//
estás a ler...
., Artigos de opinión, Óscar Pardo-Planas, Cambados, Galiza, global

Democráticos erros


O BNG celebrou esta fin de semana a súa XIII Asemblea Nacional. Díxose, dixen, que esta era unha asemblea histórica, que marcaría un punto de inflexión. Para ben ou para mal. Antes de continuar, e prevendo algúns comentarios ou reaccións (que xa tiveron lugar incluso antes da publicación deste artigo) deixar claro que non poño en dúbida o carácter limpo e democrático das votacións do sábado e o domingo en Amio. Os militantes do BNG, trala volta ao asemblearismo (logo dun escuro paréntese cunha “asemblea” con delegados) decidiron soberanamente o seu futuro; isto é, as teses políticas e a dirección para os vindeiros dous anos.

Agora ben, que as votacións foran democrácticas (un militante presente=un voto) non quere dicir que estas decisións sexan as acertadas. O problema, ao meu entender, do BNG e das decisións que foi tomando nos últimos anos radica na desconexión entre a base militante que participa nas asembleas e a sociedade galega. O que é máis grave, desconexión entre a propia militancia e os simpatizantes. Unha desconexión que non atopa cura nin sequera nas consecutivas derrotas. E é certo, o Bloque non levou un grande batacazo, pero si constantes beliscos que fan que leve anos “en recesión” continua.

Por moito que nos queiran convencer a asemblea do pasado fin de semana foi de confrontación, de confrontación de dous modelos; o da UPG-MGS que aposta por seguir igual, con referentes cando menos pouco carismáticos e discursos que non conectan ben coa sociedade; e o de irmandiños, Máis Galiza e independentes, que apostaban pola “rexeneración”, por abrir o BNG á sociedade (cantas ampollas levantou esta frase, que debería ser, porén, a práctica habitual dun partido transformador), por re-conectar cos sectores máis conscientes do país, mesmo por re-conectar cos moitos que se foron desvinculando do Bloque. Porque xa está ben de dicir que “as persoas non importan”,  loce moi bonito pero non é verdade. As persoas non o son todo, certo; mais si unha parte importante. Importan porque coas persoas nos presentamos ante a sociedade que queremos transformar e non a transformaremos xamais sen os votos. O contrario é resignarse a resistir, camiñar cara a marxinalidade.

E non é certo que non houbera “nin vencedores nin vencidos”. Houbo vencedores (e Feijoó  seguramente durmiu máis tranquilo) pero sobre todo houbo vencidos. Centos de simpatizantes –e votantes- que máis unha vez observamos como non hai derrota que impida que entre aire novo no que foi até hai pouco “a casa común”. Xa non. Moitos de nós non temos máis paciencia. Respectamos as decisións dos afiliados pero dicimos “até aquí chegamos”. Con pena, porque quixemos ás siglas do BNG moitas veces con militancia, aínda sen afiliación, pero sobre todo con razón e sen dogmas. Mais con firmeza e coa cabeza alta, non é traizón senón coherencia. Porque como ben expresou Beiras nun dos seus brillantes (que raro!) discursos en Amio, a nosa lealdade é co noso Pobo en calquera circunstancia e por riba de todo (…) a lealdade ao Pobo galego, ás camadas populares, á maioría social; e polo tanto, engado eu, non cunha organización.

Din que fóra do Bloque vai frío, mais eu cada día teño máis claro que non ten que ser certo. A realidade é que no BNG hai tempo que para moitos vai demasiada calor. É tempo de valentía, porque empregando un lema benegá “hai alternativa”. Será difícil, será traumático. Pero Galiza ben merece o intento. Adiante o nacionalismo galego de esquerdas, o da irmandade, aberto e moderno. E sobre todo, útil.

Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.

