A xornada de onte foi un éxito en canto á participación na greve xeral. Tanto no conxunto do Estado coma no noso país, onde por certo se viviron as maiores mobilizacións da historia nunha folga xeral. Vigo rexistrou, en proporción cos seus habitantes, unha das maiores manifestacións de entre todas as cidades de España.
No Salnés o paro, dacordo cos sindicatos, foi practicamente total na industria e no comercio, especialmente na zona de Vilagarcía. Houbo casos como o do noso Concello e o d’O Grove nos que o seguimento no comercio foi máis ben escaso. Seguir lendo
Durante o xoves 29 de Marzo está convocada unha Folga Xeral para tentar parar a Reforma Laboral que o Goberno Central, en mans do Partido Popular, quere aprobar. Aínda que nun comezo esta xornada de protesta estaba convocada nas nacións do Estado polas centrais nacionalistas (en Galiza foi CIG a impulsora) finalmente a greve vivirase en toda España ao sumarse tamén os sindicatos estatais UXT e CCOO. Seguir lendo
Polo de agora tan só 15 alumnos fan uso del aínda que as instalacións teñen capacidade para 40 nenos e nenas. Segundo o Diario de Arousa o prezo por comida para os pais e nais é de 4.60€ por cada unha. A ANPA agarda obter unha subvención para o seguinte curso mediante a cal se abaratarían custos. Imaxe de La Voz de Arousa.
A raíz da toma de contacto que supuxo a creación da asociación de blogueiros, dúas colaboradoras (Merchy e Rocío) do medio amigo Cambadosweb decidiron facer un repaso polos diferentes espazos cambadeses na internet a través dunha entrevista. Pensaron dez preguntas tipo e repartíronas entre nós para a súa resposta. Hoxe tocoulle o turno á publicación da referente a CTK. Podes lela premendo aquí.
A actividade está dirixida a maiores de 18 pero que non pasen dos 35 anos. Realizarase durante diferentes fins de semana de Abril, Maio e Xuño; en cada unha delas participarán un máximo de 22 persoas. O prezo é de 88 euros para posuídores do Carné Xove e as actividades desenvolveranse n’O Grove. Inclúense rutas de sendeirismo, observación de aves, paintball, astronomía, achegamento ao marisqueo e visitas a diferentes lugares da comarca. Podes consultar o interesante programa completo premendo neste enlace. Tamén podes informarte aí de como inscribirte no programa.
“-Gustoume máis Seattle, creo que hai máis movemento, máis xente, máis que facer; pero problemente me quedaría con Vancouver para vivir.
-Claro, alí teñen sanidade de balde”
Veño de cruzar máis ou menos estas palabras co meu compañeiro de piso (el é o que dá a resposta). Seattle e Vancouver están só a unhas tres horas en coche. Pero estas dúas cidades da costa pacífica caen en países diferentes. A primeira en Estados Unidos e a segunda en Canadá.
Fíxome graza o comentario por varias razóns. A primeira simplemente porque unha das conclusións que sacáramos da fugaz visita foi que Vancouver era algo máis “europea” que as cidades americanas, e a referencia á sanidade inevitablemente tamén mira cara a outra banda do Atlántico. Non é certo que a sanidade sexa de balde, en ningún lugar nin baixo ningún sistema. Pero as diferenzas entre estes últimos son abismais e ás veces unha distancia de menos de tres horas fai que saltes dun lugar onde os cidadáns dispoñen dun sistema universal a outro no que a sanidade non é máis que outra peza do dogma oferta-demanda, e no que a pesar de dispoñer de excelente tecnoloxía e formación millóns de cidadáns non poden acceder a eles por motivos económicos.
Nestes tempos de indignación xustificada (e impresicindible), ollamos á esfera europea con estupor ante as imposicións que se fan tanto nas receitas económicas de axuste que nos levan ao desastre, como consecuentemente nos recortes sociais e laborais . Imposicións que tamén nos veñen de organismos non-eleitos até o punto de que se cambian gobernos democráticos ou Constitucións sen pasar polas urnas. Pero a pesar da indignación non é tempo de deixarse prender polo discurso antieuropeísta, tipo británico, que aproveita o desencanto para construir consignas tan simples como destrutoras. Europa é necesaria, a nosa Europa, a Europa que impulsou o Estado do Benestar, os avances nos dereitos da cidadanía, a Europa dos pobos, ese proxecto común que ten que ser unha potencia e deixar de ser potencia potencial. E por que non dicilo? A Europa que pode servir de marco para as nacións como Galiza na súa emancipación. A Europa, lembremos, da fin das fronteiras.
