Segundo o Xornal Galicia, o Patrón Maior de Cambados, Benito González, quen tamén é Presidente da Federación Galega de Confrarías, está a ser investigado pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza por presuntas retribucións irregulares á fronte do ente autonómico. Foi AGAMAR (Asociación Galega de Mariscadores) quen denunciara en Novembro estes feitos, xa que segundo eles González percibira durante tres anos até 78.000 euros en concepto de retribución en calidade de Presidente das confrarías galegas, algo segundo AGAMAR “contrario á lei”. Eles pedían tamén investigar daquela outros 90.000 en concepto de dietas e a súa compatibilidade cos ingresos de Benito González por ser Patrón Maior de Cambados, membro da Autoridade Portuaria de Vilagarcía e vocal da Federación Española de Confradías (todo isto á marxe da súa empresa particular Barco Pelea SL).
Desde Xornal Galicia quéixanse da opacidade da Consellaría do Mar, quen é a encargada subministrar cartos públicos procedentes do Orzamento da Xunta de Galicia á Federación Galega de Confrarías; e polo tanto, última responsábel de fiscalizar as contas. Desde este medio relacionan esa complicidade Xunta-González co feito de que o tamén Patrón Maior de Cambados mantivera nos últimos meses unha actitude de “aplaudir e apoiar as políticas de recortes contra o sector pesqueiro e marisqueiro adoptadas pola Consellería do Mar” como Presidente das Confrarías Galegas. Imaxe e info de Xornal Galicia.
Conversa
Aínda non hai comentarios.