Advertisements

Conversa

17 thoughts on “Democráticos erros

  1. Con todo o respeto á túa opinión: Paréceme que non lestes ben as proposta de máis Galiza e o que viñeron trasladando á xente dende os medios de comunicación , a traducción de abrirse a sociedade é que o BNG ten que ter un campo de actuación máis amplo que o actual e ten que abranguer capas sociais que ata o de agora se lle resisten, nomeadamente a burguesía galega, esto é, o BNG debería refundarse nunha especie de PNV ou CiU á galega. Eu non considero estas propostas de esquerdas, ou ti imaxinas un BNG pactando co PP recortes sociais, reformas laborais antiobreiras e políticas fiscais favorecedoras do Capital e contrarias ás clases populares. Oscar , abrirse á sociedade non é posibilitar a dedicación dunha rúa ao fascista Fraga como se fixo en Monforte, nin renunciar ao noso idioma porque seica falar galego fai perder votos nas cidades, nin renunciar a falar de loita de clases pois poderíamos asustar á pequena burguesía susceptible de apoiar ao Bloque, non Oscar, abrirse á sociedade significa ter propostas claras e coherentes ca tradición do BNG e non renunciar a elas por un puñado de votos, abrirse á sociedade é estar na rúa xuntos cas camadas oprimidas e agredidas, abrirse á sociedade é loitar nos diversos ámbetos do asociacionismo: cultural, sindical, veciñal, etc.,
    Podo decirte que eu marchei, ou me invitaron a irme, dúas veces do BNG, no 87 do século pasado e no 2006 do presente, ambas as dúas pola miña visión de dereitización da organización. Coñezo moita xente que se foi do Bloque, ou deixou de apoialo, pola actuación que se tivo dende o cogoberno da Xunta e dende algúns concellos. Agora algúns estamos volvendo pois o BNG está a tomar un novo rumbo, o mesmo que se marcou na Asemblea de Riazor, na que tiven a honra de participar, non é tempo de renuncias é tempo de loita, agora si, o que queira irse que se vaia, é o que fai feliz a Feijoo, a escisión do Bloque e non a supremacía das posturas de esquerdas e nacionalistas que sairon adiante na Asemblea de Amio. Un saúdo, e si te vas, que teñas moita sorte

    Posted by xhenrique | 02/02/2012, 8:26 pm
  2. Estimado XHenrique, a proposta da que falas (de +Galiza) falaba de abrirse á sociedade no sentido de que en contraposición das teses da UPG (aprobadas por maioría) que avogan por fortalecer as participación nas organización/asociacións nacionalistas en todos os eidos, aposta por convencer aos segmentos da sociedade que non temos convencidos. Que digo eu que será o lóxico nunha forza política que aspira a gobernar o país (isto é así aínda?), está ben partipar nos movementos insipirados no nacionalismo (xa o facemos), pero non é aí onde temos que seducir aos que non pensan (polo menos agora) coma nós.
    Sempre me chama a atención que os que critican a dereitización do BNG (non falo por ti, mais si pola UPG) foron os primeiros en practicar iso no goberno bipartito que logo repudiaron como se eles non participaran nel. Se a túa pregunta é que eu apoio que se fale castelán para seducir á xente dígoche rotundamente que non, tamén che digo que estou en contra de rúas para Fraga. E estou algo farto de que aos “críticos” coa situación do Bloque se nos tache de dereitistas ou españolistas. Pero a linguaxe que emprega hoxe o BNG por medio dos seus cabezas visíbeis non emprega o mesmo código que a sociedade e iso provoca que as propostas (que na maioría todos compartimos) non sexan ben proxectadas, comunicadas e polo tanto callen na sociedade.
    Eu querería un BNG que mellore a forma do seu discurso, que se abra no sentido de ser capaz de seducir a máis xente que a base bloqueira, que coloque de cara aos procesos electorais á MELLOR xente para ese fin, á que mellor sabe comunicar a mensaxe común. E non aos que comulgan coa dirección, non aos que viven permanentemente da política porque xa non teñen outro traballo. Non, e sinto dicilo así, a mediocres, cando hai xente ao seu redor que é brillante. Quero o Bloque da fraternidade e da irmandade, de esquerdas e firme pero non sectario. Hoxe ese BNG non é posible, e non fagamos disto un drama, non enganemos. Feijoo e os seus están felices porque a tendencia electoral do BNG continuará (tempo ao tempo) e pouca xente ve ao BNG hoxe como forza real de goberno. Iso si, vexo no sector dominante do Bloque a convicción de que é mellor ir a menos electoralmente que soltar o “bastón de mando”.
    Eu seguirei aquí pero non invertindo tempo e ilusión nun Bloque que nos vai deixando a moitos polo camiño. Iso si, tocarame seguramente seguir votándoo namentres non haxa unha alternativa seria (que espero que por fin vexa a luz). Saúdos e grazas pola túa opinión.