Volvendo ao tema sanitario, temos que defender o que está ben. E a Sanidade, como todo mellorable, é un avance fundamental. Aquí nos Estados Unidos calcúlase que máis de 35 millóns de persoas carecen de ningún tipo de seguro médico e que 45.000 morren ao ano ao non dispoñer del. Iso a pesar de que o gasto per cápita é maior que na veciña Canadá, onde repito, teñen un sistema de cobertura universal.
Nos Estados Unidos estamos en campaña electoral dende hai demasiado, principalmente coas primarias dos republicanos. Unha diferenza EEUU-Europa vital é a seguinte: Mentres aquí os conservadores pelexan acusándose uns aos outros de “liberais” (como lle chaman aos de esquerdas aquí, considerado case un insulto) e satanizando calquera forma de sistema sanitario público; en España é impensable que un político se atreva a dicir abertamente que o quere destruir. A pesar de que logo na práctica os que temos agora no poder son especialistas en desmantelalo, achicándoo aos poucos. Mais a opinión pública xamais admitiría unha proposta de partida de disolución do noso modelo de sanidade. Parece unha parvada pero a pesar dos esforzos dalgúns por americanizarnos, Europa por fortuna segue sendo diferente. Nos EEUU do pensamento individualista para moitos (demasiados) Sanidade pública significa “pagarlle a uns vagos que non queren traballar os seus gastos médicos”, en Europa é unha necesidade solidaria pero que se sabe que revirte no benestar común.
Por iso cómpre á par de mobilizarnos contra a merma democrática que nos vén de “arriba”, defender a necesidade do modelo europeo, da socialdemocracia e do Estado do Benestar. Que perdamos esta batalla significará sen dúbida un futuro moito peor para os que veñan. Condenarémolos a vivir nun lugar menos xusto. Senón que llo pregunten a outro amigo americano que hoxe comendo comentábame o seguinte:
“ É triste, pero agora mesmo estou sen seguro sanitario.” Poñédevos no seu lugar. Penso que nun país normal ninguén debería pasar por isto. E tamén podería meter no saco o ensino ou os servizos sociais. Outro tanto.
Óscar Pardo Planas. Preme aquí para ver todos os seus artigos.
O voceiro do Bloque presentou unha moción na que se interpela ao Alcalde acerca do cesamento da Secretaria do Concello de Cambados, Ángela María Viqueiro. Trascendeu hai ben poucos días o conflito (ou altercado) habido nas propias dependencias municipais entre esta Secretaria e unha funcionaria, que rematou incluso en demanda no Xulgado na que compareceu entre outros o Tenente de Alcalde. O BNG quere saber, antes a falla de información, cal é o verdadeiro motivo do cesamento de Viqueiro. Ademais, piden que para a próxima persoa que ocupe o seu cargo, se habilite na Calzada un despacho propio para a Secretaría, de xeito que as reunións deste cargo con veciños e representantes sexan confidenciais. Seguir lendo
As entradas da nova obra da Compañía Caracol xa están á venda. Pódense adquirir en Sansatur e en Chinelas e estas sesións para o público xeral (lembrar que as obras de Caracol teñen como principais destinatarios os nenos e nenas dos centros de ensino) serán o Domingo 22 de Abril ás 6 e ás 8 da tarde no Salón de Actos do IES Francisco Asorey. Seguir lendo
As librarías Contos e Cabanillas veñen de anunciar o nome da persoa que recollerá en Maio o noveno Premio Ramón Cabanillas. Será a profesora Maribel Iglesias Baldonedo, docente no IES Francisco Asorey e historiadora. Maribel ten traballado arreo desde o ámbito do ensino arredor de figuras como o propio Cabanillas (lembrar que en 2009 adicóuselle o Ano) ou Francisco Asorey. Dirixiu en 2005 a publicación de “Cambados, cen anos de historia a través da fotografía”, un traballo en equipo con alumnos e profesores do Asorey, e en 2009 grazas a CANDEA veu a luz o seu “Ramón Cabanillas Enriquez – Biografía en Imaxes”. Seguir lendo
O Bloque Nacionalista Galego organizou un acto público para este venres en Cambados, co tema central da Reforma Laboral. Será ás 20.30 horas do venres no Salón de Peña e falarán Víctor Caamaño (portavoz local), Montse Prado (Secretaria de Organización) e Francisco Jorquera (candidato á Xunta de Galiza). O BNG tense amosado moi crítico con esta Reforma, que recorta dereitos dos traballadores, apoiando a convocatoria da Folga Xeral desde que o sindicato CIG (que se adiantou aos estatais) anunciou que se levaría a cabo o 29 de Marzo.