O “Padrenuestro” que eu aprendín de nena era en castelán e dicía así: “perdónanos nuestras deudas así como nosotros perdonamos a nuestros deudores”, pero fai uns cantos anos a xerarquía católica decidiu cambiar este fragmento, só este, que agora di: “perdona nuestras ofensas así como nosotros perdonamos a los que nos ofenden”, non entendín moi ben o porqué da modificación, parecía un cambio pouco sustancial. Pero vista a situación actual, con esta crise endiañada que estamos vivindo semella que cobra sentido. É como se eles intuíran o que ía pasar, porque os poderosos que nos dirixen teñen a determinación de que paguemos todo o que se debe e a quen se lle debe: a Banca, custe o que custe e a costa de todos nós.
Lembrade a reforma express que se fixo na nosa Constitución. Consistiu basicamente en anular o anterior artigo 135 e substituílo por un novo, máis extenso e preciso e no que se di expresamente no apartado 3, o seguinte: “Los créditos para satisfacer los intereses y el capital de la deuda pública de las Administraciones se entenderán siempre incluidos en el estado de gastos de sus presupuestos y su pago gozará de prioridad absoluta”.
É dicir que antes de pagar as pensións, o paro a sanidade ou a educación haberá que pagar prioritariamente o que se debe. Sábeno ben os gregos, e o suicidio na Praza Sintagma de Atenas, dun xubilado desesperado polas débedas é unha metáfora do suicidio colectivo cara o que nos diriximos.
Os presupostos xerais do Estado que se acaban de anunciar, bendicidos dende Bruxelas, van nesta liña, o primeiro é reducir o déficit e calquera é capaz de entender que unha economía non depende só do que gasta senón tamén do que ingresa, polo que se o país segue sumido na depresión, anque gastemos menos o obxectivo de déficit non se cumprirá. Supostamente son os mercados os que nos piden estes sacrificios para confiar en nós e son eles mesmos, xusto despois de coñecelos os que subiron a prima de risco por riba dos 400 puntos, porque tampouco se fían da nosa recuperación económica, en fin unha espiral absurda.
Pero nin a reforma laboral nin a redución do déficit son por si sós capaces de sacarnos deste pozo, a raíz do problema, o din os economistas sensatos e moitos empresarios, está na falla de financiación. O diñeiro non chega a empresas e particulares. O BCE prestou miles de millóns de euros aos bancos a baixo xuros coa esperanza de que chegase a empresarios e familias, pero non, os bancos preferiron investilo en débeda pública ou volver a depositalo de novo no BCE. Eses mesmos bancos que fai cinco anos dábanlle créditos a calquera sen apenas avais, para mercar casa, coches, viaxes… hoxe non se fían de ninguén. Ás veces semella que a economía é bipolar, pasamos da fartura á fame, da euforia á depresión. E asáltanme varias preguntas: por que se deixa caír Spanair e se salva a CAM?, por que non pode prestar directamente, sen intermediarios, o propio BCE?. Por que se presta aos bancos a 3 anos e a un 1% de xuro e sen garantías (pese á difícil situación de moitos bancos) e non ás nosas empresas?.Parece ser que Merkel e unha cláusula absurda o impiden. Ou non tan absurda, trátase en definitiva de evitar que asuma as funcións da banca privada; se descubrimos que un banco público pode prestarnos diñeiro directamente, para que necesitamos aos bancos privados?. Algo disto fixeron os cidadáns islandeses para desatascar a súa situación, e non lles vai nada mal.
Mentres tanto aos cidadáns só nos queda rezar para que a situación mellore. Xa o dicía Inaki Gabilondo nunha das súas crónicas en vídeo, crer que a reforma laboral vai solucionar o paro é cuestión de fe. Rezade por favor co “vello padrenuestro”. Poder ser máis eficaz.
Maribel Iglesias. Le todos os seus artigos premendo aquí.
Tamén podes seguila nun blog sobre Asorey ou no blog de xeografía crítica O Umia.
É que que o recorte do déficit nos está levando a unha maior depresión dino os economistas sensatos e dino os indicadores. Tamén o di o propio sentido común, non hai estímulo, contráese a actividade, os ingresos, gástase menos, menos emprego…e volta a comezar. Este camiño non nos leva a nada bo, o único que falta por saber é cando vai dicir “basta” a sociedade, que é o que fai falla para mudar de rumbo a situación…
Excelente artigo, Maribel, efectivamente ou hai reacción, ou quédanos rezar.