    Posted by Óscar | 02/02/2012, 9:03 pm
  3. Estimado Óscar, coincido en boa medida coas palabras de XHenrique: hai que ler as propostas en si, e non os malos resumes feitos polos tertulianos. A xuntanza de +Gz e EI era un experimento con gaseosa, encaixando á forza propostas antagónicas co único horizonte de atacar á ApU, nomeadamente á UPG (á cal, por certo, non pertenzo). A idea básica da túa argumentación non se corresponde coa realidade. A proposta de +Gz non era “transformar a sociedade” senón “transformar o BNG para que lle guste máis á sociedade”, coma se fose unha empresa en busca de mercado: listas abertas, adaptarnos á división provincial, comités de “sabios” no BNG…

    Tamén é curioso que se lle achaque á xente da UPG distanciamentos coa sociedade da época do chamado “quintanismo”, fenómeno pai de +Gz. Non é o momento dunha escisión, non, é o momento de deixarnos de personalismos (sexan de quen sexan) e traballar polo país, aquí non sobra ninguén, e moito menos xente valiosa coma ti.

    Posted by manolo___ | 02/02/2012, 9:16 pm
  4. Dende a asemblea rondame pola cabeza duas preguntas que parecen ser a mesma pero non o son:
    Se gañara IU-+Galiza o domingo, abandonarian o BNG? e a outra é
    Se perdera a APU a Asemblea, abandonaria o BNG?.
    A primera pregunta teño resposta, a segunda non a seberei polo menos ate dentro de dous anos.
    Se hai algún que queira contestarme ahi vola deixo.

    Posted by chon | 02/02/2012, 9:19 pm
  5. En fin despois de leer todos estes comentarios so me queda por decer, que si non se respeta a decision da militancia mal imos, chon m. galiza e ie si deixarian o Bng e non tardaran segun beiras. mentras eu seguirei pegando carteis e colgando pancartas e dame igual quen sexa o candidat@ por que sera elexido pola militancia que e a que manda no BNG e quen non o entenda asi que se vya pa la playa

    Posted by un militante que respeta a decisions toño | 02/02/2012, 10:05 pm
  6. Estimado Oscar, grazas pola túa amable contestación. En primeiro lugar eu nunca critico persoas, si opcións e maneiras de facer política e para min é evidente que dedicarlle rúas á Fraga, renunciar ao noso idioma, cambiar autonomía por soberanía e apoiar políticas neoliberais non é precisamente unha opción nacionalista e de esquerdas, e non falo de ti, nin moito menos, entre outras cousas porque non teño o pracer de coñecerte.
    Con respeto á cuestión que nos atañe gustaríame que me concretaras algunhas cousas:
    -¿ Cáles son, con nomes e apelidos, os sectores da sociedade que hai que convencer ?
    -¿ Cál é o código ou códigos que se deben empregar ?
    -¿ Débese pretender chegar ao goberno, e gobernar, a toda costa, aínda traicionando os principios ideolóxicos e programáticos da Organización ?.
    – ¿ É o BNG unha máquina de gañar eleccións ou unha ferramenta de traballo para conseguir os obxectivos estratexicos do nacionalismo galego ?

    Xa falando da autocrítica coido que se fixo moita en Amio, alí falou e expuxo as súas críticas e as súas propostas quen quixo , precisamente alí onde había que facelas, dentro da Organización, e con toda a militancia reunida, e non nos medios de desinformación carpetovetónicos que levan décadas intentando afundir o proxecto que a día de hoxe representa o BNG, o proxecto da liberación nacional e social da nosa nazón.

    Falas de comulgar coa dirección e de vivir permanentemente da política, en fin, non sei a quen te refieres, eu a maioría de militantes do BNG que coñecín, a inmensa maioría, na que modestia a parte me incluo, deixou anos da súa vida na loita, renunciando a unha vida tranquila e apacible, que diría Mayor Oreja, perdendo cartos, postos de traballo, creándose problemas familiares, de parella e de amizade, renunciando a todo para dalo todo polo País.
    E no que atañe ao sectarismo, pois nada, sigamos a desprestixiar e a acusar á ApU de ser marionetas da UPG e logo falemos de sectarismo.

