais (“Taxa Tobin”) tan necesaria contra os especuladores, e lembrade que foi el tamén o que falou de “refundar o capitalismo” que debeu de asustar a máis de un. E por outro lado permite volver a ter agarrada polo pescozo á economía da Europa máis feble, facéndolle pagar máis xuros pola débeda, para enriquecer os petos de banqueiros e especuladores e de paso atemorizar aos seus gobernos poñéndoos ante o abismo da creba para que non lles trema o pulso á hora de facer reformas contra os seus propios cidadáns. É significativo que a propia axencia lanzase ao mesmo tempo unha ameaza a Rajoy para que sacase xa adiante a reforma laboral, so pena de novas rebaixas; non vos parece escandaloso que se pasen a soberanía dun país por aí, xusto por aí!
Remato aconsellando aos cidadáns europeos (como fixen no meu blog O Umia) que saquemos os aforros dos bancos e os invistamos en débeda pública, onde non están menos seguros, deste xeito poderíamos facer baixar a prima de risco e colaborar a afastarrnos do abismo. A Standard and Poors, nin caso, e lembrade que a prima do Risco, está fenomenal.
Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.