    Posted by xhenrique | 03/02/2012, 12:41 am
    • XHenrique, entón xa coincidimos nalgo, porque eu subscribo o teu primeiro parágrafo.

      Penso que hai que convencer á maioría social, nin máis nin menos, ese debería ser cando menos o obxectivo a longo prazo. Nós estamos convencidos, haberá que ir avanzando atraendo cara posicións galeguistas/nacionalistas/independentistas a unha maioría da poboación galega. Ou moi mal entendín eu o proxecto de construción nacional ou unha das metas é esa. Respecto aos códigos , eu non teño unha variña máxica (quen quixera…) pero está moi en relación coas persoas que representan ao grupo ante a sociedade. Por iso nos noventa o BNG supuxo o que supuxo, por certo, atraendo a votantes que nunca votaran nacionalismo e sobre todo, sobre todo, a votantes mozos…os primeiros votantes apoiaban masivamente ao BNG. Hoxe iso non só non pasa senón todo o contrario. Xa sei que no Bloque falar de persoas é impopular pero eu creo que é unha das claves para que o proxecto teña éxito, non fai falla renunciar a nada para conectar mellor senón carisma, linguaxe acorde co momento e creo que orixinalidade.
      E non, non creo que o BNG sexa unha máquina de gañar eleccións (creo que desde hai anos é todo o contrario) pero si penso que ten que aspirar a gañalas consciente de que é dende o goberno desde onde máis podemos incidir. Pero máis que institucionalmente, o nacionalismo ten que aspirar a ser maioritario para poder aplicar o seu modelo transformador, doutra forma será un proxecto de resistencia e non de transformación e emancipación.

      E sei que a maioría de militantes e de simpatizantes son xente traballadora, moitos dano todo e máis polo proxecto. Se non fora así non tería participado do BNG nin un minuto, e estou moi orgulloso de ter sido parte do Bloque en Cambados e se puidera volver atrás no tempo non cambiaría nin as miñas decisións nin as miñas palabras (moitas das cales podes atopar no arquivo desde blog) defendendo o modelo que o BNG plantexou, especialmente en Cambados. Se das miñas liñas se desprende o contrario desmíntoo radicalmente. O que si penso é que hai unha minoría, algunhas persoas, que viven do nacionalismo -non só do BNG- e aí é onde se perde o sentido das cousas. Penso que iso é malo en calquera organización pero nunha de esquerdas é moi desalentador. Saúdos!!

      Posted by Óscar | 03/02/2012, 5:23 am
      • Aparte penso que hai que actuar consecuentemente no goberno respecto o que se predica na oposición. parte do problema veu no bipartito cando decepcionamos a moita xente, non xa por facer unha ou outra cousa, senón por actitudes que criticabamos e que en moitos casos reproducimos. Iso desilusiona moitísimo. Outro caso (noutro nivel) é o que comentas de Monforte. Hai que ser leal e consecuente e sobre todo etica e moralmente intachables. Ese era o BNG que me ilusionou a min, o das persoas admirables que xenerosamente o daba todo. Creo que Beiras o describiu moi ben no discurso que enlacei no texto e ao que pouco hai que engadir. Apertas

        Posted by Óscar | 03/02/2012, 5:51 am
  7. Todo mudou,nós mesmos coma organización,hai un antes e un despois de gobernar na xunta de ANTÓN LOSADA e as Consellerías da U cos respectivos chiringuitos pasándose polo forro calquer acordo asembleario(coma sempre)e reconvertindo o BNG asembleario en congresual e eu escoitando ao meu redor-ves com todos son iguais-e agora rexenerar con que?deberían ter ido xuntos á Feira de gando mais galiza e upg,éche triste que un vello com XOSÉ MANUEL veña a pór sentidiño e índa por riba ser ABUCHEADO na súaseguda intervención coma os enchufados doPP de Cambados nas municipais e aínda preguntades o que falla?

    Posted by Xan Galban Galiñanes | 03/02/2012, 12:51 pm
  8. O que máis me molesta son as persoas que botan as culpas aos demais e que non teñen un mínimo concepto da responsabilidade respecto aos seus actos e ás súas decisións. Paco Rodríguez e o seu partido foi con Beiras o inspirador da alianza co PNV e CIU. Moitos anos antes de nacer +G. O pacto de goberno BNG-PSOE foi negociado por unha delegación que encabezaba Paco Jorquera quen levaba a voz cantante nas conversas por parte nacionalista. A discrepancia pública foi o método habitual practicado pola UPG, exemplos, a substitución de Beiras como candidato á Xunta foi lanzada por Paco Rodríguez nunha entrevista de prensa por non falar de Bautista que chama “cans de palleiro” á maioría dos alcaldes e alcaldesas nacionalistas nos medios públicos. Na política de pactos nas municipais foron moitos e moitas representantes nos concellos quen foron sacrificados/as con “man dura” pola reserva aos pactos co PSOE e foi a partir do 2007 (con Quintana) cando pasamos a practicar máis á “vista gorda” utilizando a mesma táctica que os socialistas aplicaban aos seus disidentes. O alcalde máis coñecido por asistir ás procesións foi o de Vigo. Persoas da última lista de APU asistiron a festas da Garda Civil nos seus concellos. Respecto ao autonomismo cabe dicir que o Estatuto de Nación foi impulsado pola lista gañadora na XI Asemblea do BNG, a promovida pola UPG que gañou sobre outra lista que se denominaba Alternativa encabezada por Nogueira. Nesa mesma época decidiuse a estratexia de fuxir da identidade de esquerda e definirse só como nacionalistas (Xerais 2004) e ás persoas que apuntamos as nosas dúbidas sobre a cuestión chamóusenos progres despectivamente (hoxe defender o mesmo non é cousa de progres senón de patriotas).
    En fin, poderiamos seguir pero abonda con citar o máis importante, a perda de arredor de 30.000 votos en cada procesos electoral, continuamente, na última década, non é responsabilidade de quen mantivo sempre a maioría nos órganos de decisión. Botouselle a culpa e sacrificouse a Beiras, a Quintana e agora, case diriamos que a Aymerich.
    Así que reitero, o que máis me molesta son as persoas que botan as culpas aos demais e que non teñen un mínimo concepto da responsabilidade respecto aos seus actos e ás súas decisións.

    Posted by uxia | 03/02/2012, 1:32 pm
  9. É mágoa que unha persoa tan nova sosteña un discurso tan maniqueo e sobre todo tan pouco rigoroso acerca do que o BNG debateu na súa XIII Asemblea nacional. Unha Asemblea nacional na que o BNG puxo fin, definitivamento, á era quintanista. É dicir, á era en que o BNG abandonou o seu perfil como forza política transformadora, ao servizo da maioría social, claramente nacionalista e itesquerdas. Beiras, coa súa retórica vacua, non pode agochar que hoxe por hoxe está, conxunturalmente, aliado cos sectores máis institucionalistas e asimilados do BNG, que é o que representa +G (centro-esquerda galeguista).
    Oxalá o BNG que sae de Amio sexa quen de organizar ao seu redor a importantes sectores da clase traballadora que hoxe están na orfandade política, e que precisan dunha ferramenta na defensa dos seus intereses. Aos outros, boa sorte no novo camiño que emprendan.

    Posted by Revira | 03/02/2012, 1:48 pm
  10. O rapaz ten razón, que cojones!. Moita basura dentro do BNG vades de guays del pirulí e sodes igual de merdentos que o PSOE ou que o PP. E a xente pensa así.

    Posted by Red Fluid | 03/02/2012, 3:59 pm
  11. sen rollos demagóxicos como o de falar en castelán ou rúas de fraga que me mellor non califico como penso (pero que tontería é esta?) , a miña idea é que cecais non debería terse chegado a este punto, hai 2 bngs, e se están a volver incompatibles, un con ideas que convenceron a xente hai máis de 10 anos e outro que vai a pique, e o continuísmo non vai levantar isto xamáis. os votantes e simpatizantes diron a espalda a este bng, e as teses da upg por moi elexidas que estean no seo da coalición están moi lonxe dos cidadáns, eu estou con oscar, o 53% son maioría, sí, pero estan escollendo un discurso e un método que non conecta coa xente, por que? iso é o que os que non somos militantes non entendemos, pero dende fora vese bastante claro, por parte dos que sempre votaron bng, polos hai varias convocatorias que xa non o votan, e polos que dende hai unha semana dixeron que non o volveran votar…
    dende logo non é moi elegante irse do bng tras perder unha votación limpa, pero eu estou segura de que se hai unha nova marca, levará máis votos aquela donde non esté a upg. o que me parece unha perdida de tempo é o de seguir adiante coma se o bng fora un regalo de deus ó elixido povo galego, non señores, creouse nun momento e se rompe, rompe e xa está, si agora é o momento de romper pois terá que ser… o de seguir para adiante por que fora hai moito frio é por que ninguen o fixo, e nada máis, e iso levounos a esta situación. as traxedias son outra cousa, pero seguir cara adiante por que sí, é unha perda de tempo

    Posted by mary | 03/02/2012, 8:27 pm
  12. eu o que pudien observar nesta XIII Asemblea é que hai dous BNG irreconciliables polo que para min o que pasou esta fin de semana pódese resumir nunha “morte” do BNG. Hai tempo que considero que hai unha parte dese BNG que debería marchar e formarse fóra, pois aí dentro non se valora nin o que din nin o que pretenden. O que vin alí foron unhas ansias enormes de intentar manterse dentro do Consello Nacional para seguir “chupando do bote”… e non hai máis que botarlle unha ollada á páxina oficial do BNG, onde, xa na portada, aparecen as míticas figuras… Guillerme, Jorquera, Pontón… os demais non existen… e así vai pasar cando se elaboren as listas nas próximas eleccións… entraran os mesmos (UPG) e o resto fóra. Consecuencias: a xente non é parva e o partido seguirá perdendo votos, como o leva facendo hai tempo…
    Triste é que esta casa, que se leva construíndo desde hai décadas, sexa destruída por catro individu@s aos que o nacionalismo galego lle importa pouco ou nada. Xa o dicía Castelao en “Sempre en Galiza” (Galaxia 2004:17) ” […] este sentimento de soidade xa non é exclusivo dos desterrados, porque os propios galegos somos expatriados anque vivamos en Galiza […]”. E remato con outras palabras dun dos pais do nacionalismo galego, ” -Que é esto? preguntou Antonio Maura; – este é o lugar onde durmen os gañáns- respondeulle o dono da finca. I entón Maura deulle este aviso a modo de consello: Pois… procure vostede que non desperten”.
    A bo entendedor/a poucas palabras.

    Posted by Inma | 03/02/2012, 10:20 pm
  13. Sintoo Compañeiro, pero cando a españolidade dereitosa se inmiscúe no debate este non se pode facer nos termos adecuados.

    Posted by xhenrique | 03/02/2012, 11:17 pm
  14. gañou Rualcaba por un puñado de votos, e non hai dous PSOE todos seguen unidos Guilerme gañou por mais
    e xa o primeiro que se di e dos bng o Bng roto etc cal e a diferencia os do Psoe respeta a decision dos delegado e no Bng si non gaño eu non estou de acordo e falo mil pestes contra o bng . na anterior executiva do BNG non so eran membros da upg eles tamen estaban e non fixeron nin uhna sola proosta so se dedicaron a bombardear dende dentro a propia organizacion si algo se fixo mal e culpa de todos non so da Upg

    Posted by un militante que respeta a decisions toño | 04/02/2012, 9:07 pm
  15. Coincido con Toño. E sobre todo, gostariame que dalgún xeito a xente se tivese que identificar para opinar; eu sei quen é Toño, quen é Chon, XHenrique… Pero quen é “Red Fluid”? Gostariame saber se é sangue viva ou, como parece, un Bitter Kas caducado.

    Posted by manoloventos_ | 05/02/2012, 3:12 pm

Deixar unha resposta (o comerntario deberá ser aprobado polo administrador antes de ser visible)

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Nas redes sociais

Xaneiro 2012
L M M X V S D
« Dec   Feb »
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: